(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Lince ibérico - Wikipedia, a enciclopedia libre

Lince ibérico

mamífero carnívoro da subfamilia dos felinos
(Redirección desde «Lynx pardinus»)

O lince ibérico,[2][3] Lynx pardinus (Temminck, 1827), é un mamífero carnívoro pertencente á familia dos félidos, subfamilia dos felinos. É semellante a unha versión do lince eurasiático, Lynx lynx, aínda que é menor que estoutra especie de lince. O lince ibérico é moito maior ca un gato doméstico. Este mamífero ten un aspecto robusto, unhas patas longas (polo que é un animal moi veloz) e un rabo curto que nos momentos de perigo ou excitación mantén erguido. O lince ibérico garda gran semellanza con outras especies de felinos, tales como o gato montés, o guepardo ou mesmo o puma.

Lince ibérico
Lynx pardinus

Macho
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Carnivora
Familia: Felidae
Subfamilia: Felinae
Xénero: Lynx
Especie: L. pardinus
Nome binomial
Lynx pardinus
(Temminck, 1827)
Distribución do lince ibérico en 1980
Distribución do lince ibérico en 1980

Distribución do lince ibérico en 1980
Distribución en 2003
Distribución en 2003

Distribución en 2003

Atópase exclusivamente en zonas moi restrinxidas de España e Portugal tales como áreas do bosque mediterráneo nas cales non hai actividade humana con abundantes matogueiras. É o único carnívoro especializado en coellos; tamén é un áxil cazador que vive de maneira solitaria e nómade. Móstrase de maneira máis sociable na época de celo, que comeza entre xaneiro e febreiro; alcanza a súa madurez sexual ao ano e medio de vida e adoita vivir entre 10 e 15 anos. Grupos ecoloxistas denunciaron que o último gran felino en Europa podería desaparecer de non se tomar medidas de conservación do medio ambiente. Trátase dun animal que xa dende 1966 está clasificado como en perigo de extinción, xa que pasou de ocupar gran parte do centro e sur da Península Ibérica a ocupar soamente zonas restrinxidas de Andalucía, Castela A Mancha, Estremadura, Castela e León, Madrid e Portugal. Os núcleos máis importantes destes felinos atópanse na Serra Morena oriental e Doñana.

No ano 2012 a poboación medrou até os 326 individuos,[4] chegando a 855 en 2020,[5] 1.111 en 2021,[6] 1.668 en 2023,[7] e 2.021 en 2024, o que levou á súa reclasificación como especie vulnerable.[8]

Distribución xeográfica

editar

Até o século XIX, o lince ibérico atopábase distribuído por toda a Península Ibérica, agás ao longo dunha estreita faixa no norte e noroeste peninsular.[9] O rexistro fósil indica unha distribución máis ampla do lince ibérico na fin do Plistoceno, abranguendo unha superficie de preto de 650 000 km² que se prolongaba até o sur de Francia.[9] Por volta de 1950, a súa distribución dividiuse en dúas poboacións; unha no norte dende Galiza e partes do norte de Portugal até o mar Mediterráneo, e a poboación meridional, repartida en varias zonas de España.[9][10] Estímase que entre 1960 e 1990 houbo unha regresión de preto do 80% na área de distribución e é unha tendencia que se mantén tamén hoxe en día. Na década de 1980, a especie presentaba unha distribución localizada na zona central e suroeste da Península Ibérica, con preto de 11 000 km².[9][11]

Actualmente, a distribución do lince está restrinxida en dúas áreas da península onde se atopan poboacións reprodutoras: o Parque Nacional de Doñana e Andújar-Cardeña. Tamén existe unha presenza residual de individuos nas rexións dos Montes de Toledo orientais, o Sistema Central e algunhas áreas da Serra Morena. As poboacións mantéñense estábeis preto de 350 km², constatándose a reprodución soamente en 14 000 ha.[11]

Este felino prefire un ambiente heteroxéneo de prados abertos con arbustos densos como o érbedo, a aroreira e o xenebreiro, e árbores como a aciñeira e a sobreira. Está agora restrinxido a áreas montañosas, con poucos grupos encontrados en fragas. No Parque Nacional de Doñana, prefire o bosque mediterráneo asociado, sobre todo, a algún curso de auga.[12] Xeralmente evita plantacións de piñeiro e eucalipto.[12]

En Galicia

editar

O zoólogo da Universidade de Montana, Anthony Clevenger, afirmou ter observado un exemplar en 1985, xunto ao castelo de Doiras, no concello de Cervantes.[13]

Un espécime criado en catividade en Silves, Portugal, chegou a Galiza despois de percorrer máis de 2 000 km dende os Montes de Toledo, lugar onde foi liberado o 15 de decembro de 2014.[14] O seu seguimento fíxose grazas a un colar GPS-GSM que aporta datos ao programa de reintrodución do lince ibérico. O lince, de nome Kentaro, está asentado temporalmente no sur da provincia de Ourense polo menos dende 2016, concretamente entre os concellos de Riós e A Gudiña onde se detectaron pegadas e excrementos seus.[15]

Alimentación

editar

Caza á primeira hora da mañá e á última da tarde. Localiza a presa coa vista e o oído. Agóchase entre os matos, achégase coidadosamente á presa e posteriormente arrebólase sobre ela cun chimpo curto e rápido, para despois apresala coas garras ou mordela no colo producindo o esmagamento do cranio e unha luxación das vertebras. Tras a caza, os linces desprázanse a un lugar tranquilo e oculto onde comezan a devorala pola cabeza e non consumindo nin o estómago nin os intestinos.

No verán, ademais de coellos e lebres (a súa comida principal) aliméntase de aves e pequenos mamíferos. Mentres que no inverno, de cervatos e muflóns e mesmo corzos, gatos monteses, lontras e raposos.

Costumes

editar

Adoita vivir de maneira solitaria e nómade e a súa época máis sociable é a do celo, que comprende desde finais de decembro a mediados de febreiro, na que crea parellas ata que a femia queda embarazada. Os partos teñen lugar en primavera e as camadas non son moi numerosas (normalmente 3 crías). As crías permanecen sobre medio ano cabo da nai e ao ano de idade deixan de vivir no territorio maternal.

As femias poden criar no seu primeiro inverno, pero a época da primeira reprodución pode variar por factores demográficos e ambientais. Nunha poboación de gran densidade como a de Doñana, a idade da primeira reprodución depende de cando unha femia adquire un territorio. Isto ocorre normalmente debido á morte ou a expulsión dun residente.

Reprodución

editar
 
Femia coa súa cría.

O lince ibérico é un animal que vive só durante a maior parte do ano, polo que só mantén o contacto cos outros individuos da súa especie na época de celo que dura dous meses, na estación de inverno (xaneiro e febreiro). Nesta época os machos, cando xa está ben entrada a tarde, comezan a emitir unha serie de sons para atraer ás femias; cando o macho xa seduciu a femia constrúen as tobeiras, que habitualmente están situadas en lugares protexidos e escondidos e onde despois a femia dará a luz e coidará aos seus cachorros despois de máis de dous meses de xestación. Xeralmente os linces femia acostuman parir entre dous e tres cachorros entre os meses de abril e marzo. A nai é a que acostuma quedar ao cargo das crías, e estas quedarán a vivir na mesma zona que ocupa a nai ata que cumpran o ano, despois do cal acostuman ocupar outra zona dun territorio próximo.

editar

A antiga presenza da especie en Galicia deixou varios nomes autóctonos do lince. Martín Sarmiento no seu Catálogo de voces y frases de la lengua gallega recolle cinco nomes vulgares: lobo cerval, lobezno, lubicán, lobo rabaz e tigre.

O lince tamén parece asociado á lenda do loberno, unha criatura mítica que pode paralizar ás súas vítimas co poder do seu ollar.

  1. Rodríguez, A. "Lynx pardinus". Lista Vermella de especies ameazadas. (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para lince.
  3. Lince ibérico (Lynx pardinus). Consellería de medioambiente. Xunta de Galicia.
  4. Lopez, G.; Lopez, M.; Fernandez, L.; Ruiz, G.; Arenas, R.; Del Rey, T.; Gil, J.M.; Garrote, G.; Garcia, M.; Simon, M. (2012). "Population development of the Iberian lynx since 2002". Cat News 57: 34. 
  5. Jones, S. (2020). "The lynx effect: Iberian cat claws its way back from brink of extinction". The Guardian. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2020. Consultado o 29 de outubro de 2020. 
  6. Lusa (2021). "Pela primeira vez em 20 anos, há mais de 1000 linces-ibéricos". Público. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2021. Consultado o 28 de maio de 2021. 
  7. "La población de linces ibéricos alcanza su máximo histórico: 1.668 ejemplares". www.miteco.gob.es. Arquivado dende o orixinal o 7 de xuño de 2023. Consultado o 7 de xuño de 2023. 
  8. g24.gal, ed. (20 de xuño de 2024). "O lince ibérico deixa a clasificación de especies en perigo de extinción". Consultado o 23 de xuño de 2024. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 Ferreras, P.; Rodrígues, A.; Palomares, F.; Delibes, M. (2010). Oxford University Press, ed. "Iberian lynx: the uncertain future of a critically endangered cat" - Biology and Conservation of Wild Felids. Oxford, Reino Unido. pp. 507–520. ISBN 978-0199234455. 
  10. Clavero, Miguel; Delibes, Miguel (2013). "Using historical accounts to set conservation baselines: the case of Lynx species in Spain". Biodiversity Conservation Journal (22): 1691–1702. doi:10.1007/s10531-013-0506-4. 
  11. 11,0 11,1 ICNF. Plano Sectorial da Rede Natura 2000 - Lynx pardinus. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2016. Consultado o 13 de marzo de 2016. 
  12. 12,0 12,1 Sunquist, M.E.; Sunquist, F.C. (2009). Wilson, D.E.; Mittermeier, R., ed. Handbook of the Mammals of the World - Volume 1. Barcelona. pp. 54–170. ISBN 978-84-96553-49-1. 
  13. "Observación de un lince ibérico" (PDF). www.digital.csic.es (en castelán). pp. 140–141. Consultado o 28 de agosto de 2019. 
  14. Quian, Alberto (4 de febreiro de 2016). "Kentaro, o lince ibérico que percorreu 2.410 quilómetros até chegar a Galicia". Galicia Confidencial. Consultado o 13 de marzo de 2016. 
  15. Martínez, Sindo (12 de marzo de 2016). "El rey felino se instala en Ourense". La Voz de Galicia. Consultado o 13 de marzo de 2016. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Barea, J. M. e Ballesteros, E. 1999. Carnívoros ibéricos. Colegio Oficial de Biólogos de Andalucía.
  • Cabrera, Ángel. 1914. Fauna ibérica. Mamíferos. Museo Nacional de Ciencias Naturales.
  • Castell, A. e Mayo, M. 1993. Guía de los mamíferos en libertad de España y Portugal. Ed. Pirámide.
  • David Whyte Macdonald, Andrew J. Loveridge (2010). "Iberian lynx: the uncertain future of a critically endangered cat". Biology and conservation of wild felids. Oxford University Press [S.l.] p. 762. ISBN 9780199234455.
  • ICNF. Plano Sectorial da Rede Natura 2000 - Lynx pardinus Arquivado 14 de marzo de 2016 en Wayback Machine. [S.l.: s.n.]
  • Olney, H. 2002. Lynx pardinus (en liña), Animal Diversity Web

Ligazóns externas

editar