Anarquismo
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O anarquismo é unha ideoloxía política, corrente filosófica e movemento social radical que chama á oposición e abolición de toda autoridade, xerarquía e forma de control social por consideralas non desexables, innecesarias e nocivas.[1] Os tipos de autoridade rexeitados inclúen os de tipo político (o Estado), económico (o capitalismo), relixioso (a Igrexa), cultural (o patriarcado), industrial (o especismo) ou calquera outra forma de opresión e explotación. Do mesmo xeito, o anarquismo pretende abolir todo tipo de tratados ou normas impostas (é dicir, aquelas que sexan establecidas por imposición e sen a aprobación, mediante consenso, de todas as persoas), así coma as súas principais ferramentas de coerción e violencia, para conseguir acabar cos diversos tipos de dominación do ser humano polos seus conxéneres.
A intención é desenvolver e conseguir a anarquía, que recoñece a plena liberdade e autonomía dos individuos, configurando sociedades a escala humana ou, máis exactamente, en comunidades, baseadas no modelo libertario de comuna autónoma. Os fundamentos desta son a asociación voluntaria, a horizontalidade, a iniciativa individual e o apoio mutuo ou solidariedade recíproca. Existen varios métodos propostos polas diversas escolas e tendencias xurdidas no movemento anarquista para a consecución destes fins, sempre a través de medios concordantes con eles como son os conceptos da autoxestión, a acción directa e de base.
Con movementos precursores dende a antigüidade, o anarquismo desenvólvese no século XIX a través de diversas tendencias. Ao longo do século XX tiveron lugar algunhas das experiencias libertarias máis significativas. Dende entón converteuse nun movemento presente de forma continua en múltiplos temas contemporáneos.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo anarquismo deriva do grego ἀναρχος, anarchos, que significa "sen líder, director ou xefe", do prefixo ἀ
Dende un sentido negativo, a anarquía evoca o caos e a desorde, a anomia. Dende un sentido positivo, trátase dun sistema en que os individuos son liberados de toda autoridade. Este último sentido aparece en 1840 da pluma do teórico socialista Pierre Joseph Proudhon (1809-1865). Na súa obra Qu'est-ce que la propriété? (Que é a propiedade?), o autor declárase anarquista e precisa que é o que entende por anarquía: «unha forma de goberno sen amo nin soberano».
Anomia
[editar | editar a fonte]A idea popular de anarquismo como absoluto caos e desorde, que os estudosos chaman de anomia (ausencia de normas), é rexeitada por tódolos anarquistas tradicionais citados anteriormente. Os anarquistas conciben os gobernos como as actuais fontes de desordes defendendo, polo tanto, que a sociedade estaría mellor ordenada sen eles.
Esta convención ten fortes connotacións e historicamente foi empregada como unha deficiencia por grupos políticos contra os seus opoñentes, sendo notable o caso dos monárquicos contra os republicanos nos últimos séculos. Namentres, a anomia foi abrazada por movementos de contracultura.
Principios e conceptos anarquistas
[editar | editar a fonte]O anarquismo fundaméntase nunha serie de principios comúns que, na súa maioría, se desprenden do seu inherente rexeitamento á autoridade coercitiva. Non todas as escolas e correntes anarquistas avalan de igual xeito os mesmos principios pero, en liñas xerais, poderiamos enunciar os seguintes conceptos:
O anarquismo rexeita o principio de autoridade, ao que opón a autonomía ou soberanía individual e o libre pacto. Calquera autoridade, sexa imposta ou voluntariamente aceptada, é rexeitada polos anarquistas. Por norma xeral preténdense substituír as relacións autoritarias por relacións de consenso, sendo a asemblea o método organizativo máis común para a toma de decisións no espectro ácrata. Este principio é o piar fundamental doutros conceptos básicos anarquistas:
Este concepto ético e político baséase na crenza de que o individuo é soberano de si mesmo e, xa que logo, o único capacitado para tomar as decisións que a el concirnen. Deste xeito as relacións sociais deben desenvolverse por pactos voluntarios entre individuos libres, non deixando nas mans de terceiros o control das rendas da súa propia vida e dotando a persoa do dereito moral de autogobernarse e da responsabilidade sobre si mesma. Polo exposto, este principio entra en contradición coa xerarquía, a autoridade e calquera concepto de soberanía que implique a submisión individual a regras que non sexan voluntariamente aceptadas.
É o concepto en base ao cal a resolución de conflitos se debe tratar polos implicados sen delegación nin mediación ningunha. Fundaméntase en que os individuos deben implicarse eles mesmos na consecución dos fins que perseguen sen recorreren a terceiros, xa que do contrario a autonomía individual é diluída e o resultado non será o máis adecuado ás necesidades exclusivas dos afectados. Trátase da autoorganización dos implicados na consecución dun fin concreto. Polo xeral adoita asociarse o termo acción directa a accións violentas, non obstante a acción directa é simplemente a resolución dun conflito por parte dos implicados sen intermediarios, o que non implica necesariamente accións violentas. Espérase que a acción directa sexa tamén propaganda polo feito, ou acción ou experiencia que mostre a posibilidade de se rebelar ou de formas sociais non autoritarias en forma exemplificativa tanxible, a outros.
É a xestión cooperativa dunha asociación, na que participan todos os seus integrantes de forma libre e igualitaria e independentemente de factores externos á mesma. A autoxestión ten dous obxectivos principais: promover a participación nunha actividade dos implicados nesta, sen delegar noutras persoas e sen relacións de autoridade entre os participantes; e tamén afastarse das axudas que puidesen dar ou recibir sectores inimigos á asociación autoxestionada, sendo así independentes de calquera factor político ou económico externo. Isto último é o motivo principal que empurra a moitas organizacións anarquistas de todo tipo (sindicatos, escolas, librerías e incluso grupos de música) a levaren á práctica a autoxestión organizándose de tal xeito que sexan totalmente independentes de calquera organización política ou económica.
Como alternativa ás formas políticas centralistas e oligárquicas do estado-nación moderno así como dende unha postura antiimperialista, no anarquismo propóñense como alternativa política á orde existente a asociación voluntaria de localidades. Estas poden desexar se coexisten en apoio mutuo con outras dentro dun esquema descentralizado e autonómico. Así pois Proudhon propuxo ao federalismo coma forma política de libre asociación das localidades nun esquema que pode dende abaixo cara a riba constituírse en sistemas de federacións con escalas dende as máis pequenas locais ata as continentais e inclusive globais. Así tamén se propón a estrutura en rede. Estes conceptos remítense a instancias de autogoberno local e de alcance máis alto que se deron historicamente entre comunidades campesiñas autónomas ata instancias de consexismo revolucionario coma a Comuna de París, os soviets na revolución rusa ou a revolución española de 1936. Así tamén coma alternativa á representación nos partidos políticos e os políticos profesionais se propón a asemblea, coma forma política de democracia directa.
O ensino é un piar fundamental da loita antiautoritaria. O movemento anarquista emprega a educación para tratar de construír o individuo librepensador, consciente e crítico que sexa quen de construír a futura sociedade anarquista. Para isto utilízanse milleiros de recursos tales como ateneos libertarios, publicacións periódicas, edición e difusión de texto, e creación de alternativas educativas ás establecidas. Neste sentido, pódense citar como exemplo a escuela moderna. Por outra banda, considérase que a educación é intrínseca a toda relación humana, polo tanto a fronteira entre educado e educador dilúese ata o punto de que independentemente da idade que se teña, toda persoa ten algo que ofrecer e algo que aprender. Tamén algúns autores defenden a non escolarización como forma de aprendizaxe, xa que consideran que a escola perpetúa uns roles de poder e polo tanto de xerarquías entre o profesor e o alumno.
Para debilitar a autoridade do Estado, os anarquistas propoñen ignorar sistematicamente as leis que os diferentes gobernos impoñen, guiándose tan só pola estrita ética persoal ou colectiva. A longo prazo, isto habería de supor a inviabilidade do aparato represivo do Estado e a súa disolución.
A desobediencia civil implica accións non violentas e coordinadas polo máximo número de persoas posible, co obxecto de que o Estado se vexa desbordado á hora de reprimir as masas. Esta forma de loita tamén é propulsada por outros movementos, de carácter pacifista, a fin de obteren determinados dereitos individuais ou colectivos.
Apoio mutuo
[editar | editar a fonte]Este principio, enunciado nun primeiro momento por Piotr Kropotkin, afirma que a cooperación é beneficiosa para os individuos que cooperan entre si, así coma un factor evolutivo de suma importancia no desenvolvemento dos seres vivos e, no plano humano, un motor indispensable no desenvolvemento das sociedades. Xorde coma oposición ao concepto da competencia (tanto no biolóxico coma no social) coma principio único ou primordial da existencia, tan en voga trala publicación das teses de Darwin e do darwinismo social, que deron coma resultado a concepción de que o capitalismo é a adaptación económica da orde natural das cousas. Polo contrario, o apoio mutuo afirma que a asociación cooperativa é o mellor sistema de relacións sociais, o máis xusto e o que máis beneficioso pode resultar ao final para as partes que o integran.
Os anarquistas entenden que o Estado, ou calquera outra institución que ostenta poder, xera violencia, ao seren a minoría daqueles que ostentan o poder quen coartan a liberdade dos demais individuos para continuaren mantendo os seus privilexios en detrimento da maioría. A diferenza de criterios xorde á hora de confrontar a devandita violencia imposta polo Estado. Hai anarquistas que cren no uso da violencia como medio para acadaren os seus fins, e outros vinculados a movementos pacifistas. O anarquismo alcanzou publicidade masiva por vez primeira durante a segunda revolución industrial, cando anarquistas asasinaron os líderes rusos (1881); na República Francesa (1894); en Italia (1900) e nos Estados Unidos (1901). Exemplos dalgúns grupos anarquistas violentos son os inspirados no nihilismo (que non é un sinónimo de terrorismo aínda que varios deles optasen por esta vía), o insurreccionalismo italiano, as células anarquistas individualistas que a finais do século XIX e principios do século XX atacaron a reis en Europa. Algunhas das tendencias e actitudes anarquistas marcadamente non violentas son o cristianismo libertario e o anarcopacifismo. Estes movementos teñen unha forte convicción de que o uso da violencia implica repetir padróns de poder e autoridade, o que os leva a rexeitar calquera acto de violencia e avogan por outros métodos de loita tales como a desobediencia civil e o antimilitarismo. Porén, hai correntes como o anarcosindicalismo nas que conviviron ambas as posturas. Durante a guerra civil española e na Revolución Makhnovista en Ucraína, algúns anarquistas tamén utilizaron a violencia.
Humanismo
[editar | editar a fonte]No anarquismo a ética social adoita ser humanista. Esta consiste en preferir a convivencia humana inmanente en si como produtora e impartidora da ética e a xustiza no canto de principios metafísicos e/ou relixiosos, xerarquías hereditarias incontestables, textos "sagrados" e tradicións; e supersticións sen sustento. Por outra banda adoita rexeitarse a moralización do comportamento individual como inxerencia en cousas que só afectan ao individuo mesmo (preferencias sexuais, uso ou non de drogas, formas de se vestir etc) e en conexión a isto óptase polo amor libre. Debido a isto enfatízase no principio da capacidade racional das persoas exercida na súa convivencia como sendo posibilidade do exercicio da liberdade real ou autodeterminación. Enfatízase tamén o exercicio libre da subxectividade.
Variantes ideolóxicas
[editar | editar a fonte]Existen distintos grupos que teñen comprensións diferentes en canto á abolición do goberno e tamén verbo do mantemento desa orde:
- Os socialistas libertarios recoñecen o modo de produción socialista, como a colectivización dos bens, así como a organización social feita horizontalmente (diferenciándose así do socialismo científico, utópico e real);
- Os anarquistas individualistas non teorizan sobre a colectividade, acreditan que o anarquismo só é e será posible coa concienciación e transformación individual e persoal.
Socialismo libertario
[editar | editar a fonte]Os anarquistas socialistas libertarios acreditan que a función de calquera goberno é o mantemento do dominio dunha clase social sobre outra. Eles acreditan que, no sistema capitalista, o Estado mantén a desigualdade social a través da forza, ao garantir a uns poucos a propiedade sobre os medios de subsistencia de todos.
Esta teoría clama por un sistema socialista, onde a posesión dos medios de produción se lles garante a todos os que traballan. Neste sistema, non habería necesidade de ningunha autoridade e/ou goberno, ao ver que non habería necesidade de impor privilexios dunha clase sobre outra. A sociedade dirixida por asociacións democráticas, formadas por todos, e dividíndose libremente (ou sexa, con entrada e saída libre) en cooperativas e estas, en federacións.
A orixe da tradición socialista libertaria está nos séculos XVIII e XIX. Talvez o primeiro anarquista (aínda que non usase o termo en momento ningún) foi William Godwin, inglés, que escribiu varios panfletos defendendo unha educación sen a man do Estado, observando que esta tornaba as persoas menos propensas a veren a liberdade que lles era negada. O primeiro a se auto-intitular anarquista e a defender claramente unha visión máis socialista, foi Joseph Proudhon, seguido por Bakunin que levou e elaborou as ideas de Proudhon á primeira Asociación Internacional dos Traballadores (AIT). Máis tarde, Kropotkin desenvolve a vertente comunista do anarquismo, mentres Nestor Makhno tenta implantar o anarquismo en plena revolución rusa na Ucraína, con apoio de varias comunidades campesiñas, mais que acaban masacradas polos revolucionarios leninistas e trotskistas. (véxase Godwin, Proudhon, Bakunin, Kropotkin, Makhno etc).
Poucos anarquistas defenden a violencia contra individuos. Durante a fin do século XIX e inicio do século XX, o anarquismo era coñecido como unha ideoloxía que apoiaba os asasinatos e explosións, debido a acción de persoas como o ruso Nechaiev, o francés Ravachol e á influencia dos medios de comunicación da época. A maioría dos anarquistas afirman que a violencia contra individuos é inútil, xa que mantén intactas as relacións sociais de exploración e as institucións que a mantén. Namentres, os anarquistas acreditan que é inevitable o recurso á violencia como lexítima defensa á violencia do Estado ou de institucións coercivas. Anarquistas como Errico Malatesta publicaron célebres debates e publicacións, condenando o individualismo-terrorista dalgúns anarquistas.
Existiron, porén, outros anarquistas, como Tolstoi, que acreditaban que o camiño da anarquía era a non-violencia. Tólstoi, inclusive, mantivo contacto con Gandhi.
Historia do anarquismo e das súas correntes
[editar | editar a fonte]Antecedentes do anarquismo moderno
[editar | editar a fonte]Aínda que o desenvolvemento formal do anarquismo como movemento e ideoloxía política, social, económica e filosófica data do século XIX, a base das ideas anarquistas está presente en maior ou menor medida en tódolos períodos da Historia.
Antigüidade
[editar | editar a fonte]Os pensamentos, reflexións e ideas anarquistas máis antigas das que se teñen constancia proceden do filósofo chinés Lao Zi, oposto ao Estado e á autoridade relixiosa ou de calquera outro tipo, e considerado por moitos como o primeiro anarquista coñecido.
Na Antiga Grecia podemos atopar a Zenón de Citio, outro pensador anarquista moi antigo. Á Antiga Grecia pertence tamén o primeiro uso coñecido da palabra "anarquía", na obra Os sete contra Tebas (467 a. C.) de Esquilo, se ben é certo que o termo se empregaba entón cun sentido negativo, non como referente a unha doutrina contraria á autoridade; sería Proudhon quen usaría ese termo moitos anos máis tarde para se referir aos seus ideais. Algúns historiadores atopan no discurso e as obras de Xesús de Nazaret unha gran presenza dos valores anarquistas.
Omnia sunt communia
[editar | editar a fonte]Os anabaptistas do século XVI en Europa son ás veces considerados como precursores relixiosos do anarquismo moderno. No devandito movemento resaltou especialmente o teólogo Thomas Müntzer. En 1532 foi descrita a primeira utopía libertaria na obra Gargantúa e Pantagruel, de François Rabelais, na que se describía a Abadía de Thélema coma un lugar onde os seus habitantes vivían sen necesidade de goberno, leis ou relixión. Tamén nesa mesma época pode considerarse a Étienne de La Boétie coma un precursor do anarquismo. Outro precursor do anarquismo é Gerrard Winstanley, quen publicou un panfleto chamando pola propiedade comunal e social e unha organización económica forxada a partir de pequenas comunidades agrícolas no século XVII. Os socialistas utópicos así coma formas radicalizadas do liberalismo tamén presentan grandes semellanzas co anarquismo moderno.
Século XVIII - 1815: a ilustración e a revolución francesa
[editar | editar a fonte]En 1793, o importante pensador da ilustración británica, William Godwin publicou An Enquiry concerning political Justice (Unha investigación a respecto da xustiza política), no cal presentaba a súa visión dunha sociedade libre alén dunha crítica do goberno. Algúns consideran este texto como o primeiro tratado anarquista. A obra de Godwin transformouse na Biblia do movemento radical inglés e as súas ideas eran parte dunha cosmovisión antixerárquica e antiestatal. Aínda que Godwin nunca empregou a palabra "anarquismo", non outorgou ao termo "anarquía" un sentido pexorativo.
Durante a Revolución francesa, Sylvain Maréchal constituiríase no pensador e activista proto-anarquista e así escribiu en 1796 o Manifeste des Égaux (Manifesto dos iguais), polo que reivindicaba "o gozo comunal dos froitos da terra" e desexaba a desaparición de "a repugnante distinción entre ricos e pobres, dos grandes e pequenos, dos amos e mozos, dos gobernadores e os gobernados.". Outro anarquista coñecido desta época foi Joseph Déjacque, que se autodescribiu como libertario.
1815 - 1848: do socialismo utópico a Proudhon
[editar | editar a fonte]As propostas económicas anarquistas vanse sucedendo historicamente (coa carga que a filosofía alemá dá ao termo Historia), segundo as condicións do tecido produtivo. Cómpre ter en conta que o anarquismo se desenvolve con elas mantendo a súa coherencia interna, non son posturas enfrontadas. Ata mediados do século XIX, cómpre ter en conta que vén existindo o socialismo utópico.
A primeira oposición á revolución industrial foron os ludditas, movemento obreiro de carácter espontáneo dirixido á destrución das máquinas que naquel momento levaban á miseria os artesáns. O seu auxe sitúase na Inglaterra de 1811 a 1816 estendéndose posteriormente por toda Europa, sendo a partir de 1817 o precursor dos primeiros sindicatos obreiros. A táctica da sabotaxe permanecería no movemento obreiro, así como o seu ideario segue vixente en pensamentos coma o primitivista.
Dentro dos pensadores e activistas agrupados dentro do termo socialismo utópico destaca como antecedente libertario o pensamento de Charles Fourier. Este propuña unha organización política baseada no que el chamou falansterios as cales eran comunidades enlazadas entre si en forma descentralizada. Por outro lado asemade que criticaba a división do traballo dentro dos esquemas do feudalismo e do capitalismo así como a moral cristiá, propuña unha orde social baseada no exercicio pleno da subxectividade.
A mediados do século XIX, o tecido industrial aínda é feble, predominando artesáns e campesiños. Aí vaise desenvolver o anarquismo desde as propostas de Pierre Joseph Proudhon, expresadas como mutualismo no económico e federalismo no político. Proudhon foi o primeiro individuo en se denominar a si mesmo "anarquista", motivo polo cal é considerado por algúns como o fundador das teorías anarquistas modernas. Proudhon, considerado como próximo ao socialismo por el mesmo e polos críticos e historiadores posteriores avogaba por unha economía non opresiva onde os individuos intercambiasen os produtos dos seus propios traballos. O valor de intercambio dos bens dentro de tal economía sería determinado pola cantidade de traballo investido na súa produción.
1848 - 1871: de Proudhon á Primeira Internacional
[editar | editar a fonte]A medida que o tecido industrial vaise desenvolvendo e aumenta a clase obreira industrial, os propios mutualistas, tendo en conta a Organización do Traballo que se vai desenvolvendo, e mailo fracaso das propostas máis "utópicas", van adoptando o colectivismo. Na realidade, ambos teñen en común a referencia do Valor-Traballo, do que seguen aspirando á súa xusta retribución xa sexa a individuos ou a colectivos. O principal teórico do colectivismo foi Mikhail Bakunin, convertido nun dos máis coñecidos dentro e fóra do anarquismo.
Cara a mediados do século XIX os principios anarquistas expandíronse por Europa dunha forma significativa, sendo representados na Primeira Internacional, creada en 1864. Uns anos máis tarde, en 1872, tiveron lugar as primeiras grandes discusións na devandita organización entre Karl Marx e Mikhail Bakunin. Os motivos, entre outros moitos, foron a división de opinións verbo da forma de organización e o alcance da autoridade da Internacional, e o conflito entre a ditadura do proletariado proposta por Marx e a inmediata destrución do estado que defendía Bakunin. Estas discusións remataron propiciando o distanciamento entre anarquistas e marxistas, que levou á saída dos anarquistas da devandita organización. Coas fortes emigracións europeas cara aos países americanos, o anarquismo expandiuse tamén por ese continente.
1871 - 1900: Xurdimento e evolución do anarcocomunismo
[editar | editar a fonte]Partindo das propostas colectivistas e das críticas realizadas cara a estas xurdiría en Europa o anarcocomunismo ou comunismo libertario. Hai que aclarar que este non ten nada que ver co marxismo de forma especial que non teñan o resto de tendencias. Foi formulado por primeira vez na sección italiana da Primeira Internacional por Carlo Cafiero, Errico Malatesta e Andrea Costa, entre outros. Inicialmente conviviu co colectivismo, e non sería ata a morte de Bakunin cando comezaron as disputas entre ambos os movementos.
O anarcocomunismo tería como pensadores esenciais a Piotr Kropotkin e ao xa mencionado Errico Malatesta. En primeira instancia existiron algúns anarcocomunistas que criticaban os sindicatos como posibles acomodamentos dentro do sistema capitalista ao observaren o comportamento dos sindicatos reformistas ou apolíticos daquel tempo. Posteriormente moitos destes, incluíndo a Kropotkin viron necesario o participar dentro dos sindicatos para así atinxiren influenciar os traballadores e campesiños. O anarcocomunismo posteriormente sería adoptado como proposta de sociedade alternativa por sindicatos anarcosindicalistas coma a CNT de España.
No anarcocomunismo, a diferenza do colectivismo, rexéitase a teoría do valor-traballo debido a vela como algo que non toma en conta o traballo de xeracións e colectividades no pasado e presente que permitiron as condicións e desenvolveron o coñecemento para a produción de algo, así coma o factor natural que vai ser transformado. Así pois, o principio comunista é: Cada cal segundo a súa capacidade, a cada cal segundo a súa necesidade, fronte ao colectivista (e calquera outra escola baseada no Valor-Traballo), que sería: A cada cal segundo o seu traballo. Isto ocasionou discusións e debates que deron lugar a un distanciamento e unha oposición entre anarquistas colectivistas e anarcocomunistas.
Desenvolvemento paralelo do anarquismo individualista
[editar | editar a fonte]Nas zonas onde o tecido industrial non avanzou tanto, o anarquismo individualista seguiu desenvolvéndose, destacando as obras do alemán Max Stirner, pensador individualista temperán que se constituiría en figura influente non soamente da devandita corrente anarquista, senón do pensamento de Nietzsche. O anarquismo individualista de Stirner influiría a anarcocomunistas de tendencia ilegalista e posteriormente ao insurreccionalismo, a tendencias post situacionistas (Hakim Bey, Bob Black), ao postanarquismo e ao individualista estadounidense Benjamin Tucker.
Este último é un dos pertencentes ao anarcoindividualismo norteamericano, que presentaba lixeiras diferenzas respecto ao europeo. Esta corrente xurdiu en Boston, onde se continuaban a empregar algúns conceptos e ideas do mutualismo para atacar a relación patrón-traballador asalariado e ao ascendente capitalismo monopolista e as súas corporacións que viñan substituír os produtores familiares e locais no cambio de século. A corrente individualista en Estados Unidos tivo como principais pensadores a Henry David Thoreau, Josiah Warren ou Benjamin Tucker.
Con todo, coas fortes emigracións europeas cara aos países americanos o anarcocomunismo colleu moita forza nos Estados Unidos, e así tivo lugar a famosa folga pola xornada laboral de oito horas do 1 de maio de 1886 que levou tres días despois á Revolta de Haymarket e á morte dos chamados mártires de Chicago, escaleira de acontecementos que deu orixe á actual celebración do 1 de maio como Día Internacional dos Traballadores.
1900 - 1917: Anarcosindicalismo, anarquismo sen adxectivos e primeiras revolucións
[editar | editar a fonte]A principios do século XX xurdiría o anarcosindicalismo, retomando o ideario da Primeira Internacional. Fernand Pelloutier -por medio das súas Bolsas de Traballo-, xunto con Monatte, Delesalle e Pouget foron os primeiros en presentaren a síntese entre anarquismo e sindicalismo. O seu primeiro manifesto programático será a Carta de Amiens de 1906; no Congreso de Ámsterdam de 1907 apróbase a fórmula, aínda que non sen resistencias e obxeccións de diferente cáliz. O anarcosindicalismo terminou por se converter na forma de organización sindical compartida por todas ou case todas as correntes anarquistas, con sindicatos que chegaron a alcanzar gran forza e un importante número de afiliados.
Así mesmo tamén xurdiu o concepto de anarquismo sen adxectivos, por parte de Fernando Tarrida del Mármol, quen buscaba unha solución á oposición existente entre colectivistas e anarcocomunistas. Así queríase conseguir maior tolerancia entre correntes anarquistas e a non imposición de modelos económicos dende arriba. Tamén este concepto podía ser relevante na negativa inicial de moitos anarcocomunistas en teren relación cos sindicatos e na crítica dalgúns destes aos anarcosindicalistas. No continente europeo esta idea tivo como importantes propulsores a Élisée Reclus, Max Nettlau e a Errico Malatesta. Nos Estados Unidos de América nos debates entre comunistas coma Johann Most e individualistas coma Benjamin Tucker reproduciuse esta situación. O anarquismo sen adxectivos tamén cobrou vixencia alá especialmente propulsado por Voltairine de Cleyre e Rudolf Rocker.
En Latinoamérica o anarquismo foi a ideoloxía predominante do movemento obreiro rexional e baixo a deste organizouse conscientemente coma forza social nacente. É destacable o caso da FORA, fundada en 1901, a maior sindical latinoamericana durante as tres primeiras décadas do século XX.
En México dentro do período da Revolución Mexicana figura a acción e o pensamento do anarcocomunista Ricardo Flores Magón. Este liderou a constitución das comunas revolucionarias da Baixa California en 1911 que serían derrotadas posteriormente. Así tamén o importante líder revolucionario Emiliano Zapata se achegaría ás ideas anarquistas en tanto o marxismo aínda non tiña unha presenza importante en México.
1917-1936: Plataformismo, sintetismo e posta en práctica das ideas anarquistas
[editar | editar a fonte]En Rusia o anarquismo tiña milleiros de militantes e importante inserción social nos sectores campesiños e obreiros, así coma organizacións específicas, ata a chegada da revolución rusa. Despois de que a burocratización e o vangardismo dos bolxeviques se impuxesen á forza, moitos anarquistas exiliáronse, aínda que cabe resaltar especialmente a acción dos anarquistas de Ucraína liderados por Nestor Makhno, quen após derrotaren o exército branco dereitista, estableceron comunas autónomas inspiradas no anarcocomunismo no que se chegou a chamar a Revolución makhnovista, para remataren sendo sometidos polo nacente estado da URSS liderado por Lenin.
En Italia os obreiros e campesiños do norte, moi motivados polos eventos da revolución rusa protagonizaron o chamado biennio rosso. Dende hai algún tempo constituíranse consellos de fábrica e en 1919 estes declaráronse en folga xeral, decidindo tomar as fábricas e desexando pólas en marcha so control obreiro. Isto motivou a campesiños a tomaren facendas e controlalas. Dentro desta insurrección a anarcosindicalista Unione Sindacale Italiana tivo un papel importante así coma os anarquistas organizados.
Na Arxentina déronse os feitos coñecidos coma a Semana Tráxica (1919) e a Patagonia rebelde (1921) nos cales obreiros, peóns rurais e sindicalistas se rebelaron contra o goberno de Hipólito Yrigoyen para seren reprimidos en varios masacres. Nestes feitos a anarcosindicalista FORA tería un papel protagonista.
En España, tralos intentos de liberación de Casas Viejas e La Felguera que foron suprimidos polo exército da Segunda República, produciuse a chamada Revolución Española de 1936. Nela, ao inicio da guerra civil as forzas militares golpistas foron derrotadas polos anarquistas en Barcelona seguidos despois por gran parte do territorio da República que quedaría dividido en dúas grandes zonas, unha fascista e a outra republicana, dándose nesta unha das máis importantes experiencias libertarias de tódolos tempos cando foron formadas moreas de colectividades revolucionarias autoxestionadas que logo serían suprimidas polas autoridades republicanas españolas.
1936 - Século XXI: Dende a segunda guerra mundial ata hoxe
[editar | editar a fonte]Durante a segunda guerra mundial, os anarquistas actuaron en diversos eventos coma a resistencia contra a expansión do fascismo. Trala guerra, a presenza e influencia do anarquismo na sociedade decaeu notablemente con respecto a súa forza a comezos do século XX, no entanto seguiu existindo actividade, evidente por exemplo nas revoltas estudantís e obreiras de finais dos sesenta e na década dos setenta así coma a constitución de novas federacións. Xa que logo, por exemplo, destaca o labor de difusión do anarquismo de Daniel Guérin o cal participaría nas revoltas de maio do 68 ao mesmo tempo en que militaría en organizacións anarquistas francesas coma ORA, e UTCL (predecesora da actual Alternative libertaire).
O anarquismo, xunto con outras formas de socialismo libertario, influenciaría a tendencias revolucionarias novas coma o situacionismo e así anarquistas actuarían tamén nas revoltas dos anos setenta que levaban dentro de si prácticas de anticapitalismo libertario. Así, tamén habería anarquistas envoltos nas revoltas arredor da fin de ditaduras coma as de Franco en España ou a Xunta Militar Grega; ou resistindo contra o ascendente neo-fascismo e novas ditaduras coma a de Arxentina coma foi o caso da organización Resistencia Libertaria. En tanto en décadas posteriores o antifascismo adquiriría novamente relevancia para os anarquistas.
Nos oitenta e noventa, trala caída da Unión Soviética que desacreditou ao comunismo autoritario, o anarquismo retomou forza en moitas zonas do planeta asemade que participaba nas protestas en todo o mundo contra a consolidación do modelo económico neoliberal.
Nos últimos anos do século XX e primeiros do século XXI, o levantamento zapatista (1994), a batalla de Seattle (1999), a expansión do movemento de okupacións e do movemento de ecoaldeas principalmente por Europa e Norteamérica, colectivos que promoven o ciclismo urbano, a distribución e o uso do software libre e o desenvolvemento da Web 2.0, a difusión do coñecemento libre, a enerxía verde e o desenvolvemento sostible, ou o desenvolvemento da economía social e o comercio xusto, o arxentinazo (2001-2002) coas súas asembleas barriais e fábricas recuperadas, o conflito maxisterial de Oaxaca coas súas asembleas populares, as mobilizacións estudantís chilenas, as universitarias francesas en París (as tres no ano 2006) ou os disturbios e mobilizacións gregas de decembro de 2008, son considerados fenómenos nos que as influencias libertarias e os anarquistas estiveron e están presentes. Así mesmo, o anarquismo exprésase hoxe tamén coma contracultura cotiá en iniciativas e movementos tan diversos coma o anarco-punk (sector anarquista da subcultura punk), a proposta de Reclaim the Streets, ou os ateneos libertarios.
Novas correntes dentro do anarquismo
[editar | editar a fonte]Por unha banda temos o anarcofeminismo o cal en moito comparte a tendencia do feminismo de segunda onda e o feminismo radical a loitaren contra a discriminación e a desigualdade cotiá contra as mulleres dentro dunha perspectiva anarquista con enfoque de loita de clases anticapitalista para se afastaren do feminismo liberal e socialdemócrata, máis próximos ao parlamentarismo. Aquí pois alén de escritos temperáns de anarquistas coma Emma Goldman, Voltairine de Cleyre e Lucy Parsons xunto coa acción de Mujeres Libres na CNT española como antecedentes, o anarcofeminismo tamén desexa tomar distancia co economicismo do feminismo marxista. Dentro dos movementos LGTB tamén existen anarquistas activos.
Por outro banda está o anarquismo verde ou ecoloxista. Este comparte posicións importantes con pólas radicais do movemento ecoloxista coma o desexar maior descentralización e, polo tanto, economías e gobernos locais que suplanten os estados-nación centralizados e a economía capitalista globalizada e corporativa para así acadar situacións de sostibilidade. Xa que logo, coma tendencias internas a este destacan por un lado a ecoloxía social de Murray Bookchin e a súa proposta de municipalismo libertario. Tamén existe unha tendencia crítica da tecnoloxía e da civilización industrial denominada anarquismo primitivista que devece retomar a herdanza do movemento luddita de principios do século XIX, e que dalgunha forma tamén reactualiza o naturismo libertario. Entre os seus teóricos principais destacan John Zerzan e Derrick Jensen.
Tamén é de destacar o insurreccionalismo. Dende as revoltas de finais dos sesenta e os setenta en países coma Francia e especialmente Italia, sectores neo-ilegalistas propuxeron un pensamento posteriormente categorizado coma anarquismo insurrecionalista. Destacan aquí escritores coma Alfredo M. Bonanno, a revista Killing King Abacus, e Wolfi Landstreicher. Anarquistas vencellados a este pensamento actuaron dende entón en varias instancias de accións de grupos de afinidade e revoltas de masas coma as de Xénova ou as de Grecia no 2008. Así mesmo, enfrontan críticas semellantes ás que o anarquismo organizado lle realizara ao ilegalismo no século XIX e comezos do XX.
Terían que se considerar tamén esforzos intelectuais anarquistas recentes de características diversas. Así podemos considerar por exemplo a detallada proposta de posta en práctica do anarquismo coñecida como Parecon elaborada polo estadounidense Michael Albert na cal se examina coma funcionaría a economía e a política consonte a principios libertarios. Un esforzo teórico similar é o da democracia inclusiva elaborada por Takis Fotopoulos. Dende un enfoque máis filosófico poderiamos destacar a intelectuais coma Agustín García Calvo en obras coma Contra el tiempo e Contra la Realidad. Tamén existe a conxunción do anarquismo co postestruturalismo coñecida coma postanarquismo, que ten por principais expoñentes a Todd May, Saul Newman e Lewis Call. Dende unha perspectiva post-situacionista destacan os escritos de Hakim Bey, Bob Black e a rede activista e editorial estadounidense Crimethinc. Así recentemente apareceron organizacións e institutos enfocados no desenvolvemento de pensamento anarquista entre os cales destacan nos Estados Unidos o Institute for Social Ecology (fundado por Murray Bookchin) e o Institute for Anarchist Studies, ou en España a Fundación de Estudios Libertarios Anselmo Lorenzo (ligada ao sindicato CNT) e a Fundació d'Estudis Llibertaris i Anarcosindicalistes.
O anarquismo hoxe
[editar | editar a fonte]Os anarquistas e as súas formas varían moito de país en país. Entre as organizacións máis visibles existen as asociadas á Internacional de Federacións Anarquistas (sintetismo), Solidariedade Internacional Libertaria (tendente ao plataformismo) e a Asociación Internacional dos Traballadores (internacional de sindicatos anarcosindicalistas). Así mesmo, existen federacións e colectivos non asociados a estas organizacións globais en moitos lugares, e que en moitos casos manteñen ateneos libertarios/infoshops, publican xornais anarquistas regularmente, manexan editoriais, teñen centros de estudos libertarios, tocan en agrupacións musicais e editan discos con contido libertario, actúan dentro de Centros Sociais/Okupas e redes ou organizacións non específicas. Por outra banda, colectivos de afinidade de tendencia ilegalista/anarcoinsurrecionalista actúan en accións pequenas así coma en revoltas de masas e así na maioría dos casos prefiren o anonimato ou nomes transitorios.
A seguinte lista presenta algunhas organizacións a nivel global e en moitos casos non toma en conta a algunhas organizacións activas.
- Internacional: actualmente existen en moitos países do mundo organizacións anarquistas, algunhas delas de ámbito internacional. Neste sentido, existen a nivel internacional (ou, polo menos, presentes en máis dun continente) a Internacional de Federacións Anarquistas, a rede de tendencia plataformista Solidariedade Internacional Libertaria, a Cruz Negra Anarquista, a Asociación Internacional dos Traballadores (AIT) que á súa vez engloba outros moitos sindicatos e organizacións anarquistas, Food not Bombs e Industrial Workers of the World.
- Europa: existen tanto federacións anarquistas coma sindicatos anarquistas nalgúns países. En España existen dende principios do século XX o sindicato CNT e a Federación Anarquista Ibérica (FAI). Tamén están presentes os sindicatos CGT e Solidaridad Obrera, e a Federación Ibérica de Juventudes Anarquistas. En Francia está a Fédération Anarchiste (asociada á IFA) que edita o xornal Le Monde libertaire e pon en funcionamento a Radio Libertaire, e tamén é activa en Bélxica; tamén os sindicatos CNT-f e a CNT-AIT afiliada á AIT así coma a organización Alternative libertaire (asociada internacionalmente a SIL) e a Coordination des groupes anarchistes. En Italia está a Federazione Anarchica Italiana asociada á IFA) que publica Umanita Nova, o sindicato Unione Sindacale Italiana asociado á Asociación Internacional dos Traballadores; e a federación plataformista Federazione dei Comunisti Anarchici e o sindicato CIB Unicobas afiliados a SIL. No Reino Unido está a Solidarity Federation asociada á AIT e en Irlanda a plataformista Workers Solidarity Movement asociada a SIL. Tanto no Reino Unido coma en Irlanda a Anarchist Federation asociada á IFA. En Suecia están os sindicatos SAC (asociado a SIL) e a SUF. En Rusia está a organización anarcosindicalista e anarcocomunista Konfederatsiya Revolyutsionnikh Anarkho-Sindikalistov (AIT). Asociadas á IFA están en Ucraína a Federación Anarquista de Belarús, en Bulgaria a Federación Anarquista de Bulgaria e na República Checa e Eslovaquia a Federación Anarquista de Checoslovaquia. En Alemaña e Suíza está a Föderation deutschsprachiger AnarchistInnen asociada á IFA, en Alemaña o sindicato asociado á AIT Freie Arbeiterinnen- und Arbeiter-Union. En Noruega actúa o sindicato Norsk Syndikalistisk Forbund asociado á AIT.
- América do Norte, América central e o Caribe: no nordeste dos Estados Unidos e o leste do Canadá está a federación plataformista NEFAC (SIL), o sindicato IWW e nos Estados Unidos a rede Crimethinc. Existen asemade nos dous países varios colectivos, infoshops e publicacións regulares así coma anarquistas ecoloxistas participando na rede ecoloxista Earth First!. En México actúa o Consejo Indígena Popular de Oaxaca "Ricardo Flores Magón" ((SIL) e no exilio actúa o Movemento Libertario Cubano.
- América do Sur: Na Arxentina está a Federación Libertaria Arxentina (IFA) que publica o xornal El Libertario, o sindicato FORA (AIT) e as publicacións La Protesta, editada dende 1897 e ¡Libertad!. No Brasil está a Federação Anarquista do Rio de Janeiro e a Federação Anarquista Gaúcha. No Uruguai actúa a Federación Anarquista Uruguya (SIL). En Venezuela a Comisión de Relaciones Anarquistas. En Chile está o movemento estudantil Frente de Estudiantes Libertarios e a Organización Comunista Libertaria.
- Asia, África e Oceanía: En Suráfrica actúa a plataformista Zabalaza Anarchist Communist Federation. En Australia o sindicato Anarcho-syndicalist Federation.
Ademais, hoxe en día o movemento anarquista non soamente está presente no ámbito obreiro, formando tamén unha parte importante dos movementos ecoloxistas e do movemento antiglobalización.
Anarquistas internacionalmente coñecidos
[editar | editar a fonte]- Mikhail Bakunin (1814 - 1876), coñecido anarquista socialista ruso.
- Alexander Berkman (1870 - 1936), xudeu lituano.
- Voltairine de Cleyre (1866 - 1912), escritora norteamericana.
- Noam Chomsky (1928), lingüista, adepto do socialismo libertario.
- Buenaventura Durruti (1896 - 1936), mecánico leonés.
- Emma Goldman (1869 - 1940), escritora lituana.
- Piotr Kropotkin (1842 - 1921), xeógrafo ruso.
- Errico Malatesta (1853-1932), teórico do anarquismo italiano.
- Alan Moore (1953), escritor británico.
- Pierre Joseph Proudhon (1809 - 1865), anarquista mutualista.
- Louise Michel - (1833 - 1905), profesora e militante anarquista.
- Rudolph Rocker (1873 - 1958), historiador alemán.
- August Spies (1855 - 1887), editor estadounidense.
- Max Stirner (1806 - 1856), anarquista individualista.
- Lev Tolstói (1828 - 1910), escritor ruso.
- Benjamin Tucker (1854 - 1939), gran defensor do anarquismo individualista.
- Mary Wollstonecraft (1759 - 1797), activista libertaria e precursora do feminismo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ O Dicionario da Real Academia Galega Arquivado 21 de xaneiro de 2012 en Wayback Machine., por exemplo, define anarquismo coma a "doutrina política que propugna unha sociedade sen estado nin institucións que priven ó individuo da súa liberdade".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Anarquismo |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Acción directa
- Anarco-feminismo
- Anarcosindicalismo
- Anarquismo individualista
- Autoxestión
- Comunismo libertario
- Democracia directa
- Nihilismo
- Sindicalismo
- Soma, terapia de principios anarquistas
- Libertarianismo
- Xeografía anarquista (Piotr Kropotkin, Élisée Reclus)
- AK Press
- Anarquismo en España
- Simboloxía anarquista
- Autoorganización política
- Antiespecismo
- Veganismo