(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Irmandiños - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Irmandiños

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unha das torres das Torres de Altamira, castelo destruído polos irmandiños e volto a reconstruír.
Castelo de Sandiás. Destruído polos irmandiños no 1467.
Ruínas do castelo da Lúa derruído polos irmandiños o redor do 1465.
Restos do castelo da Rocha Forte arruinado polos grupos de irmandiños no 1466.

Na Galicia medieval, os irmandiños eran os membros das Irmandades constituídas para a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores.

No século XIV entrou en Galiza unha nobreza moi guerreira e que atacaba os mosteiros, os bispos, os burgueses e os campesiños. Esta nobreza xurdira despois das loitas de Pedro I "o Cruel" e Henrique II. Eran os Osorio en Lemos e Sarria, os Andrade en Pontedeume, os Sarmiento, os Ulloas, os Soutomaior... Loitaban contra as institucións e despoxábanas violentamente das riquezas que lles pertencían. A época conflitiva en Galicia foi no século XV. Dos constantes conflitos sociais salientan as "Guerras Irmandiñas" que foron dúas: a primeira por parte da “Irmandade Fusquenlla” (1431), e a segunda denominada “Gran Guerra Irmandiña” (1467-1469).

As primeiras irmandades formáronse contra o bispo Diego Xelmírez[Cómpre referencia], contra quen se levantaron varias veces os burgueses e parte do clero de Compostela (1116 e 1140).

Irmandade Fusquenlla

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Irmandade Fusquenlla.

A Irmandade Fusquenlla formouse no ano 1431 nas terras do señor de Andrade, pola extrema dureza coa que Nuno Freire de Andrade, o Mao, trataba aos seus vasalos, empeorada con motivo da visita do infante Henrique de Aragón a Galicia para o que botou man dun tributo especial. A revolta iniciouse nas comarcas de Pontedeume e Betanzos e chegou a espallarse por Lugo e Mondoñedo e a derrubar algunha fortaleza nobiliar, como o castelo dos Andrade na vila de Pontedeume.

As disensións internas fixeron que a revolta fracasase ante as tropas dos Andrade, o rei de Castela e o arcebispo de Santiago. Roi Xordo, un fidalgo da Coruña, dirixiu as tropas da Irmandade Fusquenlla e morreu na represión posterior á desfeita irmandiña.

Gran Guerra Irmandiña

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Gran Guerra Irmandiña.

A Gran Guerra Irmandiña tivo lugar nos anos 1466-1469. Chegara o momento en que "os gorrións habían de correr tralos falcóns". Os preparativos para a formación dunha Irmandade Xeral comezaron anos antes por parte de Afonso de Lanzós e co apoio de varios concellos (A Coruña, Betanzos, Ferrol, Lugo) que actuaron de motores iniciais do movemento. Neste caso, a revolta irmandiña foi unha auténtica guerra civil pola variada e numerosa participación social que chegou a provocar.

A causa da revolta popular foron as malas colleitas e as fames derivadas destas, a peste e tamén abusos cometidos polos cabaleiros e prelados. Sobre estes últimos, no preito Tabera-Fonseca hai múltiples testemuños nos que se denuncia os abusos realizados:

Os señores prelados e cabaleiros do dito reino [...] facíanlles moitos agravios e danos e males nas súas persoas e nos seus bens, roubándolles os seus bois e bestas e forzábanlles as súas mulleres e fillas e moitos dos ditos danos facíanse así das xentes que tiñan nas súas casas como nas súas fortalezas (Extraído do Preito Tabera-Fonseca, Fol. 1104 v)

Segundo os testemuños do preito Tabera - Fonseca, os irmandiños serían arredor de 80.000 persoas. Na organización e desenvolvemento da guerra irmandiña participaron varios grupos sociais: campesiños, xentes das cidades, baixa nobreza e fidalguía e algúns membros do clero, como cóengos composteláns que apoiaron economicamente o movemento irmandiño. Os xefes militares do movemento pertencían á baixa nobreza e foron os seguintes:

O auxe do movemento irmandiño foi posible pola existencia do que o estudoso do período Carlos Barros chama "mentalidade xusticeira e antiseñorial" da sociedade galega baixomedieval, que rexeitaba as inxustizas cometidas polos señores, considerados popularmente como uns “malfeitores”.

Os inimigos dos irmandiños foron fundamentalmente nobres laicos, donos de castelos e fortalezas, encomendeiros das principais igrexas e mosteiros. Os irmandiños destruíron arredor de 130 castelos e fortalezas nos dous anos de guerra irmandiña. As liñaxes dos Lemos, Andrade e Moscoso foron o branco preferido dos irmandiños. Os irmandiños, por contra, non atacaron os eclesiásticos. Nun primeiro momento parte da nobreza obxecto da ira irmandiña fuxiu cara Portugal ou Castela.

Os soldados de Pedro Álvarez usaban arcabuces na Segunda Guerra Irmandiña. O da imaxe é de 1425

En 1469, Pedro Madruga inicia desde Portugal o contraataque feudal, contando co apoio doutros nobres e das forzas do arcebispo de Santiago de Compostela. As tropas feudais, contando cunha mellor tecnoloxía de guerra (sábese que as tropas de Pedro Madruga empregaron modernos arcabuces), venceron os irmandiños, prenderon e mataron os seus líderes. A vitoria das tropas de Pedro Madruga produciuse por contar co apoio dos monarcas de Castela e Portugal e polas divisións das forzas irmandiñas. Mais axiña a nobreza vitoriosa viuse envolta de novo en liortas dinásticas que prepararon o seu definitivo desarraigo do territorio galego.

Organización

[editar | editar a fonte]

A cabeza das Irmandades correspondíalle ás Xuntas de Irmandade, xuntanzas dos procuradores das Irmandades locais e de representantes de sectores achegados a elas. Destas xuntas emanaban as decisións de goberno, mais era o alcalde de cada Irmandade local o encargado de executala coa axuda dos cuadrilleiros que tiñan o mando sobre unha mesnada de cen homes.

Os capitáns Afonso de Lanzós, Diego de Lemos e Pedro Osorio eran os encargados da dirección militar da Irmandade.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]