Portal:Illa de Man

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Portal da Illa de Man

A Illa de Man (en inglés: Isle of Man; en manx: Ellan Vannin), tamén coñecida simplemente como Mann (manx Mannin), é unha Dependencia da Coroa británica, localizada no Mar de Irlanda entre as illas de Gran Bretaña e Irlanda. O xefe de Estado é o rei Carlos III, que ostenta o título de Señor de Man. O Señor de Man é representado por un Tenente Gobernador, pero as relacións exteriores e a defensa son responsabilidade do Goberno Británico.

A illa está habitada dende o -6500. Como unha das seis nacións celtas, ten grande influencia cultural gaélica dende o século V, e fálase a lingua manx, da familia lingüística goidélica. En 627, Edwin de Northumbria conquistou a Illa de Man xunto con gran parte de Mercia. No século IX, os pobos nórdicos comezaron a asentarse na illa. Posteriormente, os nórdicos de Escocia estableceron o Reino das Illas. O título dos reis levaría dende entón o sufixo "e das Illas". Magnus III, rei de Noruega, era tamén coñecido como "Rei de Mann e das Illas" como parte da civilización das Hébridas entre 1099 e 1103. Xurdiu entón unha cultura nórdico-gaélica e a illa ficou baixo control nórdico. En 1266, a illa converteuse en parte de Escocia, formalizado no Tratado de Perth. Despois dun período no que o control da illa alternouse entre os reis de Escocia e os de Inglaterra, a illa pasou a formar parte do control feudal da Coroa Británica en 1399. O señorío revestiu na Coroa Británica en 1765, pero a illa nunca chegou a formar parte de Gran Bretaña ou o posterior Reino Unido, mantendo o seu status como unha dependencia da Coroa gobernada internamente.

Artigo destacado

editar

A lingua manx (tamén coñecida como gaélico manx, Yn Ghaelg en manx) é unha lingua celta que se fala na illa de Man, unha pequena illa do Mar de Irlanda que constitúe unha dependencia autogobernada da coroa británica e que non pertence ao Reino Unido.

No século V, os goidélicos ou gaélicos, procedentes de Irlanda invaden a illa, traendo a súa lingua céltica, que, cos séculos, evolucionaría ata se converter na actual lingua manx, a cal tamén ten préstamos nórdicos, froito das sucesivas invasións viquingas: primeiro no século IX e logo unha segunda invasión viquinga procedente de Irlanda no século XI. A illa mantívose baixo dominación norueguesa ata a segunda metade do século XIII.

O illamento da illa e a súa dependencia da coroa inglesa (logo británica) a partir do século XIV fixeron que o manx adoptase unha grafía baseada no inglés e non noutros idiomas celtas.

A poboación conservou o seu idioma ata o século XVII, comezando a declinar no século XVIII cando comezou a súa decadencia. En 1831 falábao regularmente o 30% da poboación; en 1901 só o falaban 970 persoas e o último falante nativo de manx, Ned Maddrell, morreu o 27 de decembro de 1974 á idade de 97 anos.

Hoxe en día, o manx sobrevive grazas a un pequeno número de persoas que o aprenderon como segunda lingua e que intentan potencialo fronte ao inglés, a súa lingua materna. En 2001 un 2.2% da poboación da Illa de Man, 1.689 de 76.315 habitantes, aseguraba poder desenvolverse en manés, aínda que en graos diversos. Non foi até 2003 cando o goberno pasou a introducilo oficialmente na escola. Actualmente, o manés é segunda lingua nas escolas primarias e secundarias, na universidade da Illa e no centro de estudos de manés. Alén diso, unha escola privada, o Bunscoill Ghaelgagh, ten o manés como lingua principal. Ademais, xa hai dúas ducias de rapazas e rapaces que teñen o manés como lingua materna.

Lugar de interese

editar

Douglas (en manx: Doolish) é a capital e meirande cidade da Illa de Man, cunha poboación de 28.939 persoas (2011). Está localizada na desembocadura do río Douglas, nunha baía de 3 km. O río Douglas forma parte do peirao da cidade e do principal porto comercial.

Douglas era un pequeno asentamento ata o seu rápido crecemento como resultado da conexión co porto inglés de Liverpool no século XVIII. Ademais, o crecemento da poboación viuse favorecido pola industrialización do lugar no século seguinte. Como consecuencia disto, o goberno da illa, o Tynwald, foi trasladado en 1869 a Douglas dende Castletown. Os Tribunais Superiores tamén están na capital.

Douglas é o núcleo principal das actividades da illa, sendo a base para as empresas, finanzas, servizos legais, a pesca, o transporte e o entretemento. O TT Illa de Man de motociclismo comeza e remata en Douglas.

Artigos de calidade (0)

Artigos bos (0)

Imaxe destacada

editar

Círculo megalítico da Illa de Man.
Vexa o artigo de The Braaid.


...Arquivo
Biografía destacada

editar

Edward "Ned" Maddrell, nado no ano 1877 e falecido o 27 de decembro de 1974, foi un pescador manx considerado o último falante nativo da lingua manx. Logo da morte de Mrs. Sage Kinvig (1870–1962), Maddrell foi a única persoa que podía dicir que falara manx dende a súa xuventude (segundo algunhas fontes Maddrell tiña coñecementos de inglés antes de aprender manx, que o aprendeu dunha tía avoa súa, aínda que outros nesa época o falaban como segunda lingua.

A diferenza doutros falantes nativos de manx, Maddrell parece que disfrutaba da súa relativa popularidade, e sempre se mostrou disposto a ensinar aos novos que trataban de revitalizar a lingua (como Leslie Quirk ou Brian Stowell). Cando o político irlandés Éamon de Valera visitou a Illa de Man, pediu visitar a Ned Maddrell. De Valera levaba tempo preocupado pola inactividade do goberno británico e das autoridades da Illa de Man na conservación do idioma, polo que enviou a un equipo da Irish Folklore Commission cunha gravadora para preservar o que quedara del.

Sabías que...?

editar

Bandeira do Tynwald.

  • ...en 1881, o Parlamento da Illa de Man, Tynwald, converteuse no primeiro corpo lexislativo nacional do mundo en conceder ás mulleres o dereito a votar nunhas eleccións xerais, aínda que isto excluíu ás mulleres casadas?


...Arquivo
Portais relacionados
Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons

Wiktionary
Wiktionary

no Galizionario