(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Gran Duque - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Gran Duque

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato da gran duquesa María Feodórovna, por Heinrich von Angeli (1874). Museo do Ermitage, San Petersburgo.

Gran Duque (en feminino Gran Duquesa) é un título de nobreza, usado sobre todo na Europa central e oriental, para designar a certos soberanos de estados independentes ou semi-independentes de pequena dimensión (Grandes Ducados).

Na xerarquía da nobreza, os gran duques están considerados inferiores aos reis, pero superiores aos príncipes (non reis ou aos duques soberanos.

En Rusia, desde que Iván o Terríbel foi coroado tsar, en 1547, o título pasou darse aos fillos e netos da liñaxe masculina dos tsares. As fillas e netas paternas dos emperadores rusos, así como as consortes dos grandes duques rusos, eran xeralmente chamadas "grandes duquesas".

Actualmente existe en Europa un único gran ducado independente, Luxemburgo, cuxo gran duque é Henrique.[1]

Uso do título

[editar | editar a fonte]

Gran Duque é un título de nobreza ruso que designaba aos fillos, netos e sobriños homes do tsar, así como ás súas esposas (Grandes Duquesas). Tiñan dereito ao tratamento de Alteza Imperial.

O termo ruso, velikii kniaz quizais estivera mellor traducido por gran príncipe que por gran duque, xa que kniaz tradúcese habitualmente por príncipe. En principio reservado aos máis grandes príncipes rusos, como o gran duque de Kíiv ou o gran duque de Moscova, o título derivou aos membros da familia imperial despois da coroación imperial de Iván IV de Rusia, en 1547.

O actual pretendente ao trono imperial ruso (aínda que esta cuestión estea debatida), leva o título de gran duque de Moscova.

Fóra de Rusia

[editar | editar a fonte]

O título de grand duque utilizouse en certos principados europeos na Idade Moderna: en Toscana en 1569, en Lituania no século XVI e en Finlandia en 1582.

Na época napoleónica, o título faise bastante corrente na Confederación do Rin. No Congreso de Viena de 1815, fórmanse outros grandes ducados *sont na Confederación xermánica.

O único estado soberano que persiste nos nosos días como Gran Ducado é Luxemburgo.

Traducións do título

[editar | editar a fonte]

As traducións de gran duque inclúen: en latín, Magnus Dux; en castelán, gran duque; en ruso, великий князь (velikiy kniaz); en alemán, Großherzog, en italiano gran duca; en francés, grand-duc; en portugués, Grão-duque; en finés, suurherttua; en polaco, wielki książę; en húngaro, nagyherceg; en sueco, storhertig; en neerlandés, groothertog; en danés, storhertug; en lituano, didysis kunigaikštis; en checo velkovévoda ou velkokníže.

Títulos similares

[editar | editar a fonte]

En 987 o conde Gonçalo I Mendes de Portucale, pequeno condado no noroeste do actual Portugal, que formaba parte do Condado de Galicia, dentro do Reino de León, e que posteriormente foi o embrión de Portugal, tomou o título de Magnus Dux Portucalensium (grande duque de Portucale). Foi vencido polos exércitos do rei Bermudo II de León, pero a súa autonomía na época fíxoo notar como Magnus Dux.

Non hai que confundir o título de gran duque co de megaduque (grego: μέγας δούξ mégas dux, isto é gran duque) que designaba ao almirante do Imperio bizantino.[2]

Tampouco non debe confundirse co de arquiduque, propio do Imperio austríaco.

  1. David Charter: Grand Duke Henri of Luxembourg opposes euthanasia and loses power Arquivado 07 de xuño de 2020 en Wayback Machine.. The Times, 4 de decembro de 2008. (en inglés)
  2. Kazhdan, Alexarder (1991): Oxford Dictionary of Byzantium. New York: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-504652-6

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]