Eslovenia
Slovenija (sl) | |||||
Himno | Zdravljica | ||||
---|---|---|---|---|---|
Localización | |||||
| |||||
Capital | Liubliana | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.066.880 (2018) (101,96 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua eslovena | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 20.271 km² | ||||
Bañado por | mar Adriático e Mar Mediterráneo | ||||
Punto máis alto | Monte Triglav (2.863,65 m) | ||||
Punto máis baixo | mar Adriático (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 25 de xuño de 1991 | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república democrática | ||||
• Presidente | Nataša Pirc Musar (pt) (2022–) | ||||
Órgano executivo | Government of Slovenia (en) | ||||
• Primeiro ministro | Robert Golob (2022–) | ||||
Órgano lexislativo | Parlamento Esloveno (pt) , | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supremo Tribunal de Justiça da República da Eslovénia (pt) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 61.748.586.535 $ (2021) | ||||
Moeda | euro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .si | ||||
Prefixo telefónico | +386 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112 e 113 | ||||
Código de país | SI | ||||
Código NUTS | SI | ||||
Páxina web | gov.si | ||||
Eslovenia ( pronunciación (axuda · info)) (en esloveno: Slovenija), oficialmente República de Eslovenia ( pronunciación (axuda · info)) (en esloveno: Republika Slovenija [rɛˈpùːblika slɔˈʋèːnija] (axuda · info)), é un país do sur da Europa central que fai fronteira con Italia polo oeste, co mar Adriático polo suroeste, con Croacia polo sur e o leste, con Hungría polo nordeste e con Austria polo norte. A principal cidade eslovena e capital do estado é Liubliana.
Durante a súa historia Eslovenia formou parte do Imperio Romano, o Imperio Bizantino, a República de Venecia, o Ducado de Carantania (só o a parte norte do país), o Sacro Imperio Romano Xermánico, a monarquía dos Habsburgo, o Imperio Austríaco (máis tarde chamado Imperio Austrohúngaro), o efémero Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (chamado Reino de Iugoslavia a partir 1929) entre a primeira e a segunda guerra mundial, e a República Federal Socialista de Iugoslavia dende o ano 1945 até o ano 1991, cando o país obtivo a súa independencia.
Hoxe en día, Eslovenia é o único país do ex-bloque comunista que forma parte da Unión Europea, a Eurozona, a Zona Schengen, a Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa, o Consello de Europa e a OTAN.
Historia
[editar | editar a fonte]Imperio Romano
[editar | editar a fonte]En tempos antigos o territorio actual de Eslovenia foi abarcado pola Cultura dos Campos de Urnas, posteriormente, na idade de ferro desenvolveuse na rexión a Cultura de Hallstatt. No segundo século antes de Cristo as fontes históricas rexistran a existencia do Reino de Noricum nos Alpes Orientais. Este Reino mantiña relacións amigables cos romanos, a quen lles vendían ferro, o cal era moi importante para os romanos para poder producir armas eficaces, necesarias nas súas guerras contra os Celtas. No ano 16 a.C. Noricum asóciase definitivamente co Imperio Romano, mais preservando a súa autonomía nos termos do "ius gentium", o que lles permitía conservar a súa propia organización social. Porén a cultura romana e a romanización foi amplamente difundida.
As cidades máis importantes da época romana na zona eran: Celeia (actualmente Celje), Emona (Liubliana), Nauportus (Vrhnika) e Poetovio (Ptuj) e o actual territorio esloveno atopábase dividido entre as provincias romanas de Dalmatia, Italia, Noricum e Pannonia. No século IV Noricum foi dividida en dúas provincias romanas, Noricum Ripense e Noricum Mediterraneum, esta última tamén chamada Interiore Noricum. Mentres que a primeira destas provincias foi invadida por tribos xermánicas á caída do Imperio Romano, a segunda puido manter a súa estrutura social e tras a ocupación dos ostrogodos declarou a súa propia independencia. Algúns coidan que os devanceiros eslavos dos actuais eslovenos se estableceron nesta área ao redor do século VI. Con todo, outros sosteñen que descenden dos pobos autóctonos dos Alpes Orientais.
Idade Media
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Carantania.
- Véxase tamén: Reino de Samo.
No ano 595 rexístrase, por parte do historiador longobardo Paulus Diáconus, o primeiro estado estable eslavo e esloveno como "Provincia Sclaborum", que máis tarde sería coñecido como Carantania. No ano 623, os eslavos foron unidos polo Rei Samo na Alianza Eslava, coñecida nas fontes históricas como Marca Vinedorum, a cal incluía os territorios de Carantania. En 658, despois da morte de Samo, a Alianza desintegrouse, mais Carantania sobreviviu e mantivo a súa independencia.
No ano 745 Carantania, que até aquel entón era unha nación pagá, foi seriamente ameazada polos ávaros da veciña Panonia, por iso o duque Borut solicitou axuda militar dos bávaros, a cal estaba xa cristianizada. Os bávaros, que pertencían ao dominio político do rei dos Francos, o protector do cristianismo de Europa, accederon a axudar mais só baixo a condición de que esta última aceptase o cristianismo. O duque Borut aceptou a condición e coa axuda dos bávaros derrotaron definitivamente aos ávaros. Así foi que o duque Borut enviou ao seu fillo Gorazd e ao seu sobriño Hotimir para que se educasen na fe cristiá en Baviera.
Nas décadas seguintes á derrota dos ávaros o bispo de Salzburgo, San Virxilio, enviou a Carantania unha serie de monxes irlandeses, destacándose San Modesto como apóstolo dos carantanios. Tras a morte do Santo houbo unha breve restauración pagá debido a que o Tratado polo cal Carantania aceptara asumir o cristianismo fora violado. Así foi que o exército bávaro entrou no país e suprimiu o goberno pagán. A irrupción dos bávaros, con todo, provocou unha imaxe negativa ao cristianismo crecendo a desconfianza cara esta relixión. Porén, grazas á tarefa do duque Domicijan a conversión ao cristianismo foi total. Finalmente, na época de Carlomagno, no ano 802, o duque Domitian faleceu sendo recoñecido máis tarde como santo.
Contra o ano 828 o Ducado de Carantania ocupaba o actual territorio de Austria e Eslovenia. Mais Carantania uniuse ao reino dos francos coa súa propia lei (Consuetudo Sclavorum) e preservou o rito de proclamación do seu Knez (príncipe) en lingua eslovena sobre a Knezji Kamen (Pedra do Príncipe) até o ano 1414. Despois, até o ano 1651, a cerimonia de nomeamento do señor tiña lugar no Vojvodski Stol (trono do duque) e finalmente até o ano 1728 na mansión condal de Klagenfurt. O ritual de coroación do gobernante carintio descríbese no libro de Jean Bodin "Les six livres de la République".
Nesta época compre tamén destacar que foron escritos os manuscritos Freising, o que supoñían o primeiro documento escrito en esloveno, sendo o primeiro en dialecto eslavo en escritura latina (ao redor do ano 1000). Durante o século XIV, a maioría das rexións de Eslovenia pasaron á propiedade dos Habsburgo cuxas terras logo formarían o Imperio Austrohúngaro, os eslovenos habitaban totalmente ou maioritariamente as provincias de Carniola, Gorizia e Gradisca, ademais de partes das provincias de Istria e Estiria.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]En 1848, emerxeu un forte programa para unha Eslovenia unida como parte do movemento "Primavera das Nacións" dentro de Austria-Hungría. Durante as Guerras napoleónicas constituíronse as Provincias Ilirias con capital na cidade eslovena de Liubliana. Co colapso da monarquía Austro-Húngara en 1918, os eslovenos uníronse baixo o Reino dos serbios, croatas e eslovenos, o cal cambiou o seu nome en 1929 polo de Reino de Iugoslavia.
Logo do restablecemento iugoslavo ao final da Segunda guerra mundial, Eslovenia converteuse en parte da República Federal Socialista de Iugoslavia, declarada oficialmente o 29 de novembro de 1945. Despois da rotura da república federal, Eslovenia declarou a súa independencia o 25 de xuño de 1991. Porén para poder facela efectiva, Eslovenia enfrontouse coas forzas armadas federais de Iugoslavia nun breve conflito armado denominado Guerra dos Dez Días, tamén coñecida habitualmente como "Guerra de Eslovenia" ou "Guerra da independencia de Eslovenia" (en esloveno: Slovenska osamosvojitvena vojna). Eslovenia uniuse á OTAN o 29 de marzo de 2004 e á Unión Europea o 1 de maio de 2004, adoptando o euro o 1 de xaneiro de 2007.
Política
[editar | editar a fonte]Como unha nova república independente, Eslovenia persegue a estabilización económica e a apertura política, pondo de relevo a súa visión occidental e o seu patrimonio da Europa central. O xefe de Estado esloveno é o presidente, cargo que ocupa hoxe Borut Pahor, e é elixido por voto popular cada cinco anos. O poder executivo está encabezado polo primeiro ministro e o Consello de Ministros ou do gabinete, que son elixidos pola Asemblea Nacional. Dende o 13 de marzo de 2020 ocupa o cargo Janez Janša.[1]
O parlamento bicameral de Eslovenia componse da Asemblea Nacional (Državni zbor) e o Consello Nacional (Državni svet). A Asemblea Nacional ten 90 asentos, parcialmente ocupados por representativos elixidos directamente, e parcialmente con representativos elixidos proporcionalmente (dous asentos están reservados para as minorías húngara e italiana). O Consello Nacional ten 40 asentos, e está composta por representativos dos grupos intereses locais sociais, económicos, profesionais .As eleccións parlamentarias teñen lugar cada catro anos.
O goberno e a maioría do sistema político esloveno comparte unha visión común sobre a conveniencia dunha estreita asociación con occidente, sobre todo coa Unión Europea e a OTAN. Porén, toda a aparente amargura que divide á esquerda e dereita, a sociedade eslovena baséase no consenso, que converxeu nun modelo socialdemócrata. As diferenzas políticas tenden a ter as súas raíces nos roles que os grupos e os particulares tiveron durante os anos de réxime comunista e a loita pola independencia. Despois da fin do réxime socialista a primeira fase da privatización está xa completa e o comercio diversificouse cara occidente (o comercio con países da UE supón o 66% do comercio total en 2000).
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]Eslovenia está dividida en 210 concellos, dos cales 11 teñen o rango de urbanos. Porén, tamén se pode dividir ao país nunha serie de rexións tradicionais, baseadas nas antigas catro divisións feitas polos Habsburgo, é dicir, Carniola, Carintia, Estiria e o Litoral esloveno. Así pois as divisións son as seguintes:
Nome galego[Cómpre referencia] | Nome esloveno | Cidade principal |
---|---|---|
Alta Carniola | Gorenjska | Liubliana |
Estiria | Štajerska | Maribor |
Prekmurje | Prekmurje | Murska Sobota |
Carintia | Koroška | Ravne na Koroškem |
Carniola Interior | Notranjska | Postojna |
Baixa Carniola | Dolenjska | Novo Mesto |
Litoral esloveno | Primorska | Koper |
Ademais destas divisións tradicionais, Eslovenia está dividida en doce entidades administrativas creadas en 2007 con fins legais e estatísticos (NUTS), ademais as doce rexións están agrupadas en dúas subdivisións de maior rango:
- Vzhodna Slovenija (Eslovenia Oriental), que agrupa as rexións de Pomurska, Podravska, Koroška, Savinjska, Zasavska, Spodnjeposavska, Jugovzhodna Slovenija e Notranjsko-kraška.
- Zahodna Slovenija (Eslovenia Occidental), que agrupa as rexións de Osrednjeslovenska, Gorenjska, Goriška e Obalno-kraška.
Mapa | Rexións estatísticas | |||
---|---|---|---|---|
Nome | Código | Cidade principal | ||
Pomurska | SI011 | Murska Sobota | ||
Podravska | SI012 | Maribor | ||
Koroška | SI013 | Slovenj Gradec | ||
Savinjska | SI014 | Celje | ||
Zasavska | SI015 | Trbovlje | ||
Spodnjeposavska | SI016 | Krško | ||
Jugovzhodna Slovenija | SI017 | Novo Mesto | ||
Notranjsko-kraška | SI018 | Postojna | ||
Osrednjeslovenska | SI021 | Liubliana | ||
Gorenjska | SI022 | Kranj | ||
Goriška | SI023 | Nova Gorica | ||
Obalno-kraška | SI024 | Koper |
Xeografía
[editar | editar a fonte]Eslovenia é un pequeno estado da Europa Central de 20.273 km², que se atopa entre Italia, Austria, Hungría e Croacia. É un país cunha costa moi pequena ao Mar Adriático polo Golfo de Trieste, a través do porto de Koper, na península de Istria. Trátase dunha zona poboada en parte por eslovenos que falan italiano.
Atópanse en Eslovenia catro grandes rexións xeográficas europeas: os Alpes, a área Dinárica, a planicie da Panonia e o Mediterráneo. O punto máis elevado de Eslovenia é o monte Triglav (2 864 m) e a altitude media do país é de 557 m por riba do nivel do mar.
Preto da metade do país (10 124 km²) está cuberta por bosques, o que torna a Eslovenia no terceiro país europeo máis arborado, despois de Finlandia e de Suecia. Aínda poden ser atopados restos dos bosques primitivos, os maiores dos cales situados na zona de Kočevje. Os cultivos cobren 5.593 km² do país, e os prados e xardíns 2 471 km². Tamén existen 363 km² de pomares e 216 km² de viñedos. As formacións kársticas, estendidas desde Liubliana até o litoral, están escavadas por ríos subterráneos e constitúen enormes cavidades, como as covas de Postojna, de 19 km de lonxitude. Á parte do Drava e o Sava, cabe citar o río Kolpa.
Clima
[editar | editar a fonte]O clima é mediterráneo na costa, alpino nas montañas e continental con veráns entre suaves e quentes e invernos fríos nas mesetas e vales do leste do país. As temperaturas medias son de -2 °C en xaneiro e 21 °C en xullo. As precipitacións medias son de 1000 mm na costa, 3500 mm nos Alpes, 800 mm na rexión sueste e 1400 mm na Eslovenia central.
Segundo o Fondo Mundial para a Natureza, o territorio de Eslovenia pódese repartir en catro ecorrexións:
- Bosque temperado de frondosas
- Bosque mixto de Panonia, no leste e sueste
- Bosque mixto dos Alpes Dináricos, nas montañas do centro e sur
- Bosque temperado de coníferas
- Bosque dos Alpes, nas montañas do norte
- Bosque mediterráneo
- Bosque caducifolio de Iliria, no suroeste
Rexións naturais
[editar | editar a fonte]Os xeógrafos Anton Melik e Svetozar Ilešič foron os primeiros en rexionalizar Eslovenia. Unha rexionalización posterior, obra de Ivan Gams, divide a Eslovenia nas seguintes macrorrexións:
- Alpes (visokogorske Alpe)
- Cumes prealpinos (predalpsko hribovje)
- Conca de Liubliana (Ljubljanska kotlina)
- Eslovenia submediterránea ou litoral (submediteranska - primorska Slovenija)
- Karst dinárico de Eslovenia interior (dinarski kras notranje Slovenije)
- Eslovenia subpanónica (subpanononska Slovenija)
Segundo unha rexionalización xeográfico-natural máis recente, o estado consta de catro macrorrexións: alpina, mediterránea, dinárica e panónica, que se definen así a partir de características importantes do relevo e dos tipos de clima. As macrorrexións constan de múltiples e diversas mesorrexións. O factor principal que as define é o relevo e a composición xeolóxica. As mesorrexións, á súa vez, comprenden numerosas microrrexións.
Economía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Economía de Eslovenia.
Eslovenia posúe a economía máis próspera de tódolos estados membros que se uniron á Unión Europea no 2004 e no 2007, cun PIB per capita de 23.250$ no 2006. A relativamente alta inflación do país caeu do 3.6% no 2004 ó 2.3% no 2006, sendo hoxe en día comparable á de tódolos países membros. Eslovenia é o único dos 12 novos membros que adoptou o Euro, o 1 de xaneiro do 2007. Ademais tamén foi o primeiro novo membro en ter a Presidencia do Consello da Unión Europea, ocupando o cargo no primeiro semestre do 2008. O Produto Interno Bruto per cápita esloveno é superior ao de Portugal ou Hungría, e practicamente igual ao de España ou Italia,[2] cunha taxa de desemprego do 5,7%, menor que a de Alemaña ou Francia.
Durante o 2000, Eslovenia estivo levando a cabo privatizacións nos eidos da banca, telecomunicacións e servizos públicos. As restricións dos investimentos estranxeiros estanse a desmantelar e agárdase que o investimento estranxeiro medre nos próximos anos. Nos últimos anos a economía está a medrar a un ritmo moi forte, 5,2% nos primeiros 9 meses do 2006, 4,0% no 2005, 4,4% no 2006 e un 4,8% no 2007 segundo estimacións, en comparación co 2,7% de 2003.
Eslovenia conta con importantes reservas de petróleo, carbón e zinc. A pesar de que só o 2% da poboación se dedica á agricultura, a produción de cereais satisfai a demanda interna e mesmo exporta a maior parte das súas colleitas de trigo a Rusia e a antiga Iugoslavia. Tamén é líder mundial na fabricación de elementos para deportes de inverno, tamén é de destacar que o 20% dos xenéricos que se venden no mundo son producidos por farmacéuticas eslovenas.
En canto ao sector industrial as fábricas situadas en Liubliana e Maribor producen automóbiles, motores e autopartes, material eléctrico, aparellos ópticos, medicamentos, papel e derivados. A filial eslovena de Renault (Revoz) conta en 2004 cun persoal de 2.100 empregados e en 2003 destinou a exportacións o 95% da produción da súa factoría eslovena en Novo Mesto. O principal socio comercial de Eslovenia é Alemaña.
Demografía
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Demografía de Eslovenia.
O grupo étnico maioritario na Eslovenia son os eslovenos (83%) a estes lles seguen as nacionalidades da antiga Iugoslavia (serbios, croatas, bosníacos e musulmáns) os que representan o 6,3% da poboación. As minorías húngaras italianas e xitanas forman parte do 0,6% da poboación, o 8,9% restante representa a aqueles que non declararon etnia. No 2003, a esperanza de vida no país era de 72.2 para os homes e de 80 anos para as mulleres.
Cunha densidade de poboación de 99 habitantes por km², Eslovenia posúe unha das densidades de poboación máis modestas da Unión Europea,comparándoa cos 320/km² habitantes dos Países Baixos e os 195/km² de Italia. A rexión de Notranjsko-kraška ten a menor densidade de poboación , mentres que Osrednjeslovenska posúe a maior. Ao redor do 51% da poboación vive en áreas urbanas mentres que o 49% vive no rural.
A lingua oficial de Eslovenia é o esloveno, membro da familia das linguas eslavas do sur de Europa. O húngaro e o italiano son cooficiais co esloveno nas rexións veciñas con Hungría e Italia.
Relixión
[editar | editar a fonte]Antes da segunda guerra mundial o 97% dos eslovenos considerábanse católicos, o 2,3% protestantes e o 0,6% ortodoxos[3], o catolicismo como relixión tradicional dos eslovenos tiña unha grande importancia na vida social e política. Despois de 1945 o país foi cara a un proceso de gradual pero continua secularización, e tras unha época de persecución da vida relixiosa, o réxime comunista adoptou unha política de relativa tolerancia cara ás igrexas, limitando porén as súas funcións sociais. Na década de 1990 logo da caída do comunismo, a igrexa católica renovou algo a súa antiga influencia, pero Eslovenia permanece con moito unha sociedade secularizada. Segundo o censo de 2002 un 57,8% da poboación declárase católica, como no resto de Europa é unha porcentaxe que está a diminuír, así no censo de 1991 era do 71,6%. A inmensa maioría dos católicos son do rito latino, hai uns 1600[4] greco católicos, pero as dúas únicas igrexas, con arredor de 500 fieis, están na rexión de Carniola Branca[5].
A pesar de ser os protestantes relativamente poucos, historicamente exerceron unha grande influencia na conformación da lingua estándar eslovena e na súa literatura, que ten a súa orixe na reforma protestante do século XVI. Un 0.9% dos eslovenos declarábanse protestantes en 2002, a maioría pertencentes á Igrexa luterana eslovena que ten un bispo e que ten unha presenza significativa no leste da rexión de Prekmurje. Os xudeus, aínda que sen formar unha gran comunidade, estiveron presentes historicamente no país pero tras o Holocausto e a desaparición de Iugoslavia só quedou unha sinagoga activa na capital[6].
Segundo o censo de 2002 o islam é a segunda comunidade relixiosa do país, á que pertencen arredor do 2,4% da poboación, a maioría procede de Bosnia, Kosovo e Macedonia do Norte.[7] A terceira denominación, con arredor do 2,2% da poboación é a ortodoxa, a maioría membros da Igrexa ortodoxa serbia e unha minoría da Macedonia.
En 2002 o 10% dos eslovenos declaráronse ateos, ooutro 10% non profesaba unha denominación específica, e o 16% non responderon á pregunta do censo sobre afiliación relixiosa. Consonte o Eurobarómetro de 2010,[8] 32% dos eslovenos responderon que crían que existía un deus, un 36% que existía algunha clase de espírito ou forza vital e 26% que non crían en clase ningunha de espírito, deus ou forza vital.
Cultura
[editar | editar a fonte]Literatura
[editar | editar a fonte]O primeiro libro en esloveno foi impreso polo reformador protestante Primož Trubar (1508-1586). Eran na realidade dous libros, Catechismus (un catecismo) e Abecedarium, que foi publicado en 1550 en Tubinga, Alemaña.
Os escritores considerados máis importantes nas letras eslovenas foron o poeta France Prešeren (1800-1849) e os prosistas Janez Mencinger (1838-1912) e Ivan Cankar (1876-1918). Do primeiro existe unha escultura feita polo arquitecto Jože Plečnik no centro de Liubliana, fronte ao Tromostovje (en esloveno, Ponte Tripla).
Outros escritores que cabe destacar son o dramaturgo e historiador Anton Tomaž Linhart, o lingüista Matija Čop, os sacerdotes Anton Aškerc e Fran Saleški Finžgar, o novelista Josip Jurčič, o modernista Oton Župančič, o poeta e novelista France Bevk, o pensador Vladimir Bartol, os poetas Edvard Kocbek e Srečko Kosovel, o novelista Boris Pahor, os poetas Alojz Rebula e Drago Jančar, o ensaísta e crítico cultural Aleš Debeljak e o filósofo Slavoj Žižek.
Pintura
[editar | editar a fonte]Os dous pintores eslovenos máis destacados son Ivan Grohar e Ivana Kobilca.
Música
[editar | editar a fonte]Eslovenia foi berce de numerosos músicos, incluíndo ao compositor renacentista Jacobus Gallus Carniolus (1550-1591), quen exerceu grande influencia na música clásica de Europa central e, no século XX, a Bojan Adamič, compositor de música para películas.
Entre os músicos populares contemporáneos atópanse Slavko Avsenik, Laibach, Vlado Kreslin, Zoran Predin, Pero Lovšin, Silence (grupo), New Swing Quartet, DJ Umek, Melodrom, Siddharta, Magnífico.
Festividades
[editar | editar a fonte]En Eslovenia, ademais de varias festas celebrados en varios países do mundo (como o Aninovo, a Pascua, o Día do traballo ou o Nadal), tamén existen festas nacionais como o Día de Prešeren, durante o cal se conmemora a morte do poeta France Prešeren ou o da Sublevación contra a Ocupación.
Data | Nome en galego | Nome en esloveno | Observacións |
---|---|---|---|
1 e 2 de xaneiro | Aninovo | Novo leto | Festividade polo novo ano |
8 de febreiro | Día de Prešeren/Día da cultura eslovena | Prešernov dan/slovenian kulturni praznik | Morte de France Prešeren |
27 de abril | Día da Rebelión contra o Ocupante | Dan upora proti okupatorju | Día do Osvobodilna Fronta |
1 e 2 de maio | Festividade do traballo | Praznik dela | Festivo internacional |
25 de xuño | Día do Estado | Dan državnosti | Declaración de independencia da Eslovenia de 1991 |
1 de novembro | Día dos finados | Dan spomina na mrtve | Festa coincidente co católico Día de Tódolos Santos |
26 de decembro | Día da independencia | Dan samostojnosti | Conmemora o referendo de independencia esloveno |
Domingo despois da primeira lúa chea de primavera | Pascua | Velikonočna nedelja | Conmemoración cristiá da resurrección de Xesús de Nazaret |
Domingo despois de sete semanas desde a Pascua | Pentecoste | Binkošti | Fin do tempo de Pascua |
15 de agosto | Asunción de María | Marijino vnebovzetje | Festa cristiá que conmemora o ascenso da Virxe María ao ceo |
31 de outubro | Día da Reforma | Dan reformacije | Festa protestante a nivel nacional |
25 de decembro | Nadal | Božič | Conmemoración do nacemento de Xesús de Nazaret |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pita, Antonio (3 de marzo de 2020). "Orbán logra un aliado en la UE con la elección de Janez Jansa como primer ministro de Eslovenia". El País (en castelán). Consultado o 16 de marzo de 2020.
- ↑ World Economic Outlook Database-October 2009, Fondo Monetario Internacional
- ↑ "Šircelj, Milivoja (2003). Verska, jezikovna in narodna sestava prebivalstva Slovenije: Popisi 1921-2002 (PDF) (2). Statistični urad Republike Slovenije" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 13 de febreiro de 2020. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ "Vzhodna liturgija v ljubljanski stolnici ob 400. obletnici Križevske eparhije" Družina, 6 de maio de 2011
- ↑ "Pogovarjamo se z ... Mihajlom Jozafatom Hardijem" Belokrajec na spletu, 21 de decembro de 2010
- ↑ "The Virtual Jewish History Tour - Slovenia". Jewishvirtuallibrary.org. 4 de marzo de 2003. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ "Islamska Skupnost v Republiki Sloveniji". Islamska-skupnost.si. Consultado o 2 de xuño de 2012.
- ↑ "Special Eurobarometer, biotechnology, page 204" (PDF). Fieldwork: Xan-Feb 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eslovenia |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Carantania
- Historia dos eslavos do sur
- República Socialista de Eslovenia
- República Federal Socialista de Iugoslavia