Bucellarii
Bucellarii (o plural latino de Bucellarius; literalmente "comedor de galletas",[1] grego: Βουκελλάριοι) foron formacións de tropas de escolta empregadas no Imperio romano na antigüidade tardía,[2][3] durante o reinado de Teodosio (379-395)[4] e continuaron no Imperio romano de Oriente. A palabra derivaba do tipo de racións de pan que comían estas tropas, o chamado buccellatum[3][4]
Historia
[editar | editar a fonte]Segundo Jon Coulston, os rexementos de bucellarii xa aparecen na Notitia Dignitatum.[3] A súa orixe, posiblemente, estivese nunha tradición de orixe xermánica pero que a partir do 395, están perfectamente presentes no Imperio romano no costume de empregar xermanos ou godos como garda persoal dos emperadores ou dos xenerais.[5] Estaban ao servizo particular de figuras militares de alto rango (como Flavio Aecio e Belisario) ou de cargos civís;[3][6] polo tanto, non estaban ao servizo, propiamente, do estado. O poeta Claudiano tamén describiu aos bucellarii como un exército de bárbaros empregados por figuras militares, políticos e xefes militares como Estilicón e o seu rival o prefecto do pretorio Rufino[7] (os cales pasan por ser os primeiros en recrutalos para as súas leas)[4] ou Aecio.
A súa creación reflectiu un aumento no "uso de comitiva armadas por parte dos funcionarios públicos" no Imperio romano.[3] Estes exércitos estaban, polo tanto, asociados ao declive da autoridade imperial porque demostraban que xa non tiña o monopolio da violencia.[8][7] O bucellarius tiña estreitos lazos co seu comandante, apoiándoo na súa pelexa contra outros comandantes e incluso contra o Imperio, a corte e o emperador. Isto pódese ver no exército que empregou Heracliano no seu intento de apoderarse da Italia romana do emperador Honorio;[9] de tal xeito, que durante o reinado deste, do 395 ao 423, o termo bucelarii, pasou a se converter nun termo de uso común.
Coulston sinala que os bucellarii proporcionaron a mellor cabalería nos exércitos romanos dos séculos V e VI, e foron "recrutados entre romanos, persas, godos e hunos, entre outros".[3] O recrutamento de soldados de orixe bárbara está ben documentado, como se demostra na descrición do exército herdado pola viúva de Constancio III, Gala Placidia.[9] Xoán de Antioquía, informou que os xefes dos bucelarii de Aecio eran de orixe huna e que vingaron ao seu señor matando a Valentiniano III, despois de que este mandase matar a Aecio.[4]
Os bucellarii, xeralmente, recibían os salarios máis altos e estaban armados co mellor equipo das fábricas do imperio[10] e tamén recibían dos seus xefes unhas roupas especiais que os diferenciaban do resto.[11] Algunhas fontes afirman que os bucellarii eran mercenarios e describen aos seus líderes como soldados de fortuna.[8] Este foi particularmente o caso das compañías militares que operaron en Italia dos séculos VI a VII.[8]
Evolución
[editar | editar a fonte]Os bucellarii formaron tropas de cabalería de elite que foron contratadas por individuos. A principios do século VII, constituían unha división de elite das forzas terrestres do Thema Opsiciano e estaban baixo a autoridade dun doméstico.[12] Cando no século VII, se estableceron as áreas de recrutamento militar que constituían a base do sistema de Themas ou divisións civís e militares do imperio romano de oriente, un dos primeiros themas creados en Anatolia foi o de Bucelario, que agrupaba a Paflagonia e parte de Galacia e de Frixia, en Anatolia, e tiña a capital en Ancira (actual Ancara).[13]
Hispania
[editar | editar a fonte]En Hispania, aínda que ao final da época romana xa aparecían unhas milicias privadas dos grandes propietarios, foi durante o reino visigodo, en que os bucellarii se converten nun auxiliar militar dun magnate visigodo, que o defendía e, mesmo, ía a batalla con el. Despois, se converteron nun grupo que administraba un terreo concedido polo seu señor dentro dos dous terzos das terras que lle correspondía a cada magnate.[14]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Dixon & Southern (1996), p. 72.
- ↑ Prinzing (2008), p. 662 (Tamén son descritos como "gardacostas organizados militarmente" ou "forzas de elite defensivas").
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Coulston (2018), p. 270.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 4,3 Soto Chica (2020), p. 17.
- ↑ Vinogradoff (1913), p. 642.
- ↑ Prinzing (2008), p. 662.
- ↑ 7,0 7,1 Fields (2014).
- ↑ 8,0 8,1 8,2 France (2008), p. 189.
- ↑ 9,0 9,1 Rich & Shipley (2002), p. 269.
- ↑ Heather (2018), p. 54.
- ↑ Vinogradoff (1913), p. 643.
- ↑ Lounghis (1996), pp. 27-36.
- ↑ Kadjan & 1991 (316).
- ↑ Vinogradoff (1913), pp. 631-654.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Coulston, Jon (2018). "Bucellarii". En Nicholson, Oliver. The Oxford Dictionary of Late Antiquity (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-866277-8.
- Dixon, Karen R.; Southern, Pat (1996). Late Roman Army (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 978-1134724222.
- Fields, Nic (2014). AD69: Emperors, Armies and Anarchy (en inglés). Barnsley, UK: Pen & Sword Military. ISBN 9781781591888.
- France, John (2008). Mercenaries and Paid Men: The Mercenary Identity in the Middle Ages (en inglés). Leiden / Boston: BRILL. ISBN 9789004164475.
- Heather, Peter (2018). Rome Resurgent: War and Empire in the Age of Justinian (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 9780199362745.
- Kajdan, A.P., ed. (1991). The Oxford Dictionary of Byzantium (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 9780195046526.
- Lounghis, T.C. (1996). "The Decline of the Opsikian Domesticates and the Rise of the Domesticate of the Scholae". Byzantine Symmeikta (en inglés) 10 (10): 27–36.
- Prinzing, Günter (2008). "Patronage and retinues". En Jeffreys, Elizabeth; Cormack, Robin; Haldon, John F. The Oxford Handbook of Byzantine Studies (en inglés). Oxford / Nova York: Oxford University Press. ISBN 978-0199252466.
- Rich, John; Shipley, Graham (2002). War and Society in the Roman World (en inglés). Londres: Routledge. ISBN 0203075544.
- Soto Chica, José (2020). Imperios y bárbaros: La guerra en la Edad Oscura (en castelán). Madrid: Desperta Ferro Ediciones. ISBN 978-84-121687-0-9.
- Vinogradoff, Paul (1913). "FOUNDATIONS OF SOCIETY (ORIGINS OF FEUDALISM)". En GWATKIN, H. M.; WHITNEY, J. P. The Cambridge Medieval History. Vol. II THE RISE OF THE SARACENS AND THE FOUNDATION OF THE WESTERN EMPIRE (en inglés). Nova York: The McMillan Company. pp. 631–654.