(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Praza de Azcárraga - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Praza de Azcárraga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Praza de Azcárraga e fonte da Fama.

A praza de Azcárraga atópase na zona vella da cidade galega da Coruña. Atópase adxacente á praza da Constitución, coa que forma un único espazo continuado.

Historicamente a Cidade Vella coruñesa tivo tres espazos públicos principais: o adro da colexiata de Santa María, a praza dianteira á Audiencia vella e a praza da Fariña. Esta constitúe a praza de armas do edificio de capitanía xeneral, que en orixe era a Real Audiencia. O edificio da Audiencia proxectouse no século XVIII en substitución das Casas Reais nas que se administraba xustiza, trasladada á Coruña por Filipe II, e que se atopaban anexas ao cárcere. Nesa mesma época a praza da Fariña acollía tamén as Casas de Artillaría e o concello, que ocupou diversos edificios ao longo do tempo.[1]

A praza da Fariña está representada no plano militar da Cidade Alta da Coruña de 1736, previo á construción da actual capitanía, e igualmente no do enxeñeiro Miguel Marín, de 1755, contemporáneo ás obras da súa construción. O plano de 1785, do enxeñeiro Pedro Martín, mostra xa o espazo libre de edificación que logo sería a praza de Azcárraga, así como o de 1819, de Felipe Ginzo, pero sen mostrar a conformación dese espazo.[2]

No século XIX os sucesivos cambios de réxime político provocaron varios cambios no nome da praza, que se denominou de forma alternativa os nomes de praza Real e praza da Constitución. En 1896, co gallo da remodelación da praza, o Concello decidiu adicala ao ministro da Guerra, o xeneral Marcelo de Azcárraga, quen decretou a restitución á Coruña da sede da capitanía xeneral. Tras a guerra civil a primitiva praza da Fariña foi renomeada como praza do Xeneralísimo, para recuperar tras a restauración democrática o nome de praza da Constitución.

Morfoloxía

[editar | editar a fonte]

A actual praza de Azcárraga presenta unha forma rectangular, dividida en catro paseos peonais que conflúen nunha rotonda central rodeada de plátanos centenarios e en cuxo centro se ergue a fonte da Fama, de ferro colado, chamada así por se atopar en orixe na rúa da Fama. A banda nordeste da praza, coñecida como Cantoncillo, está situada a unha cota máis elevada e conectada co resto da praza mediante unha escalinata. Na esquina norte da praza está o edificio do antigo goberno militar. No punto de contacto coa praza da Constitución pódense ver as ábsidas da igrexa románica de Santiago.[3]

  1. García-Alcañiz Yuste, J. Arquitectura del Neoclásico en Galicia. Fundación Pedro Barrié de la Maza. A Coruña, 1989. ISBN 84-85728-76-9.
  2. Soraluce Blond, J.R. et al. A antiga Maestranza de Artillería, rectorado da Universidade da Coruña. Universidade da Coruña. A Coruña, 1994. ISBN 84-88301-86-3.
  3. "Plaza de Azcárraga, en La Coruña virtual". Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2010. Consultado o 03 de marzo de 2010. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]