Lei da Moeda de 1873 (Estados Unidos)
- Para outras leis acerca da cuñaxe e a emisión de moeda, véxase a páxina de homónimos Lei da Moeda
Lei pola que se revisan e emendan as leis relativas ás casas de moeda, ás oficinas de ensaios e á moeda dos Estados Unidos — Lei da Moeda de 1873 | |
---|---|
Promulgación | 12 de febreiro de 1873 |
Texto | 17 Stat. 424 |
Signatarios | Presidente Ulysses S. Grant |
A Lei da Moeda de 1873 dos Estados Unidos (en inglés: Coinage Act of 1873)[1] foi unha lei que supuxo unha revisión xeral das leis anteriores relativas á moeda e ás casas de moeda dos Estados Unidos.
Esta lei estableceu un padrón ouro de facto, ao pór fin ao dereito que tiñan os posuidores de prata de convertela en dólares de prata na Casa da Moeda, ao tempo que permitía aos posuidores de ouro seguir a converter o seu metal en diñeiro. Outras das novidades da lei foron a creación do dólar de comercio, cun curso legal moi limitado e destinado ao seu uso no Extremo Oriente, así como a supresión de tres moedas de escaso valor facial.
A controversia xerada pola Lei da Moeda de 1873 fixo que os seus detractores a coñecesen como o Crime de 1873.
Síntese
[editar | editar a fonte]En 1869 considerouse que estaba obsoleta a Lei da Moeda de 1837, promulgada antes de que tanto a febre do ouro de California como a guerra civil estadounidense desestabilizasen tanto o sistema monetario do país. O secretario do Tesouro, George Boutwell, encargoulle ao daquela controlador de moeda adxunto, John Jay Knox, que redactase unha lei, posteriormente presentada ao Congreso polo senador de Ohio John Sherman. O prezo de mercado da prata superaba entón o prezo ao que a Casa da Moeda podería comprar ese metal, polo que se suprimiu a demanda de prata á poboación para a converter en moedas dun dólar. No entanto, Knox e outros prognosticaron correctamente que o desenvolvemento de diversas minas, entre outras a de Comstock Lode, reduciría o prezo da prata e volvería facer atractiva para a poboación a súa amoedación. O Congreso tomou en consideración o proxecto de lei e tramitouno durante case tres anos antes da súa aprobación, que traería consigo a implantación do padrón ouro ao pór fin ao bimetalismo. Logo de aprobado, o proxecto de lei converteuse en lei o 12 de febreiro de 1873, mediante a súa sinatura por parte do presidente Ulysses S. Grant, e entrou en vigor o 1 de abril dese mesmo ano.
En 1876, cando o prezo de mercado da prata caeu como efectivamente estaba previsto, os produtores comezaron a levar o seu metal á Casa da Moeda, aínda que alí se informaban de que a súa cuñaxe xa non estaba autorizada. Este asunto converteuse nunha longa controversia que durou o resto do século, enfrontando os que valoraban o padrón ouro deflacionario cos que crían que a cuñaxe libre da prata, unha política inflacionista, era necesaria para a prosperidade económica. Malia as acusacións vertidas naquel momento, non houbo probas de que a Lei de Moeda 1873 tivese un fundamento corrupto. A disputa política resolveuse cando o padrón ouro foi promulgado explicitamente como lei en 1900.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A Lei da Moeda de 1792 establecera a Casa da Moeda dos Estados Unidos. Esta ceca, durante as primeiras décadas só cuñaba ouro e prata en función dos depósitos deste metal por parte da poboación, que recibía o seu metal convertido en moeda. Daquela, un dólar correspondía a un peso de prata e ao seu correspondente en ouro legalmente definidos, o que se traduce en que o sistema imperante era bimetalista. Un sistema deste tipo pode xerar inestabilidade cando cambia o prezo dun dos dous metais no mercado mundial, e isto ocorreu unhas décadas despois da aprobación da Lei de 1792, cando se viu alterada a relación entre os prezos do ouro e da prata en Europa. Nesa época, as moedas de prata e de ouro apenas tiñan circulación nos Estados Unidos, xa que adoitaban exportarse por mor deses cambios; a maioría das moedas en circulación eran de orixe estranxeira.[2][3]
En 1834, o Congreso determinou que o valor do dólar fose algo inferior e rebaixou, por tanto, o contido en metal nobre das moedas, o que motivou que xa non resultase rendible exportalas e que, en consecuencia, entrasen máis en circulación nos Estados Unidos.[4] Dada esta situación, o Congreso reexaminou a lexislación relativa á Casa da Moeda e achou que moitas disposicións estaban xa obsoletas, polo que promulgou a Lei da Moeda en 1837, que, entre outras cousas, dispuña a creación dun fondo de metais preciosos que permitise pagar aos depositantes sen esperar a que o seu metal pasase polo proceso de cuñaxe. A relación de valor entre os pesos equivalentes do ouro e a prata axustouse lixeiramente, o que permitiu que as moedas de ambos os metais circulasen dentro dos Estados Unidos.[5]
Cando os prezos da prata subiron en relación aos do ouro a partir da febre do ouro de California, as moedas de prata pasaron a valer máis que o seu valor nominal e fluíron axiña cara ao estranxeiro para seren fundidas. Malia a forte oposición encabezada polo representante de Tennessee e futuro presidente Andrew Johnson, en 1853 reduciuse o contido de prata das moedas dos valores inferiores á dun dólar, o que permitiu a súa continuación na circulación. Ata daquela, os depositantes de prata podían elixir que o seu metal se cuñase en calquera valor facial dos existentes, desde os cinco centavos ata o dólar, mais a Lei da Moeda de 1853 eliminou a posibilidade de facelo en moedas inferiores ao dólar. Neste contexto, tendo en conta que o valor da prata da moeda dun dólar excedía o seu valor facial, aos depositantes resultáballes máis rendible vender o seu metal a xoieiros e outros fabricantes. En tanto que os prezos da prata seguiron altos, nos Estados Unidos continuaba imperando o padrón ouro.[3]
Aínda que raras veces a Casa da Moeda recibiu depósitos de prata para a súa cuñaxe despois de 1853, si que adquiriu prata coas novas moedas lixeiras a prezos superiores aos de mercado, algo que era ilegal, xa que o Congreso ordenara que as novas moedas lixeiras só se poderían comprar con ouro, unha disposición encamiñada a limitar as cantidades vendidas á demanda real. Como as pezas de prata tiñan un límite para o seu curso legal de cinco exemplares, se circulaba un número excesivo delas poderían chegar a afogar o comercio. De feito, isto foi o que ocorreu, e os comerciantes e os banqueiros queixáronse de que con ese límite legal se vían obrigados a vender as acumulacións de moedas con descontos a corredores comerciais.[7]
A superabundancia deu paso á escaseza cando a maioría das moedas federais foron acaparadas en medio do caos económico provocado pola guerra civil.[8][9][10] Os greenbacks, un papel moeda que non estaba sustentado nin por prata nin por ouro, senón polo crédito dos Estados Unidos, eran necesarios para financiar os elevados gastos da guerra.[11] A finais da década de 1860, os políticos discrepaban acerca da rapidez coa que o Goberno debería volver a desembolsar ouro e prata como pagamento das súas obrigas. O secretario do Tesouro Hugh McCulloch consideraba que a mellor maneira de volver a esa práctica era retirar os greenbacks o antes posible, e así o fixo ata que o Congreso o impediu, ao considerar que a súa postura contraccionista estaba a prexudicar a economía.[12] A prata íase extraendo en maior cantidade no Vello Oeste e a caída do seu prezo fixo máis atractiva a opción de depositar este metal na Casa da Moeda para o amoedar; a cuñaxe de dólares de prata aumentou considerablemente a finais da década de 1860 e na de 1870. O dólar de prata era de curso legal e a algúns funcionarios preocupáballes que o aumento dos depósitos fixese que a prata expulsase o ouro da circulación, como predicía a Lei de Gresham, póndolle fin ao padrón ouro.[13]
Como había xa varias décadas que non se depositaban grandes cantidades de prata con regularidade para a súa cuñaxe, esquecíase adoito o feito de que os Estados Unidos estaba no padrón bimetálico desde 1792. Considerábase que o padrón ouro era a única opción posible e moita xente admitía que os Estados Unidos asumiran xa, de facto, ese padrón, algo que xa ocorrera formalmente en países como o Reino Unido, en 1816, e no Imperio Alemán, en 1871.[14]
Redacción do proxecto de lei
[editar | editar a fonte]As perdas de case 250.000 dólares na Casa da Moeda de San Francisco preocupaban o Tesouro e, en 1866, o seu secretario, McCullough, encargoulle a John Jay Knox, un dos seus empregados, unha misión especial de investigación.[16] Knox descubriu que as faltas de rigor nas transferencias de ouro entre varios funcionarios da ceca deran lugar a resultados carentes de coherencia nas contas da institución, pero ao non gardarse os recibos, non foi posible determinar responsabilidades. En 1869, Knox, que daquela ocupaba o cargo de controlador auxiliar da moeda, foi enviado polo sucesor de McCullough, George Boutwell, a investigar outras cecas sucursais da Casa da Moeda dos Estados Unidos, nas que descubriu grandes irregularidades, así como grandes perdas para o Goberno na Oficina de Ensaios de Nova York. Knox puxo de manifesto novamente a falta de procedementos contables axeitados.[17]
En 1867 tivo lugar en París unha conferencia monetaria internacional para debater como facer que as moedas de ouro dos diferentes países se cuñasen baixo un padrón común. Propúxose que os británicos e os estadounidenses fixesen axustes no soberano e na moeda de cinco dólares de ouro, respectivamente, para os equiparar a 25 francos franceses, e que Francia empezase a cuñar unha moeda de ouro con ese valor. Non se chegou a materializar nada disto, mais en xaneiro de 1868 o senador por Ohio John Sherman presentou un proxecto de lei para situar formalmente os Estados Unidos no padrón ouro, eliminando a prata das moedas de curso legal e aplicando as recomendacións da conferencia de París.[18]
Knox, nun informe de 1866, recomendara unha revisión a fondo das leis relativas á Casa da Moeda dos Estadios Unidos, e en xaneiro de 1870 o secretario Boutwell encargoulle que preparase un borrardor. Para iso, Knox contou coa axuda do antigo director da Casa da Moeda Henry Linderman,[19][20] que formaba parte do departamento do Tesouro e que a partir de 1873 volvería ser nomeado director da ceca pública.[21]
Knox completou un proxecto de lei destinado a derrogar numerosas disposicións legais anticuadas e a reescribir outras. Propuxo eliminar o dólar de prata común e substituílo por outro alixeirado, cun límite baixo de curso legal. Tamén propuxo trasladara a oficina do director da Casa da Moeda de Filadelfia a Washington, eliminar a prima da Casa da Moeda pola cuñaxe de ouro, que daquela era do 5 %, así como abolir o cargo de tesoureiro nas casas de moeda e nas oficinas de ensaio, e transferir as súas funcións ao superintendente.[22] Ao redactar o proxecto de lei, Knox consultou con varios antigos funcionarios da Casa da Moeda, ademais de Linderman, como é o caso dos exdirectores James Ross Snowden e Robert M. Patterson, así como o que fora cuñador xefe da Ceca de Filadelfia, Franklin Peale. O daquela director da Casa da Moeda James Pollard enviou o proxecto de lei ao Congreso o 25 de abril de 1870.[20]
Tramitación polas cámaras e aprobación
[editar | editar a fonte]Sherman presentou o proxecto de lei no Congreso o 28 de abril de 1870 e foi remitido á Comisión de Finanzas do Senado, que el presidía.[24] El non procurou a súa aprobación nesa sesión, xa que os lexisladores estaban ocupados con outra lexislación financeira.[25]
O proxecto de lei non atraeu apenas a atención da prensa durante os case tres anos que durou a súa tramitación, aínda que os expertos monetarios e outras persoas seguiron de preto a súa evolución.[26]
O 9 de xaneiro de 1871, Sherman levou o proxecto de lei ao pleno do Senado para o seu debate. O feito de que pretendese abolir o dólar de prata e, xa que logo, o bimetalismo, non se discutiu daquela, xa que os senadores se concentraron na omisión da prima por cuñaxe, é dicir, ma tarifa polos servizos da Casa da Moeda por converter o metal precioso en moeda, o cal era unha cuestión salientable para o Senado —sinaladamente para os senadores do Vello Oeste—, porque afectaba ao que as empresas mineiras e as refinarías poderían obter polo seu produto.[27] Sherman ofreceu unha emenda para manter esa prima de cuñaxe, mais foi rexeitada polos senadores do Oeste como un imposto inxusto sobre os mineiros e os refinadores de ouro, e a emenda foi derrotada. O 10 de xaneiro, o proxecto de lei foi aprobado polo Senado, co voto de Sherman en contra do seu propio proxecto.[28]
O paso seguinte foi envialo á Cámara de Representantes, onde recaeu na Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, da que foi retirada brevemente o 25 de febreiro por William D. Kelley, de Pensilvania, o daquela presidente, aínda que finalmente volveu a esa comisión.[29] O proxecto de lei non foi tomado en consideración pola Cámara de Representantes durante o resto do 41º Congreso, que expirou o 3 de marzo de 1871.[30]
Kelley reintroduciu o proxecto de lei na Cámara cando o Congreso se volveu reunir en decembro de 1871.[31] O presidente Kelley era de Filadelfia e estaba influído por Joseph Wharton, propietario dunha refinaría de níquel próxima a Camden, Nova Jersey, á que a Casa da Moeda lle compraba, sen licitación, gran parte do metal para a cuñaxe das moedas de tres e de cinco céntimos de metal básico. O proxecto de lei propuña naquel momento que o centavo, que era de bronce, se fixese tamén cunha aliaxe de níquel cando se debateu o 9 de xaneiro de 1872; o interese de Wharton resultaba evidente.[32] Kelley foi interrogado polo representante de Nova York Clarkson Potter, quen cualificou o proxecto como "ese artificio de Pensilvania", que lle daría "o monopolio ao cabaleiro de Pensilvania [Wharton]".[29] Outro representante de Nova York, Dwight Townsend, presentou unha moción para rexeitar o proxecto de lei, desgustado polo tempo que estaba a tardar en aprobarse; a súa moción, en votación de viva voz tería prosperado, mais como non había quórum fracasou na votación nominal.[33] O 10 de xaneiro, o congresista por Missouri James R. McCormick, que representaba os produtores de níquel no seu Estado, introduciu unha emenda para que a Casa da Moeda realizase unha licitación para a compra dese metal.[29] No canto de acceder á emenda de McCormick, Kelley enviou novamente o proxecto de lei á Comisión.[34]
Cando o proxecto de lei volveu á Cámara de Representantes o 9 de abril de 1872, foi xestionado polo representante de Massachusetts Samuel Hooper, presidente da Comisión de Banca e Moeda da Cámara. Repasou o proxecto artigo por artigo e acabou por afirmar que este colocaría os Estados Unidos no padrón ouro. No debate posterior, outros representantes, entre eles Potter e Kelley, amosaron a súa anuencia ao respecto. O proxecto de lei prevía nese momento a licitación competitiva para a adquisición do níquel, pero foi retirada por Hooper, logo de que Kelly o acusara de intentar beneficiar os comerciantes de metais preciosos de Nova York. Este altercado fixo que outros representantes de Nova York se opuxesen ao proxecto de lei.[35] O 27 de maio, Hooper presentou un proxecto de lei alternativo e conseguiu que se aprobase sen que nin sequera fose lido. Entre os cambios que a Cámara introduciu no proxecto de lei de Knox figuraba un lixeiro aumento do peso das moedas de prata divisionarias —10 centavos, cuarto de dólar e medio dólar—, facendo que un dólar composto por estas moedas pesase 25 gramos.[36][37]
O proxecto de lei ficou á espera de que o Congreso se reunise novamente en decembro. A principios dese mes, o secretario Boutwell emitiu o seu informe anual pedindo a aprobación do proxecto. O día 16 o proxecto foi remitido á comisión de Sherman e saíu sen o plan de emitir o centavo de cuproníquel, e co dólar de prata alixeirado substituído por un dólar de comercio destinado aos negocios co Extremo Oriente, cun status de moeda de curso legal limitado dentro dos Estados Unidos. O proxecto de lei foi reenviado ao Senado o 7 de xaneiro de 1873,[38][39] e alí foi debatido o día 17 de xaneiro.[40]
Un dos temas de debate foi a esixencia do proxecto de lei de que aparecese unha aguia nas moedas estadounidenses de maior tamaño, como viña sendo habitual. Linderman propuxera unha emenda para esixir que as moedas de ouro e de prata amosasen unha indicación do seu peso e da súa lei, o que implicaría sacrificar a aguia, por cuestións de espazo. O californiano Eugene Casserly opúxose a esta emenda, patrocinada por Sherman, e afirmaba que "dificilmente se poderá pensar que un medio dólar ou un cuarto de dólar sexa unha moeda se non leva unha aguia". A presenza da aguia quedou garantida no momento en que a emenda fracasou, por 24 votos a favor e 26 en contra. Casserly tivo menos éxito cunha emenda para eliminar por completo a taxa reducida en concepto de cuñaxe do 0,2 % que tampouco prosperou.[41] Sherman fixo avanzar a tramitación do proxecto de lei o máximo que puido e quedou aprobada sen que se rexistrase a súa votación. A Cámara de Representantes negouse inicialmente a aceptar o dólar de comercio, mais os representantes de ambas as cámaras, encabezados por Sherman e Potter, mantiveron unha serie de reunións e a Cámara accedeu finalmente á emenda do Senado para a creación dese dólar comercial.[40][42]
O proxecto de lei foi aprobado por ambas as cámaras sen debate posterior e logo foi asinado polo presidente Ulysses S. Grant o 12 de febreiro de 1873, acto polo que quedou convertido en lei.[43] En ningún momento do seu lento percorrido de case tres anos polo proceso lexislativo o proxecto de lei previra o mantemento do dólar de prata estándar, no que os depositantes puidesen cuñar o seu metal achegado á Casa da Moeda.[44]
Intención dos seus autores
[editar | editar a fonte]Cando, varios anos despois da súa aprobación, a Lei da Moeda de 1873 se converteu nunha cuestión de orde política, algúns dos que participaron na súa promulgación, entre eles Sherman e Linderman, declararon que non houbera intención ningunha de acabar co bimetalismo ao eliminar a facultade da cidadanía de facer cuñar a súa prata en moedas dun dólar. Argumentaban para iso que a Lei de 1853 xa puxera fin á posibilidade de cuñar moedas de prata de valores inferiores e a de 1873 simplemente rectificaba unha omisión e eliminaba unha moeda de baixa produción, que xa non circulaba realmente.[46] Mais non sempre mantiveron a coherencia nas súas manifestacións: Boutwell escribiu nas súas memorias: "en 1873 eu chegara a crer que era prudente que cada nación recoñecese, establecese e mantivese o padrón ouro [...] de aí que decidise abandonar a idea dun padrón dobre.[47]
En poucos anos, a idea de que a omisión do dólar de prata na Lei da Moeda de 1873 non fora coa intención de colocar os Estados Unidos no padrón ouro converteuse na postura defendida polo establishment. En parte tratábase dunha reacción contra as teorías conspirativas que circulaban sobre o "Crime do 73", como chamaban a lei os defensores do padrón bimetálico. Isto foi aceptado por moitos historiadores ata ben entrado o século XX.[48]
Neil Carothers, no seu traballo de 1930 sobre as moedas estadounidenses divisionarias, escribiu:[49]
“ | Moitos demostraron que non foi unha acción corrupta ou subrepticia dos inimigos da prata; a eliminación do dólar de prata estándar foi simplemente co interese de aclarar a lei sobre a cuñaxe [... ] Ningunha das partes na aprobación da Lei da Moeda de 1873 recoñeceu a importancia da abolición do dobre padrón legalmente existente. | ” |
Consonte o historiador Allen Weinstein, "a desmonetización da prata, segundo o relato tradicional, chegou como un subproduto non planificado, aínda que afortunado, dunha revisión complexa e en gran medida técnica das leis da moeda anteriores na Lei de 1873".[50]
O economista Milton Friedman escribiu, "o que non se pode cuestionar é que o dólar de prata estándar se omitiu da listaxe de moedas que se cuñaban intencionadamente, con pleno coñecemento das consecuencias probables e na crenza de que esas consecuencias eran desexables". Friedmen cita o libro de Walter T. K. Nugent, de 1968, Money and American Society, 1865-1880:[51]
“ | Como documenta Nugent con gran detalle, o senador John Sherman, presidente co Comité de Finanzas do Senado, estivera decidido a desmonetizar a prata polo menos desde 1867 e dispuxera que se redactase un proxecto de lei para tal efecto a finais de 1869. A partir daquela, Sherman, Linderman, John Jay Knox (Controlador da Moeda, primeiro adxunto e logo titular) e o secretario do Tesouro George Boutwell cooperaron para lle daren pulo a un proxecto de lei da moeda que incluía a desmonetización da prata. | ” |
Knox e Linderman coñecían persoalmente as condicións da minaría do Vello Oeste. sabían que a cantidade de metal precioso producido non faría máis que aumentar e que probablemente houbese que baixar o prezo da prata por baixo do nivel —1,2929 dólares a onza troy— no que o metal da moeda dun dólar de prata valería máis que o valor facial da moeda. Na exposición de motivos que acompañaba o seu proxecto de lei, Knox explicaba que a supresión do dólar de prata significaría que os Estados Unidos deixarían de ser unha nación bimetalista.[52][53]
Boutwell, no seu Informe Anual de 1872, instou o Congreso a pór fin á cuñaxe da prata a partir de depósitos privados, para que o Goberno non tivese perdas por pagar ouro a cambio dos dólares de prata, e finalmente ter que os fundir cando non podían circular.[54]
Nugent preguntouse:[55]
“ | Eran conscientes Knox, Linderman, Boutwell, Sherman e outros, do que facían cando planeaban deixar caer o dólar de prata? É inconcibible que non o fosen; a declaración de Knox foi explícita. Pero, instárono porque temían unha caída dos prezos da prata? Ninguén fixo unha declaración explícita nese sentido, mais sen dúbida foi o caso. | ” |
Disposicións
[editar | editar a fonte]Casa da Moeda: obrigas dos funcionarios (artigos 1-12)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Casa da Moeda dos Estados Unidos.
O director da Casa da Moeda dos Estados Unidos sempre tivera a súa sede na Casa da Moeda de Filadelfia, en tanto que as restantes casas de moeda e as oficinas de ensaios estaban gobernadas por superintendentes, dos que o director estaba a cargo.[21] A Lei da Moeda de 1873 trasladou a oficina do director a Washington, desde onde o director supervisaba todas as casas de moeda que compuñan a US Mint e as oficinas de ensaios. O director da Casa da Moeda tiña que ser nomeado polo presidente dos Estados Unidos e confirmado polo Senado, e o seu mandato era de cinco anos, a menos que fose destituído polo presidente.[43][56] En adiante, a Casa da Moeda de Filadelfia pasaría, xa que logo, a estar baixo o control inmediato dun superintendente, do mesmo xeito que o resto das cecas. A Lei de 1873 tamén fixo que a US Mint pasase a depender do Tesouro.[57] Nun principio, a Casa da Moeda dos Estados Unidos dependía directamente do presidente do país, mais co tempo a lexislación fora tendendo a que estivese cada vez máis sometida ao control do secretario do Tesouro.[58]
Fixéronse poucos cambios no resto do cadro de persoal da Casa da Moeda, ademais de agregar o superintendente para a Ceca de Filadelfia —James Pollock foi o primeiro titular— e de abolir o posto de tesoureiro de cada ceca auxiliar. Consonte a Lei da Moeda de 1873, ademais do superintendente, cada unha das cecas que compuña a US Mint dispuña dun ensaiador, un cuñador e un refinador, cada un dos cales estaba obrigado a depositar unha fianza para indemnizar o Goberno polas perdas que se puideren dar durante o seu período, e cada un era responsable da súa parte do proceso de cuñaxe. Ademais, a Casa da Moeda de Filadelfia tiña tamén a figura do gravador xefe, que era o responsable de preparar os deseños e os cuños para a cuñaxe en todas as cecas, aínda que o director da US Mint tiña a facultade, co acordo do secretario do Tesouro, de contratar artistas externos para o deseño das moedas.[59][60] A disposición pola que se permitía esta contratación de artistas externos inseriuse pola suxestión do exdirector Robert M. Patterson.[29]
A Lei da Moeda de 1873 establecía tamén os salarios asignados a cada cargo e requiría que o persoal que os ocupase fose nomeado polo presidente do país e posteriormente confirmado polo Senado, como xa ocorría nas anteriores leis de 1792 e de 1837. Do mesmo xeito, establecíase o procedemento para a designación dun funcionario interino para suplir o director da Casa da Moeda dos Estados Unidos en caso de ausencia temporal deste.[60]
Moedas e depósitos de metais preciosos (artigos 13-39)
[editar | editar a fonte]Os artigos 14 a 16 da lei establecían as moedas autorizadas para seren cuñadas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos. Esta é a parte da lei que resultou máis polémica, ao omitir a cuñaxe do dólar de prata estándar, a única moeda que desde 1853 os depositantes de prata podían amoedar. Pola contra, a nova lei permitía a produción dun novo dólar de comercio, de maior peso que o dólar estándar, ao que se lle confería un curso legal limitado á cantidade de cinco dólares dentro dos Estados Unidos[64] —o do anterior dólar era ilimitado—.[65] Pola súa banda, todas as moedas de ouro tiñan un curso legal ilimitado e a lei prevía a substitución das moedas deste metal en dous supostos: se, debido ao seu desgaste, tiñan un peso inferior ao correspondente ao seu valor nominal, e se, aínda conservando un peso superior ao correspondente ao valor do 99,5 % do seu valor facial, tiñan máis de 20 anos en circulación.[66][67]
A lei tamén eliminou a moeda de dous centavos de bronce, a de tres centavos de prata e a de 5 centavos de prata.[43] Aínda que as dúas primeiras circularan pouco, a Casa da Moeda de San Francisco aínda estaba a producir grandes cantidades da moeda de cinco centavos para a súa circulación no Vello Oeste, onde o papel moeda non era ben aceptado.[68] As moedas autorizadas pola nova lei foron, xa que logo, o centavo de bronce; os tres centavos e os cinco centavos de níquel; os dez centavos, o cuarto dólar, o medio dólar e o dólar de comercio en prata; e o dólar, os 2,5 dólares, os cinco dólares, os dez dólares e os vinte dólares en ouro.[66][67] Tamén establecía a aliaxe da moeda de ouro nun 90 % de ouro e un 10 % de cobre.[69]
A Lei da Moeda de 1873 prescribía, así mesmo, as especificacións de cada moeda. Non se levou a cabo cambio ningún na composición do bronce do centavo. A moeda de dez centavos, así como o cuarto de dólar e o medio dólar fixéronse un pouco máis pesadas, de maneira que un dólar formado, pola suma destas moedas pesase 25 gramos, nun xesto de aproximación ao sistema métrico decimal, sumado a que o peso dos cinco centavos de níquel era de cinco gramos.[70]
Canto aos motivos e as lendas das moedas, a lei prevía para os seus anversos unha representación emblemática da Liberdade, en tanto que nos reversos debería aparecer unha aguia, excepto para as de inferior tamaño: o centavo, os tres centavos, os cinco centavos, os dez centavos, o dólar de ouro e os tres dólares. Nestes casos, non se obrigaba a reproducir a figura da aguia. Ademais, obrigábase a incluír nas moedas o nome do país no anverso e o lema E Pluribus Unum nalgún lugar. Tamén autorizaba a inclusión do lema In God We Trust nas moedas,[70] o cal supuña unha continuación da autorización outorgada pola Lei da Moeda de 1865.[71][72]
A Lei de 1873 permitiu tamén que o Tesouro o troco das moedas de metal común vixentes ou obsoletas cando se presentasen en cantidades que sumasen 20 dólares ou máis,[73] continuando cunha disposición promulgada en 1871.[74]
Facial | Imaxe | Denominación | Peso da moeda | Contido en ouro | |
---|---|---|---|---|---|
20 dólares[75] | Dobre aguia | 33,4 gramos | 516 grans | ||
10 dólares[76] | Aguia | 16,718 gramos | 258 grans | ||
5 dólares[77] | Media aguia | 8,359 gramos | 129 grans | ||
3 dólares[78] | 5,015 gramos | 77 4/10 grans | |||
2½ dólares[79] | Cuarto de aguia | 4,180 gramos | 64 5/10 grans | ||
1 dólar[80] | Dólar | 1,672 gramos | 25 8/10 grans |
Outras disposicións desta parte da lei permitían aos depositantes de metal de prata recibiren o seu metal de volta en forma de barras ou de dólares de comercio. Tamén se prohibía o depósito de prata para a súa cuñaxe noutras moedas, aínda que se lle permitía á Casa da Moeda, durante dous anos, comprar prata con medas de prata en Filadelfia e na Oficina de Ensaios de Nova York.[81] Esta práctica, aínda que ilegal consonte a lei de 1853, fora permitida durante moito tempo polos directores da Casa da Moeda.[82]
A Comisión de Ensaios (artigos 40-50)
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Comisión de Ensaios dos Estados Unidos.
A Comisión de Ensaios dos Estados Unidos reuniuse con periodicidade anual na Casa da Moeda de Filadelfia desde 1797 ata 1980, cando foi abolida. Estaba formada por funcionarios gobernamentais e persoas privadas e tiña a encomenda de examinar as moedas de prata e de ouro para se asegurar de que cumprisen coas súas especificacións legais.[85]
A Lei da Moeda de 1837 nomeara como membros ex officio da Comisión de Ensaios o xuíz do Tribunal do Distrito Leste de Pensilvania, o Fiscal dos EEUU para ese distrito e o Recadador do Porto de Filadelfia. Pola súa banda, a Lei da Moeda de 1873 mantivo o xuíz como membro mais omitiu os outros dous, que foron substituídos polo Controlador da Moeda e o ensaiador da Oficina de Ensaios de Nova York. Consonte a Lei de 1837, o presidente podería nomear cada ano os membros da poboación membros da Comisión, e isto mantívose na Lei de 1873. Na nova lei tamén se prescribía un procedemento detallado para a toma de mostras de cada entrega por parte do cuñador da ceca, que debía selalas en sobres e transferilas a Filadelfia, onde a Comisión de Ensaios se reunía cada mes de febreiro.[86][87]
Esta parte da lei da Moeda de 1873 tamén prevía o xeito en que o cuñador debía saldar as contas para a proba interna das moedas fóra dos auspicios da Comisión de Ensaios, e mantivo o fondo remanente do que debía dispor a Casa da Moeda para facer os pagamentos aos depositantes de metal precioso sen que cumprise agardar ata o remate do proceso de cuñaxe. Por outra banda, as casas de moeda debían dispor dun xogo de pesas conforme o padrón oficial da onza troy, que o Goberno adquirira en Londres en 1827, e o xogo dispoñible en Filadelfia debía ser inspeccionado pola Comisión de Ensaios en cada unha das súas reunións anuais.[88][89]
Outras disposicións (artigos 51-67)
[editar | editar a fonte]Os artigos 51 a 53 regulaban cuestións que resultaran controvertidas en décadas anteriores. No primeiro deles esixíase que todos os cuños do anverso, nos que a maioría das moedas estadounidenses amosan a data, se destruísen ao finalizar cada ano,[90] xa que durante o período do director Snowden, na década de 1850, a Casa da Moeda volvera cuñar moedas raras de anos anteriores para as vender ou as intercambiar con coleccionistas.[91]
As medallas de carácter nacional podían cuñarse tamén na Ceca de Filadelfia en virtude do artigo 52, aínda que a produción de medallas privadas ficaba prohibida.[90] Ata 1854, ano en que fora despedido polo presidente Franklin Pierce, Peale dirixira un controvertido negocio de medallas nas instalacións da Casa da Moeda de Filadelfia.[92][93]
No artigo 53 esixíase que os beneficios da Casa da Moeda procedentes da señoriaxe se depositasen no Tesouro, e prohibíaselle á Casa da Moeda o pagamento de gastos ou salarios con ese diñeiro.[90] No período da dirección de Patterson (retirado en 1851), a ceca pública retivera tales ganancias e logo gastáraas sen a supervisión do Congreso.[94][95]
As oficinas de ensaio, que quedaban baixo o control do Director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, regulábanse nos artigos 54 a 60. Cada unha destas oficinas rexíase de xeito similar ás cecas que conformaban a US Mint, cun superintendente a cargo e dous funcionarios subordinados a el: un ensaiador, e un fundidor e afinador.[96]
Os artigos 61 a 64 prohibían a falsificación da moeda, así como o seu alixeiramento intencionado, e determinaban os castigos para as condutas contrarias a esta norma. O artigo 65 era unha disposición de transición que establecía a data de entrada en vigor da lei o 1 de abril de 1873 e tamén dispuña que o daquela director da US Mint, Pollock, se convertese en superintendente da Casa da Moeda de Filadelfia, e que as persoas que ocupasen os cargos de tesoureiro —abolido pola propia lei— en cada unha das cecas e das oficinas de ensaio, pasasen a ser tesoureiros adxuntos da Casa da Moeda dos Estados Unidos.[97][98]
No artigo 66 detallábanse todas as cecas públicas e as oficinas de ensaio operativas nos Estados Unidos".[1][99]
Cecas | Oficinas de ensaio |
---|---|
| |
| |
| |
Consecuencias
[editar | editar a fonte]Consecuencias inmediatas
[editar | editar a fonte]A abolición da moeda de prata de cinco centavos (half dime), que seguía en uso no Vello Oeste, provocou alí unha escaseza de moeda miúda. O Congreso tratou de arranxar este desaxuste cunha impopular peza de vinte centavos que só se cuñou en 1875 e en 1876 e que foi rexeitada pola poboación pola súa similitude coa de cuarto dólar, xa moi asentada no uso. O Oeste dos Estados Unidos non chegou a estar ben abastecido de moeda miúda ata que a Casa da Moeda comezou a cuñar moedas dun centavo en 1908 e de cinco centavos en 1912.[100]
Pola súa banda, o dólar comercial, cuñado inicialmente para competir cos pesos mexicanos e os reais de oito españois no comercio co Extremo Oriente, non acadou a súa implantación total naqueles territorios. Moitos destes dólares foron devoltos aos Estados Unidos —ou mesmo non chegaron a saír de alí— e, como podían adquirirse cun desconto dentro dos EEUU, fixéronse moi populares entre os empresarios, para aboaren con eles as nóminas dos seus traballadores. En 1875, o Congreso revogou o status que tiñan de moedas cun curso legal limitado a cantidades de ata cinco dólares, e en 1878 Casa da Moeda deixou de cuñalos excepto para os coleccionistas, e mesmo esas emisións limitadas cesaron en 1885. En 1887, o Congreso permitiu un prazo de seis meses durante o cal poderían trocarse os dólares comerciais por outras moedas, sempre que non resultaran alterados polos comerciantes orientais, que adoitaban gravar neles as súas marcas persoais.[101][102]
Como sinalou Friedman, se o prezo da prata se mantivese alto, a exclusión do dólar de prata estándar da Lei da Moeda de 1873 resultaría irrelevante.[104] En 1874, o efecto das novas minas do Vello Oeste e a venda de prata en Alemaña logo da súa desmonetización nese país combináronse para forzaren o prezo da prata á baixa. Os produtores de prata non estaban ao tanto do cambio da normativa e só chegaron a ter coñecemento del cando quixeron presentar a súa prata na Casa da Moeda para a súa cuñaxe e viron que xa non era posible. Para o historiador numismático Don Taxay, "produciuse unha axitación, durante a cal varios congresistas piadosos finxiron ignorar a derrogación e sostiñan que se introducira subrepticiamente no proxecto de lei da moeda".[105] Un industrial de Delaware escribiulle ao seu senador, Thomas F. Bayard, en 1878, "ao principio eu ignoraba todo o relacionado coa cuestión da prata, tanto que [...] non sabía que a prata fora desmonetizada".[106]
O mesmo ano da aprobación da lei comezou unha depresión económica severa, coñecida como o Pánico de 1873, que persistiu durante gran parte da década. Moita xente nos Estados Unidos chegou a pensar que o padrón ouro era demasiado ríxido como para facer fronte a uns tempos económicos tan difíciles coma aqueles, e trataron de restaurar o bimetalismo.[107] A inflación causada por esta política permitiríalles aos debedores dvolveren o que debían con maior facilidade.[108] O prezo da prata seguiu a caer: a prata dun dólar nas novas moedas de prata subsidiarias valía só 0,75 dólares a mediados de 1876, aínda que o prezo se recuperou pouco despois.[109]
A principios de 1875, o Congreso aprobou un proxecto de lei para recuperar os pagamentos en especie —é dicir, en moedas de prata e de ouro—, que entrou en vigor en 1879.[110] Friedman afirmou que de non ser pola Lei da Moeda de 1873, esta recuperación se produciría sobre a base efectiva dun padrón de prata, o que consideraba positivo, xa que permitiría unha maior estabilidade económica e "case seguro que podería ter evitado" a recesión de principios da década de 1890, coñecida como o Pánico de 1893.[111]
O apoio ao bimetalismo medrou na década de 1870 e deu lugar á aprobación da Lei Bland-Allison, do 28 de febreiro de 1878, superando o veto do presidente Rutherford B. Hayes. Esta lei esixía que o Tesouro mercase prata por valor de millóns de dólares cada mes e que a cuñase en dólares de prata de curso legal.[113] O renovado apoio á prata conduciu tamén á aprobación da Lei Sherman de 1890, que aumentaba en gran medida as compras de prata e obrigaba o Tesouro a pagalas en billetes que puidesen trocarse por ouro. Durante os tres anos seguintes retiráronse do Tesouro 132 millóns de dólares en ouro e, en medio doutra depresión, o presidente Grover Cleveland conseguiu a derrogación da Lei Sherman.[114]
O movemento favorable á "prata libre" acadou o seu punto álxido coa campaña de 1896 do exrrepresentante de Nebrasca William Jennings Bryan, que gañou a candidatura demócrata á presidencia despois de que o seu discurso coñecido como "A Cruz de Ouro", no que denunciaba o padrón ouro, convulsionara a Convención Nacional Demócrata de 1896. Bryan foi derrotado nas eleccións polo exgobernador de Ohio William McKinley e, en 1900, o Congreso aprobou a Lei do Padrón Ouro, dándolle formalidade legal a esta situación.[115] A Administración do New Deal do presidente Franklin Delano Roosevelt abandonou o padrón ouro para moitos propósitos e o presidente Richard Nixon aboliuno por completo en 1971.[116]
O "Crime de 1873"
[editar | editar a fonte]O xornal The Atlanta Constitution do 1 de abril de 1873 informaba da aprobación da nova Lei da Moeda e facía fincapé na abolición da moeda de dous centavos e na autorización do novo dólar comercial, aínda que non facía mención da fin do dólar estándar.[118] Non houbo unha obxección xeneralizada á Lei da Moeda de 1873 ata 1876, ano no que se conxugaron varios factores para a protesta, como as políticas monetarias estritas por parte do Tesouro para a continuación dos pagamentos en especie, ou unha caída do prezo da prata máis precipitada do que se coñecera ata entón, así como o uso doméstico xeneralizado dos dólares de comercio, logo do seu rexeitamento no mercado chinés. Asemade, Comstock Lode e outras zonas mineiras do Oeste producían cantidades récord de prata. Cunha depresión aínda en curso, a prata comezou a verse como un medio para inflar a moeda e estimular a economía.[119]
A partir de marzo de 1876, un antigo director de xornal, George Weston, publicou uns artigos nos que afirmaba que o bimetalismo era un mandato da Constitución e cuestionaba o xeito en que se aprobara a Lei da Moeda de 1873, e os xornais afíns comezaron a suxerir que a lei fora promulgada mediante a corrupción en beneficio dos grandes capitalistas.[120] O 5 de agosto de 1876, o congresista por Missouri Richard P. Bland —que axiña se coñecería como Silver Dick— dixo na Cámara de Representantes: "a Lei do 12 de febreiro de 1873 foi unha fraude, porque o seu título non daba pista ningunha acerca da súa verdadeira intención. Os rexistros amosan que foi aprobada sixilosamente, sen reconsideración nin debate".[105] En 1878, o congresista Kelley, que introducira o proxecto de lei na cámara, declarou: "eu ignoraba o feito de que desmonetizaríoa o dólar de prata".[121]
Os que consideraban a Lei da Moeda como unha fraude culparon con frecuencia o escritor británico Ernest Seyd, que asesorara sobre o texto do proxecto de lei, como testemuñou o congresista Hooper na Cámara de Representantes en 1872.[122] Consonte esta teoría, Seyd sería o axente dun grupo de grandes propietarios británicos de bonos estadounidenses, que o terían enviado aos Estados Unidos con 100.000 libras para subornar os congresistas coa intención de que desmonetizasen a prata. Kelley negou que iso ocorrera, mais a historia mantívose e converteuse nunha crenza común no movemento da "prata libre".[123] En 1890, a participación corrupta de Seyd foi afirmada na Cámara de Representantes por Thomas C. McRae, de Arcansas.[122] De feito, Seyd era un fervente bimetalista que se opuxo firmemente á desmonetización da prata nos Estados Unidos.[124] El presentara, por petición de a Hooper, unha análise do proxecto de lei no que avogaba por manter o dólar de prata como moeda de curso legal.[125]
O primeiro uso da expresión "Crime de 1873" no debate do Congreso foi da man do senador por Colorado Henry M. Teller, quen o 10 de xullo de 1890 declarou: "a loita pola libre cuñaxe da prata está en marcha, e tamén o estará ata que a vontade do pobo sexa escoitada na promulgación dunha lei que lle devolva á prata o lugar que lle corresponde e onde estaría se non fose polo erro do crime de 1873".[126] Durante moito tempo falouse da lei como un "crime" ás veces sen utilizar a palabra exacta; nun discurso de 1889, o senador por Nevada William M. Stewart, que votara a favor da lei en 1873, cualifucouna como "crime" en sete ocasións.[127][128]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Bureau of the Mint (1904). Páxina 66.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxina 40.
- ↑ 3,0 3,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 217-221.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxinas 41-42.
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxina 47.
- ↑ "½ Dollar "Seated Liberty Half Dollar"". Numista.com
- ↑ Lange, D. W. (2006). Páxinas 91-92.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 186-192.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 140.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxinas 180, 193-194.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 9-11.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 91-95.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 147-149.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 33-34.
- ↑ "Knox, Hon. John Jay, Controller of Currency". Library of Congress.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 209.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 53.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 67-100, 105.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 226.
- ↑ 20,0 20,1 Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 54.
- ↑ 21,0 21,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 250.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 251.
- ↑ "Hon. John Sherman of Ohio". Library of Congress.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 59.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 138.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 140.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 145.
- ↑ Weinstein, A. (1967). Páxina 318.
- ↑ 29,0 29,1 29,2 29,3 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 254.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 231.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 147.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 149-151.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 149-150.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 152.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 152, 156.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 256-257.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 232.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 257.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 107.
- ↑ 40,0 40,1 Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 160-161.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 96.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxinas 96-97.
- ↑ 43,0 43,1 43,2 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 258.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 117.
- ↑ "1 Dollar "Seated Liberty"". Numista.com
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 168-170.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 169.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 168.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 235.
- ↑ Weinstein, A. (1967). Páxina 310.
- ↑ Friedman, M. (1990). Páxina 1.166.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 136.
- ↑ Friedman, M. (1990). Páxina 1.172.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 106.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxinas 136-137.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxinas 50-51.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxina 51.
- ↑ "The Mint: Annual Report of the Director". En The New York Times. 9 de decembro de 1873. Páxina 2.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 156.
- ↑ 60,0 60,1 Bureau of the Mint (1904). Páxinas 51-53.
- ↑ "2 Cents "Union Shield"". Numista.com
- ↑ "3 Cents type 2". Numista.com
- ↑ "½ Dime - Seated Liberty". Numista.com
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 258-259.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxina 31.
- ↑ 66,0 66,1 Bureau of the Mint (1904). Páxina 54.
- ↑ 67,0 67,1 Lei da Moeda de 1873: artigos 14-16.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 255-258.
- ↑ 69,0 69,1 Lei da Moeda de 1873: artigos 13 e 14.
- ↑ 70,0 70,1 Bureau of the Mint (1904). Páxina 55.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxinas 47-48.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: artigo 18.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxina 57.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxina 50.
- ↑ "20 Dollars "Liberty Head - Double Eagle"". Numista.com
- ↑ "10 Dollars "Coronet Head - Eagle"". Numista.com
- ↑ "5 Dollars "Liberty / Coronet Head - Half Eagle"". Numista.com
- ↑ "3 Dollars "Indian Head"". Numista.com
- ↑ "2½ Dollars "Coronet Head - Quarter Eagle"". Numista.com
- ↑ "1 Dollar "Large Indian Head" Type 3". Numista.com
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxinas 56-57.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 253-254.
- ↑ "Lot #6573: 1873 Assay Commission Medal". Heritage Auctions. 16 de setembro de 2006.
- ↑ Pessolano-Filos, F. (1983). Páxina 9.
- ↑ Coin World Almanac (2011). Páxinas 163-164.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxinas 35. 59-61.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: artigo 48.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxinas 59-61.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: artigo 50 e seguintes.
- ↑ 90,0 90,1 90,2 Bureau of the Mint (1904). Páxina 62.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 191.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 188-190.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: seccións 51-53.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 180.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: sección 53.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: seccións 54-60.
- ↑ Bureau of the Mint (1904). Páxinas 62-66.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: seccións 61-66.
- ↑ Lei da Moeda de 1873: sección 66.
- ↑ Breen, W. (1988). Páxinas 295-298, 334.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 284.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxinas 124-132.
- ↑ "1 Dollar "Trade Dollar"". Numista.com
- ↑ Friedman, M. (1990). Páxina 1.168.
- ↑ 105,0 105,1 Taxay, D. (1983) [1966]. Páxina 259.
- ↑ Weinstein, A. (1967). Páxina 308.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 195.
- ↑ Barnett, P. (1964). Páxina 179.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 249.
- ↑ Carothers, N. (1930). Páxina 248.
- ↑ Friedman, M. (1990). Páxinas 1.172-1.176.
- ↑ Puck. Volume 47. Nº 1.201. 14 de marzo de 1900.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxinas 143, 196-198.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxinas 205-206.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxinas 247-254.
- ↑ "FDR takes United States off gold standard". The History Channel.
- ↑ "½ Dollar "Seated Liberty Half Dollar" with date arrows". Numista.com
- ↑ "The New Coinage Act". En The Atlanta Constitution. 1 de abril de 1873. Páxina 1.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxinas 179-180.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxinas 180-181.
- ↑ Taxay, D. (1983) [1966]. Páxinas 260-261.
- ↑ 122,0 122,1 Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 192.
- ↑ Nugent, W. T. K. (1968). Páxina 163.
- ↑ Friedman, M. (1990). Páxina 1.165.
- ↑ Weinstein, A. (1967). Páxina 320. N. 60.
- ↑ Barnett, P. (1964). Páxina 181.
- ↑ Van Ryzin, R. R. (2001). Páxina 116.
- ↑ Barnett, P. (1964). Páxina 180.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Allen, L. (2009). The Encyclopedia of Money. 2ª ed. ABC-CLIO, Santa Barbara. Páxinas 94-96. ISBN 978-1598842517
- Barnett, P. (1964). "The Crime of 1873 Re-Examined". En Agricultural History. Agricultural History Society. Vol. 38. Nº 3. Páxinas 178-181.
- Breen, W. (1988). Walter Breen's Complete Encyclopedia of U.S. and Colonial Coins. Doubleday, Nova York. ISBN 978-0-385-14207-6
- Bureau of the Mint (1904). Laws of the United States Relating to the Coinage. US Government Printing Office, Washington.
- Carothers, N. (1930). Fractional Money: A History of Small Coins and Fractional Paper Currency of the United States. John Wiley & Sons, Nova York [reedición en 1988 por Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro, NH. ISBN 0-943161-12-6).
- Coin World Almanac (2011). 8ª ed. Amos Press, Sidney, OH. ISBN 978-0-944945-60-5
- DeCanio, S. (2011). "Populism, Paranoia, and the Politics of Free Silver". En Studies in American Political Development. Vol. 25. Nº 1. Páxinas 1-26.
- Friedman, M. (1990). "The Crime of 1873". En Journal of Political Economy. University of Chicago Press. Vol. 98. Nº 6. Páxinas 1.159-1.194.
- Lange, D. W. (2006). History of the United States Mint and its Coinage. Whitman Publishing,Atlanta. ISBN 978-0-7948-1972-9
- Nugent, W. T. K. (1968). Money and American Society, 1865-1880. Free Press, Nova York.
- O'Leary, P. M. (1960). "The Scene of the Crime of 1873 Revisited: A Note". En Journal of Political Economy. Vol. 68. Nº 4. Páxinas 388-392.
- Pessolano-Filos, F. (1983). The Assay Medals and the Assay Commissions, 1841-1977. Eros Pub., Nova York. ISBN 978-0-911571-01-1
- Taxay, D. (1983) [1966]. The U.S. Mint and Coinage. Sanford J. Durst, Nova York. ISBN 978-0-915262-68-7
- Van Ryzin, R. R. (2001). Crime of 1873: The Comstock Connection. Krause Publications, Iola. ISBN 978-0-87341-873-7
- Weinstein, A. (1967). "Was There a "Crime of 1873"?: The Case of the Demonetized Dollar". En The Journal of American History. Organization of American Historians. Vol. 54. Nº 2. Páxinas 307-326.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Publicación orixinal do texto da Lei da Moeda de 1873
- "The Crime of 1873." François Micheloud (http://www.micheloud.com)
- "On 'The Crime of 1873'". John Sherman (1895).