DAFO
DAFO é o acrónimo de Debilidades, Ameazas, Forzas e Oportunidades. É unha técnica para analizar e mellorar a realidade. Pode aplicarse a todo tipo de contextos, persoas, grupos, fenómenos, obxectos e ideas. Baséase no uso de matrices ou táboas para analizar a realidade e reflexionar sobre as posibilidades de mellora ou acción que proporciona. Por exemplo, pódese aplicar o DAFO para reflexionar sobre os problemas que ten unha escola e como se pode mellorar a súa situación e o seu funcionamento. Do mesmo xeito, pódese aplicar á acción política, social, cultural, lingüística, ideolóxica, empresarial, etc.
Definición
[editar | editar a fonte]O DAFO é un heurístico que permite analizar unha realidade para apreciar os factores, tanto internos como externos, que facilitan ou atrapallan o desenvolvemento dos procesos ou a consecución dos obxectivos. Crúzanse dúas dimensións de análise[1]:
- Localización do factor: poden ser internos ou externos. Por exemplo, para unha escola, son factores internos todas as persoas, recursos, espazos, elementos organizativos, normativas, acordos, hábitos, traxectoria etc. que ten a propia escola. Son factores externos a poboación que rodea a escola, os medios do contorno, os medios de comunicación, a lexislación etc.
- Incidencia do factor: poden facilitar ou atrapallar (obstaculizar) o desenvolvemento dun proceso ou a consecución dos obxectivos. Por exemplo, seguindo co caso da escola, facilitan a actividade escolar a motivación do profesorado, unhas boas instalacións, uns recursos didácticos axeitados, unha boa colaboración co concello etc. Serían factores que atrapallan e, por tanto, obstaculizan, un clima adverso, a ausencia de calefacción no inverno, a falta de recursos, o enfrontamento entre pais e profesores etc.
Orixe
[editar | editar a fonte]A pesar de ser bastante difundida e citada por autores, é difícil atopar unha literatura que aborde directamente o DAFO e que indique a súa orixe. Tarapanoff (2001: 209) recolle unha sorprendente cita de Sun Tzu (500 aC) que describe esta técnica tal como a coñecemos: "Concéntrate nos puntos fortes, recoñece as fraquezas, agarra as oportunidades e protéxete contra as ameazas".
Pódense encontrar diversas atribucións, que remontarían a orixe aos anos sesenta e que recollemos:
- Dyson (2004) atribúe a técnica a Learned, Christensen, Andrews e Guth[2].
- Marquis e Huston (2006) consideran que foi orixinalmente unha proposta de Albert Humphrey nos anos sesenta nos Estados Unidos durante unha investigación do Instituto de Investigacións de Stanford que tiña como obxectivo descubrir os fallos da planificación corporativa.
- Públio (2008) indica que a análise DAFO foi creada por dous profesores da Harvard Business School: Kenneth Andrews e Roland Christensen.
Mecanismo
[editar | editar a fonte]O procedemento aplicado é o dunha matriz ou táboa. Miles e Huberman (1984) describiron como as táboas posibilitan a análise da realidade desde unha perspectiva cualitativa. Debido a que están compostas de filas (horizontais) e columnas (verticais), as táboas permiten a organización en dúas dimensións de datos. Nunha táboa, pódense clasificar círculos e triángulos de acordo coa súa forma e cor. Pero tamén podería servir para xerar esas novas figuras a partir dos cabezallos das filas e columnas. Deste xeito, combinando as formas coas cores, aparecerían novas figuras (Táboa 1). Por tanto, se se colocan unha serie de factores nos cabezallos das columnas (por exemplo, letras) e outra serie de factores nos cabezallos das filas (por exemplo, números), obteranse as combinacións entre elas nas encrucilladas de cada fila e columna: A1, A2, B1, B3 (Táboa 2). Este é o mecanismo básico da utilización das táboas ou matrices para a análise da realidade. O DAFO analiza dúas dimensións específicas dos factores: localización e incidencia. Combinando as variábeis de cada dimensión, posibilita a análise organizada e sistemática da realidade que se someta a investigación. Trátase de combinar estes factores co gallo de observar como inciden, se relacionan ou afectan aos demais (Táboa 3).
Exemplo de DAFO
[editar | editar a fonte]Trátase de analizar o caso dunha nena xorda que vai integrarse nunha escola. Pódese realizar esta análise:
Forzas | Debilidades | |
---|---|---|
Análise Interna |
*Apoio de docentes e compañeiros *Capacidade de ler os beizos *Manexo da lingua de signos |
*Non entende se non ve os beizos *Experiencias negativas *Temores ao fracaso |
Oportunidades | Ameazas | |
Análise Externa |
*Convocatoria de proxectos de innovación *Unha asociación pode apoiar cun intérprete de signos *O centro de recursos pode proporcionar os materiais non escritos subtitulados ou transcritos |
*Falta de recursos pola crise *Incomprensión do comportamento *Falta de apoio na vida cotiá |
Explicación:
[editar | editar a fonte]- Análise interna: desde dentro da escola, inciden:
- Forzas: axudan á súa inclusión:
- Apoio de docentes e compañeiros
- Capacidade de ler os beizos
- Manexo da lingua de signos
- Debilidades: dificultan a súa inclusión:
- Non entende se non ve os beizos
- Experiencias negativas
- Temores ao fracaso
- Forzas: axudan á súa inclusión:
- Análise externa: desde fóra da escola, inciden:
- Oportunidades: axudan á súa inclusión:
- Convocatoria de proxectos de innovación
- Unha asociación pode apoiar cun intérprete de signos
- O centro de recursos pode proporcionar os materiais non escritos subtitulados ou transcritos
- Ameazas: dificultan a súa inclusión:
- Falta de recursos pola crise
- Incomprensión do comportamento pola xente do contorno
- Falta de apoio na vida cotiá
- Oportunidades: axudan á súa inclusión:
Toma de decisións:
[editar | editar a fonte]- Minorar os obstáculos:
- Non entende se non ve os beizos: os docentes e compañeiros de centro deben aprender a dirixirse a ela asegurándose que ela os ve; facer un taller explicativo.
- Experiencias negativas: o orientador do centro pode revisar con ela as experiencias negativas para comprendelas e superalas; reunirse co orientador.
- Temores ao fracaso: reforzar a súa autoestima; reunirse cos docentes e co seu pai e mai.
- Falta de recursos pola crise: buscar fontes alternativas; contactar co concello e buscar en Internet.
- Incomprensión do comportamento pola xente do contorno: realizar charlas divulgativas sobre as persoas xordas no barrio.
- Falta de apoio na vida cotiá: desenvolver unha rede de apoio cos compañeiros de centro para as situacións da vida cotiá fóra do fogar; reunirse cos compañeiros de centro e cos seus pais e mais.
- Reforzar as potencialidades:
- Apoio de docentes e compañeiros: realizar reunións regulares de seguimento e coordinación cos docentes.
- Capacidade de ler os beizos: axudar a comprender como se poden comunicar mellor con ela; reunións cos docentes e exercicios na aula.
- Manexo da lingua de signos: os membros da comunidade escolar poderían aprender os signos básico (saúdo, solicitude, afecto etc.); realización de talleres, repartición de paneis cos signos básicos e actividades de aula.
- Convocatoria de proxectos de innovación: un proxecto sería oportunidade de organizar o proceso e obter recursos para materiais e adaptacións; revisar os boletíns e preparalo.
- Unha asociación pode apoiar cun intérprete de signos: sería unha axuda para situación abertas nas que non se pode dispor dos materiais de forma anticipada e adaptada; contactar coa asociación.
- O centro de recursos pode proporcionar os materiais non escritos subtitulados ou transcritos: pode dispor dos materiais de forma anticipada e adaptada; contactar con tempo co centro de recursos.
Aplicacións
[editar | editar a fonte]O DAFO aplícase en diversos ámbitos: político, social, educativo, empresarial etc. En realidade, non ten límites no contido ao que se aplique posto que marca un procedemento de análise e reflexión[3]. O que pode cambiar é a finalidade da súa aplicación. Pode aplicarse con diferentes finalidades:
- Epistemolóxica: coñecer unha realidade. Neste caso, recóllense datos para comprender e describir unha realidade.
- Avaliación: avaliar contextos, proxectos, situación etc.
- Tomar decisións estratéxicas: coñecer os pros e os contras dunha decisión para deseñar unha estratexia[4].
- Mellorar a realidade: coñecer o que se pode e debe mellorar nunha determinada realidade.
- Actuar: coñecer o que facilitará ou dificultará as iniciativas que se pensan emprender.
O DAFO pode considerarse unha ferramenta de intervención para deseñar unha estratexia de transformación da realidade. Ten, por tanto, todo tipo de usos e aplicacións en multitudes de campos de traballo e reflexión.
Denominación noutras linguas
[editar | editar a fonte]- Inglés: Úsase habitualmente SWOT[5] ou SLOT[6], acrónimo de Strengths (Forzas), Weaknesses/Limitations (Debilidades/Limitacións), Opportunities (Oportunidades), Threats (Ameazas).
- Portugués: Utilizan o mesmo termo que en inglés aínda que traducen como Forças, Fraquezas, Oportunidades e Ameaças, o que podería dar acrónimos como FFOA, FAFO ou FOFA[7], mais o habitual é que usen a denominación inglesa SWOT.
- Español: Falan de DAFO ou FODA e traducen por Debilidades, Oportunidades, Fortalezas e Amenazas.
- Francés: Os acrónimos utilizados son diversos: MOFF (Menaces, Opportunités, Forces e Faiblesses), AFOM (Atouts, Faiblesses, Opportunités e Menaces) ou FFOM (Forces, Faiblesses, Opportunités e Menaces).
- Éuscaro: Chámanlle AMIA e correspóndese con Ahulezia (Debilidades), Mehatxua (Ameazas), Indargune (Forzas) e Aukera (Oportunidades).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Johnson, G., Scholes, K., y Sexty, R. W. (1989). Exploring strategic management. Scarborough, Ontario: Prentice Hall (en inglés).
- ↑ Learned, E.P., Christensen, C.R., Andrews, K.E., Guth, W.D. (1965). Business Policy: Text and Cases. Homewood: Irwin (Illinois) (en inglés).
- ↑ Feliz, T., Sepúlveda, F. e Gonzalo, R. (2008). Didáctica General para Educadores Sociales. Madrid: Mcgraw-Hill (en castelán).
- ↑ Mintzberg, H., Quinn, J. B. & Voyer, J. (1997). El proceso estratégico: conceptos, contextos y casos. Madrid: Pearson. (en castelán)
- ↑ Pronunciado /swɑːt/ ou /swɒt/
- ↑ Pronunciado /slɑːt/ ou /slɒt/
- ↑ Thiago Sousa Análise S.W.O.T. Arquivado 21 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.(en portugués)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Andrews, K. R. (1980). The concept of corporate strategy. Homewood: Irwin (Illinois) (en inglés).
- Dyson, R. G. (2004). Strategic development and SWOT analysis at the University of Warwick, en European Journal of Operational Research, 152 (2004), pp. 631–640 (en inglés). Ficheiro pdf
- Marquis, B.L. & Huston, C. J. (2006). Leadership roles and management functions in nursing: theory and application. Philadelphia: Lippinkott Williams & Wilkins (en inglés).
- Miles, M. B. & Huberman, A. M. (1984). Qualitative data analysis: a sourcebook of new methods. Londres: Sage (en inglés).
- Públio, M. A. (2008). Como Planejar e Executar uma campanha de propaganda. São Paulo: Atlas (en portugués).
- Tarapanoff, K. (2001). Inteligência Organizacional e Competitiva. Brasília: Editora UNB (en portugués).
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A Análise DOFA (SWOT) Arquivado 20 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en castelán).
- Artigo de Gerencia.com (en castelán).
- DAFO, Universidade de CádizArquivado 15 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine. (en castelán).
- Ferramenta online para efectuar análises DAFO (en castelán).