Encefalite
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde agosto de 2017.) |
Encefalite | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
DiseasesDB | 22543 |
MedlinePlus | 001415 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A encefalite[1] son un conxunto de doenzas producidas por unha inflamación do encéfalo. Son bastante adoitas, sobre todo en determinadas rexións do mundo, e prodúcense xeralmente pola infección de gran variedade de xermes como bacterias, ricketsias, espiroquetas, leptospiras, parasitos, fungos e virus. Porén, coa excepción dos virus, a encefalite acostuma ser un síntoma máis, case nunca o máis rechamante, dentro do cadro clínico da enfermidade. Polo xeral, cando se refire a unha encefalite, faise como sinónimo de encefalite vírica.
Entre as encefalite víricas, coñécense máis de cincuenta virus causantes de encefalite na especie humana. Os máis importantes son os que producen encefalite sen trastornos sistémicos. Case sempre a encefalite está asociada a unha meninxite, de xeito que as dúas síndromes, encefalite e meninxite, forman un espectro continuo (meningoencefalite) provocado polos mesmos virus, aínda que algúns virus poden ter preferencia por algunha destas localizacións.
Os virus que producen encefalite ocasionan unha síndrome común que permite facer un diagnóstico clínico, pero é moi difícil facer un diagnóstico exacto en máis da metade dos casos, agás nos casos particulares de determinadas rexións xeográficas.
Síntomas da encefalite
[editar | editar a fonte]A encefalite pode provocar algún dos seguintes síntomas como:
- Síndrome febril agudo.
- Afectación menínxea, con meninxismo ou rixidez de caluga e cefalalxia.
- Alteracións da conciencia, con letarxia, que pode progresar ó estupor e coma.
- Hemiparesia ou signos focais motores con asimetría de reflexos e signo de Babinski positivo.
- Convulsións localizadas ou xeneralizadas.
- Alteracións da linguaxe e afasia.
- Movementos anormais e tremor parkinsoniano moi raramente.
- Signos cerebelosos e alteracións sensoriais, auditivas ou visuais.
- Diabetes insípida ou secreción inadecuada de ADH nos casos de afectación de hipotálamo ou hipófise.
Todos estes síntomas son debidos a lesións focais ou difusas da substancia gris ou substancia branca do sistema nervioso central.
Unha das probas que hai que realizar é unha punción lumbar na que se analiza o líquido cefalorraquídeo que informa de meninxite aséptica.
A evolución da encefalite transcorre ó cabo de poucos días a algunhas semanas, cunha mortalidade variable dependente do axente vírico causal, dende o 5% ó 20%. Na quinta parte dos pacientes aparecen diversas secuelas, como deterioración mental, cambios na personalidade e alteracións dos movementos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para encefalite.