(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Mariner 2 - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Mariner 2

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 28 de xuño de 2024 ás 13:46 por Breogan2008 (conversa | contribucións)
(dif) ← Revisión máis antiga | Revisión actual (dif) | Revisión máis nova → (dif)
Mariner 2
Mariner 2.
TipoCientífico
OrganizaciónNASA
Destino actualEn órbita heliocéntrica, fóra de servizo.[1][2][3]
Data de lanzamento27 de agosto de 1962, 9:21 GMT[1][4][5][6]
Foguete portadorAtlas Agena B[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla 12[1][2]
Obxectivo da misiónEstudo de Venus.[1][2]
NSSDC ID1962-041A
Masa202,8 kg[1]
Potencia220 vatios[1]

Mariner 2 foi unha sonda espacial estadounidense lanzada o 27 de agosto de 1962 mediante un foguete Atlas Agena B desde o Centro Espacial de Cabo Cañaveral para estudar Venus.[1][2][3]

Características

[editar | editar a fonte]

Mariner 2 pertenceu ó programa Mariner da NASA e foi a segunda do seu tipo. Era idéntica á previamente fallada Mariner 1 e a súa misión era facer un sobrevoo de Venus para facer medicións e observacións científicas do planeta e o seu contorno. Foi a primeira sonda interplanetaria que tivo éxito.[1][2][3]

A nave estaba composta por unha base hexagonal cunha diagonal de 1,04 metros e 0,35 metros de alto, que albergaba seis compartimentos co equipamento de control, electrónica, comunicacións, enerxía e datos. Na parte superior do hexágono atopábase un mastro piramidal coa instrumentación científica e dándolle á nave unha altura total de 3,66 metros. Na base oposta do hexágono atopábanse os paneis solares, cunha envergadura total de 5,05 metros e un ancho de 0,76 metros. No mesmo lado atopábase o prato da antena de alta ganancia.[1][2][3]

O sistema de enerxía de Mariner 2 estaba composto polos paneis solares e as baterías alimentadas por estes, cunha enerxía total de 1000 vatios hora e feitas de prata e cinc. As comunicacións tiñan lugar grazas a un transmisor cunha potencia de 3 vatios capaz de emitir telemetría continuamente e a varias antenas, unha parabólica de alta ganancia, unha cilíndrica omnidireccional situada no extremo do mastro científico, e dúas antenas para recibir comandos de terra, unha en cada extremo dos paneis solares. O sistema de propulsión principal para as manobras de corrección estaba formado por un foguete de 225 N de impulso alimentado con hidracina, tetróxido de nitróxeno e partículas de óxido de aluminio. O control de actitude conseguíase mediante propulsores de nitróxeno cun erro de apuntado de 1 grao.[1][2][3]

Instrumentación científica

[editar | editar a fonte]

No extremo do mastro científico, baixo a antena omnidireccional, atopábase o magnetómetro. Cara a metade do mastro atopábanse os detectores de partículas e o detector de raios cósmicos. Nos bordos da base hexagonal estaban situados o detector de po cósmico e o espectrómetro de plasma solar, mentres que cerca da base do mastro, e montados nunha antena de 48 cm de diámetro, estaban o radiómetro de microondas e o radiómetro infravermello xunto co radiómetro de referencia. Tódolos instrumentos, excepto os radiómetros, que foron acendidos na veciñanza de Venus, funcionaron durante todo o tempo da viaxe, recollendo datos do medio interplanetario.[1][2][3]

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]
Traxectoria que seguiu a Mariner 2 para chegar a Venus.

Tras o lanzamento, a sonda, xunto coa etapa superior do foguete, quedaron nunha órbita de aparcadoiro a 118 km de altura. 980 segundos máis tarde o foguete acendeuse e deixou á Mariner 2 nunha órbita heliocéntrica aos 26 minutos e 3 segundos do lanzamento, escapando da atracción gravitatoria terrestre. Os paneis solares despregáronse aos 44 minutos do lanzamento e o 29 de agosto os instrumentos científicos, excepto os radiómetros, foron acendidos. A primeira manobra de corrección de traxectoria tivo lugar o 4 de setembro ás 22:49:00 UTC, finalizando ás 2:45:25 do día seguinte. O 8 de setembro a nave perdeu o seu control de actitude de maneira inesperada e por causas descoñecidas, recuperándose automaticamente tres minutos máis tarde. O 31 de outubro un dos paneis solares comezou a ter problemas para producir electricidade, apagándose os instrumentos científicos; unha semana máis tarde o panel volveu a funcionar correctamente, co que os instrumentos volveron a acenderse, pero o panel fallou totalmente o 15 de novembro. Neste punto Mariner 2 xa estaba suficientemente cerca do Sol como para poder producir electricidade sen problemas para toda a nave cun só panel solar. Os radiómetros acendéronse o 14 de decembro, e ese mesmo día ás 19:59:28 a nave pasou á súa mínima distancia de Venus, 34.773 km, achegándose polo lado nocturno do planeta. Tras o sobrevoo de Venus, Mariner 2 pasou polo perihelio o 27 de decembro. A última transmisión de Mariner 2 foi recibida o 3 de xaneiro de 1963 ás 7:00 UTC.[1][2][3]

Resultados científicos

[editar | editar a fonte]

Mariner 2 descubriu que Venus rota sobre si mesmo retrogradamente, é dicir, no sentido contrario ó que a Terra rota sobre si mesma. Determinou tamén que a temperatura na superficie de Venus era moi alta, de centos de graos Celsius, e que a súa presión era de decenas de atmosferas. Comprobou ademais que a composición da atmosfera era maioritariamente dióxido de carbono, cunha cobertura nubosa continua ata unha altura de 60 km, e que o planeta carecía de campo magnético. No medio interplanetario descubriu que o vento solar sopra continuamente e que a densidade de po cósmico é moito menor que nas proximidades da Terra. O sobrevoo permitiu ademais mellorar a estimación da masa de Venus e do valor da unidade astronómica.[1][2][3]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 NASA (1 de xullo de 2013). "Mariner 2" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 Mark Wade (2011). "Mariner 2-2" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 3,8 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "Mariner 2, 2" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  4. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MARINER 2 (VENUS)" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  5. "Letter dated 1 October 1962 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Acting Secretary-General" (PDF) (62-21773). 3 de outubro de 1962: 2. Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  6. Claude Lafleur (2010). "Mariner 2 (Mariner II)" (en inglés). Consultado o 26 de xullo de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]