Misticetos
Misticetos Mysticeti Cetáceos con barbas Rango fósil: oligoceno superior - actualidade | |||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Eubalaena glacialis co seu baleato | |||||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||
Familias | |||||||||||||||||||||||
Os misticetos (Mysticeti), coñecidos comunmente como cetáceos con barbas ou como baleas,[2] son unha suborde da orde dos cetáceos que se caracterizan pola presenza de barbas na boca, no canto de dentes, como ocorre na outra suborde de cetáceos, a dos odontocetos.
As baleas adoitan seren de gran tamaño (de 7 a 30 metros) e viven exclusivamente no mar.
O termo balea debe reservarse para as especies dos misticetos. E segundo os cetólogos, máis concretamente para os integrantes da familia dos Balaenidae (con algunha excepción, como os das familias monoespecíficas dos Eschrichtiidae e dos Neobalaenidae, que son moi semellantes).
Outros cetáceos algo menos semellantes, os integrantes da familia máis abundante en especies, a dos Balaenopteridae, denomínanse tecnicamente rorcuais, pero tamén resulta habitual denominalos como baleas.
Así mesmo, na literatura de divulgación (e mesmo nalgúns casos na científica) en distintos idiomas tamén está implantado o uso de balea para designar a algunhas especies de cetáceos con dentes (odontocetos), como é o caso de balea asasina para designar á candorca (que nin é balea nin é asasina), de balea de esperma para o cachalote, ou de balea piloto para o caldeirón.
Tamén reciben este nome, ás veces, algunhas especies de zifios.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Misticetos
[editar | editar a fonte]O termo Mysticeti aparentemente deriva dun erro de tradución nun texto antigo latino da obra de Aristóteles Historia Animalium, na que "
Un nome alternativo da suborde é Mystacoceti derivada do grego antigo μυσταξ mystax, "bigote" e κητος ketos, "monstro mariño, balea".
Balea
[editar | editar a fonte]A palabra balea deriva do latín balaena, e esta do grego φάλαινα phálaina, "balea" (o grego φάλαινα está relacionado con φάλαγξ phálanx, "cilindro groso de madeira", "rolo", "formación en orde de batalla").[4]
As barbas ou baleas
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Barbas de balea.
O trazo máis característicos das baleas, á parte do seu gran tamaño, é a presenza dunhas estruturas especiais na boca que substitúen os dentes: as chamadas barbas ou baleas. Non se trata de dentes transformados, senón de placas de queratina (a mesma substancia que forma as nosas uñas ou o pelo) que penduran do bordo da mandíbula superior pechando a cavidade bucal. Cando a boca está pechada, as barbas quedan cubertas polos "labios" inferiores. O bordo interior de cada unha destas placas está esfiañado en cerdas ríxidas que forman unha peneira moi mesta capaz de reter os corpos sólidos presentes na auga que envían.
O tamaño –en anchura e lonxitude- e o número son moi variables segundo a especie, así como a cor, e son elementos a ter en conta á hora de identificar as distintas especies. Os distintos tamaños das barbas, xunto a outras modificacións morfolóxicas como a maior ou menor convexidade do cranio e a presenza de máis ou menos sucos na gorxa, son consecuencia dos diferentes hábitos alimenticios destes cetáceos.
As baleas aliméntanse de pequenos crustáceos (krill) e, en menor medida, de pequenos peixes. O sistema que utilizan é avanzar coa boca aberta e enchela dun gran volume de auga (no que axuda a dilatación da pel da gorxa e a particular estrutura da articulación das mandíbulas). A seguir, pechan a boca e coa axuda da lingua expelen a auga, que é filtrada polas barbas retendo todos os animais que viñan nela.
Clasificación taxonómica
[editar | editar a fonte]Os misticetos divídense en catro familias, que engloban 6 xéneros e 11 especies:
- Artigo principal: Balénidos.
Tamén chamadas baleas verdadeiras, denominación que non implica que as outras especies de baleas se consideren falsas, senón que estas eran as máis apropiadas para a súa caza, por seren máis lentas e aboiaren unha vez mortas. A familia está constituída por dous xéneros con tres especies.
- Balaena mysticetus (Linnaeus 1758)
- galego: balea de Groenlandia.
- castelán: ballena de Groenlandia, ballena de cabeza arqueada.
- inglés: Bowhead whale.
- francés: Baleine de Groenland.
- Eubalaena australis (Desmoilins 1822)
- galego: balea franca austral.
- castelán: ballena franca meridional, ballena franca austral.
- inglés: Southern right whale.
- francés: Baleine australe.
- Eubalaena glacialis (Müller 1776)
- galego: balea vasca.
- castelán: ballena vasca, ballena franca, ballena franca septentrional.
- inglés: Northern right whale.
- francés: Baleine de Biscaye.
Son animais de gran tamaño, pouco hidrodinámicas e máis lentas que outras baleas. Caracterízanse por ter unha cabeza que representa a metade da lonxitude total e pola ausencia de aleta dorsal.
O perfil do cranio é marcadamente convexo. As barbas (ou baleas) son máis longas (ata 2,7 m) que nos outros misticetos, estreitas e numerosas (230-360 en cada lado). As sete vértebras cervicais están soldadas.
Algúns autores separan as poboacións do Pacífico norte como unha terceira especie de Eubalaena, para a que propoñen o nome de Eubalaena japonica.
- Artigo principal: Balea anana.
Un único xénero cunha única especie.
- Caperea marginata (Gray 1846)
- galego: balea anana.
- castelán: ballena pigmea, ballena franca pigmea.
- inglés: Pygmy right whale.
- francés: Baleine pygmée.
Trátase dunha especie pouco coñecida. De menos de 7 m de lonxitude, é a menor das baleas (de aí o nome). Presenta unha pequena aleta dorsal falciforme (co bordo posterior cóncavo), bastante atrasada. Na gorxa posúe dous sucos.
O tamaño da cabeza é aproximadamente un cuarto da lonxitude total. A forma do cranio non é tan convexa coma a dos Balaenidae mais é máis ancha, o que a aproxima ós Balaenopteridae.
- Artigo principal: Balenoptéridos.
Son os chamados rorcuais, caracterizados polos sucos que posúen na gorxa. A familia está integrada por dous xéneros con seis especies.
- Balaenoptera physalus (Linnaeus 1758)
- galego: rorcual común, balea común.
- portugués: baleia comúm, baleia fina.
- castelán: rorcual común.
- inglés: Fin whale.
- francés: Rorqual commun.
- Balaenoptera acutorostrata (Lacepède 1804)
- galego: rorcual alibranco, balea alibranca.
- portugués: baleia anã.
- castelán: rorcual aliblanco, rorcual enano.
- inglés: Minke whale.
- francés: petit rorqual.
- Balaenoptera borealis (Lesson 1828)
- galego: rorcual de pintas.
- castelán: rorcual norteño, rorcual del norte, rorcual de Rudolphi.
- inglés: Sei whale.
- francés: Rorqual de Rudolphi.
- Balaenoptera edeni (Anderson 1878)
- galego: rorcual de Bryde.
- castelán: rorcual tropical, rorcual de Bryde.
- inglés: Bryde’s whale.
- francés: rorqual de Bryde.
- Balaenoptera musculus (Linnaeus 1758)
- galego: rorcual azul, balea azul.
- castelán: ballena azul, rorcual azul.
- inglés: Blue whale.
- francés: rorqual azul.
- Megaptera novaengliae (Borowski 1781)
- galego: xibardo, rorcual xibardo, balea xibardo.
- portugués: baleia-de-bossas, baleia-marreca.
- castelán: yubarta, jibarte, rorcual jorobado.
- inglés: Humpback whale.
- francés: baleine à bosse.
Todas as especies deste grupo miden máis de 10 m de lonxitude e, normalmente, son moito máis grandes. Unha delas, a balea azul, é o animal máis grande que xamais existiu sobre a Terra. Habitualmente, as femias son maiores cós machos.
Son animais de corpo longo e fino, hidrodinámico, o que lles permite movementos rápidos, e posúen de 12 a 120 pregas na gorxa, desde o extremo anterior ata o abdome. Estas pregas posibilitan a dilatación da cavidade bucal –a modo dun acordeón- e inxerir grandes volumes de auga, da que filtran o seu alimento. Entre as outras baleas, só a balea gris posúe algo semellante, pero reducido a dous sucos curtos.
Posúen unha aleta dorsal, de forma e tamaño variables segundo a especie, situada sempre no terzo posterior.
O perfil do cranio é relativamente plano, coa mandíbula inferior arqueada cara a fóra. As barbas son relativamente curtas pero moi numerosas (ata 500 en cada lado). Na cabeza obsérvase unha crista medial, desde a altura dos ollos ata o fociño; no rorcual tropical hai 3 cristas.
Dentro deste grupo cómpre destacar, pola súa singularidade, a balea xibardo, caracterizada polas enormes aletas pectorais.
Todas as baleas desta familia, polo seu gran tamaño, foron obxecto prioritario da industria baleeira e a caza comercial a que foron sometidas levounas practicamente á súa extinción.
- Artigo principal: Balea gris.
Un único xénero cunha única especie.
- Eschrichtius robustus (Lilljeburg 1861)
- galego: balea gris.
- castelán: ballena gris.
- inglés: Grey whale.
- francés: Baleine grise.
Trátase tamén dunha especie de características intermedias entre as familias anteriores. Ben coñecida polos seus hábitos migratorios que a levaban a reproducirse no inverno nas costas de California para desprazarse logo ás áreas de verán, no estreito de Bering, nunha longa viaxe de ata 20 000 km ó longo da costa norteamericana. A desgraciada consecuencia foi unha caza masiva que levou á extinción da poboación do Atlántico norte entre os séculos XVII e XVIII (a poboación coreana aínda se mantén, pero en cifras mínimas).
Carece de aleta dorsal e no seu lugar mostra unha corcova baixa, moi posterior, seguida de 6 a 12 vultos ou nós lineais ata a aleta caudal.
A cabeza está arqueada, entre os espiráculos e o fociño, e mostra numerosas calosidades formadas por colonias de crustáceos que se fixan á pel. Baixo a boca posúe dous sucos curtos, paralelos ou en forma de V, ocasionalmente entre 3 e 7. As súas barbas son máis curtas, anchas e en menor número que no resto das baleas, característica relacionada cos seus hábitos alimenticios: come moi preto do fondo e inxire lama, area e pedras coa auga.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Berta, Annalisa (2006): Marine Mammals: Evolutionary biology. Academic Press. ISBN 0-12-088552-2.
- ↑ balea1 Arquivado 22 de xullo de 2013 en Wayback Machine. no dicionario da RAG.
- ↑ A este respecto alude, seguramente, a ironía de Linneo de denominar ao maior animal existente na Terra como Balaena musculus (hoxe Balaenoptera musculus), que se pode traducir por balea ratiño.
- ↑ Deste φάλαγξ deriva falanxe (liña de batalla da infantaría tebana, ou da macedónica).
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Misticetos |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Misticetos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Carwardine, M. (1985): Ballenas, delfines y marsopas. Guía visual de todos los cetáceos del mundo, Omega.
- Valdés Hansen, F. (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. ISBN 978-84-95892-78-2.
- Tobío Fernández, L. (1927): "Aportazón ó estudo da historia da pesca da balea nas costas da Galiza", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I, 89-93.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- FAO-OMS (1993): Marine mammals of the world [1]
- Mammal Species of the World