(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Shah Jahan - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Shah Jahan

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Sha Jahan»)
Modelo:BiografíaShah Jahan

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(fa) شهاب‌الدین مُحمَّد شاهجهان Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento15 de xaneiro de 1592 Editar o valor en Wikidata
Forte de Lahore (Imperio mogol) Editar o valor en Wikidata
Morte22 de xaneiro de 1666 Editar o valor en Wikidata (74 anos)
Forte de Agra (Imperio mogol) Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaTaj Mahal Editar o valor en Wikidata
Mughal emperor (en) Traducir
19 de xaneiro de 1628 – 31 de xullo de 1658
← Jahangir (pt) TraducirAurangzeb → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIslam Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Familia
FamiliaMughal dynasty (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeIzz-un-Nissa (1617–1666)
Mumtaz Mahal (1612–1631)
Kandahari Begum (1609–) Editar o valor en Wikidata
FillosParhez Banu Begum
 () Kandahari Begum
Jahanara Begum
 () Mumtaz Mahal
Prince Dārā Shikūh
 () Mumtaz Mahal
Shah Shuja
 () Mumtaz Mahal
Roshanara Begum
 () Mumtaz Mahal
Aurangzeb
 () Mumtaz Mahal
Murad Bakhsh
 () Mumtaz Mahal
Gauhar Ara Begum
 () Mumtaz Mahal Editar o valor en Wikidata
PaisJahangir Editar o valor en Wikidata  e Jagat Gosain Editar o valor en Wikidata
IrmánsKhusrau Mirza
Parviz
Shahryar Mirza
Bahar Banu Begum Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteGrande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Шах-Джахан)
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
The Nuttall Encyclopædia >>>:Shah-Jehan Editar o valor en Wikidata
Find a Grave: 3494 Editar o valor en Wikidata

Shahab-ud-din Muhammad Khurram,[1] nado en Lahore o 5 de xaneiro de 1592 e finado en Agra o 22 de xaneiro de 1666,[2] foi un emperador mogol, máis coñecido como Shah Jahan (en persa: شاه جهان; "Rei do Mundo"),[3] fillo do emperador Jahangir e da súa esposa Bibi Bilqis Makani (Jodh Bai), princesa rajput de Marwar (Jodhpur); a súa avoa paterna era tamén unha princesa hindú rajput de Amber (Jaipur), polo que o setenta e cinco por ciento dos seus antepasados eran príncipes hindús. Gobernou entre 1627 e 1658,[4] cando o seu fillo Aurangzeb o confinou no forte de Agra.

O Imperio Mogol alcanzou o seu acme durante o reinado de Shah Jahan e está considerado o último dos grandes emperadores mogois.[5]

Durante gran parte do seu reinado, ata 1648, a súa capital foi Agra e despois mudouse a Delhi, cando se reconstruíu o Shahjahanabad, o Forte Vermello, outra das súas grandes obras. É lembrado especialmente por ser quen mandou labrar o célebre trono do Pavón e levantou o Taj Mahal, ademais da Mesquita dos Venres de Delhi, os xardíns de Shalimar en Lahore, a mesquita que leva o seu nome en Sind e a tumba da súa filla favorita Jahanara Begum, xoias senlleiras da civilización komol.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Infancia, mocidade e familia

[editar | editar a fonte]

Shah Jahan naceu en xaneiro de 1592 co nome de Khurram na cidade de Lahore, cando aínda reinaba o seu avó Akbar, á esposa do cal, Ruqaiya Begum, princesa mogol curmá do seu esposo, foille encargado o coidado do neno, se ben pouco se sabe da súa vida no harén. De calquera xeito debe terse en conta que o seu pai Jahangir logrou o trono 1605, á morte de Akbar, en parte apoiado polas mulleres do harén: as viúvas de Akbar, Ruqaiya e Salima, e a súa avoa Hamida, nai de Akbar.

En 1607, aos dezaseis anos foi prometido á futura Mumtaz Mahal, filla de Asaf Khan e sobriña da esposa favorita do seu pai, Nur Jahan, quen con este matrimonio esperaba facerse coa lealdade do príncipe Khurram, que pouco despois foi designado herdeiro do imperio; porén, o casamento non se realizou ata 1612. Durante o reinado de Jahangir, Nur Jahan converteuse no poder detrás do trono e os cargos e a fortuna que conseguira para o seu pai e irmán foron obxecto de fortes críticas entre a nobreza cortesá.

Segundo o costume, Khurram foi tomando outras esposas. Primeiro, unha princesa persa safávida, Kandahari Begum; logo da voda con Mumtaz Mahal, casou con outra nobre musulmá, Izz un-Nisa Begum, e finalmente parece que contraeu matrimonio con algunha princesa rajput, mais non hai datos seguros ao respecto. De feito, cómpre sinalar que Mumtaz Mahal (1593- 1631) foi a nai de todos os seus fillos e fillas historicamente destacados e sen dúbida a súa esposa favorita.

En 1615 Khurram encabezou o exército mogol nunha campaña contra o levantamento do raxá Amar de Mewar, do clan rajput de Sisodia, e logrou unha destacada vitoria. Amar é considerado o último maraxá libre de Mewar e o día seguinte á derrota suicidouse, deixando a pretensión ao trono ao seu fillo Karan. Entre os hindús correu a voz de que Khurram estaba maldito por empurrar ao suicidio a quen era un parente político, pois polas súas veas corría abundante sangue rajput. Ao pouco da vitoria, o Emperador Jahangir outorgou a Khurram o título de Shah Jahan e elevouno ao rango máis alto da nobreza do reino.

Nur Jahan, a súa madrasta, cometeu un paso en falso en 1620, cando propiciou o casamento da súa propia filla dun matrimonio previo ao imperial con Shahryar, o máis novo dos medios irmáns de Kurru. Atribúese en parte a esta voda que Kurru se rebelase contra o seu pai en 1622, temendo ser desprazado da primoxenitura, que por outra banda distaba de ser un costume komol.

Non obstante, Jahangir non se mostrou demasiado rigoroso co seu fillo, limitándose a afastalo da corte. Posiblemente o emperador sabía que os seus outros fillos estaban lonxe da brillantez de Shah Jahan.

Shah Jahan foi coroado en febreiro de 1628, co apoio do seu sogro Asaf Khan, que mantivo á marxe as aspiracións da súa propia irmá e emperatriz viúva Nur Jahan.

Durante o seu reinado produciuse un certo retorno á ortodoxia musulmá e mesmo prohibiu que se levantasen ou restaurasen templos hinduístas de acordo coa Xaria. Floreceron as seitas sufís e os festivais musulmáns convertéronse nos acontecementos máis importantes da corte; dúas veces por ano a corte pagaba peregrinacións á Meca.

En 1629 esmagou a última revolta dos nobres afgáns, liderada por Khan Jahan Lodi, gobernador de Malwa, e aínda que esta non logrou conmover os alicerces do poder imperial, a fronteira do Deccan seguiu a ser conflitiva, polo que o emperador volveu alí reiteradamente para lograr a submisión dos sultanatos de Bijapur e Golconda.

Logo dedicouse a asegurar outras fronteiras internas do imperio. O caso do pequeno reino rajput de Baglana é un exemplo da política imperial; porta do Deccan, peitaba tributo aos mogois, mais el anexionouno completamente e neste caso o seu raxá converteuse ao islam, algo absolutamente infrecuente ata entón. En territorios do Sind estableceu un maior control sobre a diversidade de tribos. Despois ocupouse dos rajputs Bundela de Orchha, que pagaban tributo dende a época de Akbar e que con Jahangir foron importantes nobres do imperio. O novo herdeiro de Orchha subiu ao trono asemade que Shah Jahan e distanciouse del polas presións relixiosas imperiais. Shah Jahan asolou a cidade, obtivo un enorme tesouro e os Bundela sometéronse, mais despois, e sen permiso imperial, os Bundela atacaron Gond. Shah Jahan invadiu Orchha novamente en 1635 e escolleu el mesmo un novo raxá. Continuou a campaña e ocupou Chanda, o forte dos Gond, impoñendo un maior control mngol en toda esta fronteira sur.

En 1632 expulsou os portugueses de Hugli, Bengala, porque os acusaban de pirataría, poloque que os estes desapareceron da provincia. Porén, foron substituídos por franceses e ingleses, xa que os europeos dominaban o comercio marítimo de longa distancia.

No Deccan enfrontouse finalmente aos estados musulmáns subsistentes: Bijapur, que era un territorio habitado por marathas e con goberno musulmán, e Golconda, outro sultanato, gran produtor de diamantes e que ocupaba aproximadamente o mesmo territorio con capital en Hyderabad. Ambos accederon en 1636 a que a moeda e a oración do venres fosen dedicadas a Shah Jahan e a pagar un inxente tributo anual.

Contra 1640 o emperador decidiu recuperar Samarcanda e Bukhara, terra dos seus devanceiros timúridas, dos uzbekos, cando unha guerra civil entre eles lle deu a oportunidade. Con todo, a campaña demostrou ser un fracaso e a única ganancia concreta foi un certo dominio sobre a provincia sur de Balkh, deixando as cidades do seu devanceiro Tamerlán en mans uzbekas.

Outro fracaso foi a reconquista de Qandahar contra os persas; Shah Jahan obtívoa en 1638, mais os safávidas reconquistárona en 1648 e a pesar de tres campañas posteriores permaneceu nas súas mans, coas conseguintes perdas para o exército mogol.

Aos pés do Himalaia conquistou Srinagar e Garhwal, ambos os reinos rajputs; tamén no baixo Tíbet, Baltistan, un reino musulmán, debeu aceptar que a oración se lese en nome de Shah Jahan.

No Brahmaputra os principados de Kuch Behar e Kamrup vixiaban a fronteira nordés, mais o último aliouse aos assanos Ahom, o que levou a unha guerra en contra dos últimos. Rematou co recoñecemento da independencia de Assam-Birmania.

O imperio parecía estabilizado contra 1647, aínda que é verdade que houbera carpantas en 1630-1631 e que os gastos en administración, exército e corte eran enormes, mais o sistema de recadación resistía e dicíase que a riqueza en metais e pedras preciosas do emperador era a meirande do mundo. Por outra banda, é certo que se descoidaron as ciencias aplicadas e que o armamento do exército non se renovou.

Respecto da nobreza durante o seu goberno, parecen que tivo máis influencia a musulmá, de orixe turca, afgá, turania ou persa, cá hinduísta, representada polos grandes maraxás de Jaipur, Mewar, Jodhpur e Gaur. Sumáronse entón á corte algúns nobres de rango menor con orixe no Deccan: musulmáns e marathas. Por outra banda, notouse certo relaxación na disciplina e a visión endeusada do emperador por parte destes grupos poderosos; a mesma adhesión ao islam tradicional impedía o endeusamento do Emperador.

Durante os seus últimos anos fóronse formando entre a nobreza dous partidos: o liberal, encabezado polo seu primoxénito Dara Shikoh; e o conservador, dirixido polo seu terceiro fillo, Aurengzeb. As simpatías do primeiro pola relixión hinduísta, que dicía monoteísta, non lle gañou a Dara o favor dos musulmáns; por outra banda era un pésimo guerreiro.

Aurangzeb non tiña boa relación co seu pai e cando foi enviado a loitar novamente ao Deccan, disposto a incorporar Golconda ao Imperio, recriminaba o seu pai pola falta de apoio e distanciáronse inevitablemente. Posiblemente o último acto soberano de Shah Jahan foi ordenar a Aurangzeb volver a Delhi.

En 1657 Shah Jahan enfermou e comezou unha guerra de sucesión entre os irmáns Aurangzeb, Muhammad Shuja, Murad Bakhsh e Dara Shikoh,[6] este último acusado popularmente de dominar o seu pai. Os outros dous irmáns foron descartados na liorta. Finalmente, Aurangzeb, experimentado xeneral na guerra do Deccan, avanzou cara a Agra en 1658, onde tomou prisioneiro a Shah Jahan e se coroou.

Shah Jahan terminou a súa vida preso no forte de Agra[7] xunto á súa filla favorita, Jahanara Begum.

  1. Singh, Pashaura; Fenech, Louis E., eds. (2014). The Oxford handbook of Sikh studies. Oxford University Press. p. 649. ISBN 978-0-19-969930-8. 
  2. "Shah Jahan". Encyclopædia Britannica. 
  3. Middleton, John (2015). World Monarchies and Dynasties (en inglés). Routledge. p. 451. ISBN 978-1-317-45158-7. 
  4. Gonzalez, Valerie (2016). Aesthetic Hybridity in Mughal Painting, 1526–1658 (en inglés). Routledge. p. 116. ISBN 978-1-317-18487-4. 
  5. Mehta, Jaswant Lal (1986). Advanced Study in the History of Medieval India (en inglés). Sterling Publishers Pvt. Ltd. p. 59. ISBN 9788120710153. 
  6. Richards 1993, p. 158
  7. Illustrated dictionary of the Muslim world. Tarrytown, N.Y.: Marshall Cavendish Reference. 2011. p. 136. ISBN 978-0-7614-7929-1. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]