Historia da China
A historia da China abrangue a historia da China e a dos seus estados predecesores. Trátase dunha das civilizacións máis antigas do mundo con continuidade até a actualidade, ten as súas orixes na conca do río Amarelo, onde xurdiron as primeiras dinastías Xia e Shang. A existencia de documentos escritos dende a antigüidade permitiron o desenvolvemento na China dunha tradición historiográfica moi precisa, que ofrece unha narración continua dende as primeiras dinastías até a idade contemporánea.
China é unha das civilizacións antigas máis vellas de todo o mundo que durou dende antes de que Cristo nacese até os nosos tempos. O zodíaco chinés ten 12 animais que son: o can, a serpe, a rata, o boi, a cabra, o mono, o porco, o tigre, o coello, o galo, o dragón e o cabalo, cada un destes animais reina durante todo un ano.
A enorme extensión de territorio ocupado polo estado actual da República Popular da China fai que a historia de todo este territorio sexa a dun gran número de pobos. O fío condutor da historia chinesa céntrase no grupo étnico han, que están intimamente asociados á evolución da lingua chinesa e o seu sistema de escritura, baseado nos caracteres. Nesta continuidade cultural e lingüística establécese unha liña expositiva da historia da civilización china, que, dende os textos máis antigos do I milenio a. C., como os clásicos confucianos, e polas grandes historias dinásticas promovidas polos emperadores, se segue utilizando. Os descubrimentos arqueolóxicos do século XX, moi en especial os dos ósos oraculares, que recollen as primeiras manifestacións escritas en chinés, contribuíron nas últimas décadas a un coñecemento máis detallado das orixes da civilización china.
A narración tradicional chinesa da historia baséase no chamado ciclo dinástico, mediante o cal os acontecementos históricos explícanse como o resultado de sucesivas dinastías de reis e emperadores que pasan por etapas alternas de auxe e declive. Os emperadores poñíanlle aos anos o seu apelido, o 1700 foi na China o ano 38 da era Kangxi, mentres que o 1750 era o ano 15 da era Qianlong. Incluso hoxe en día, en Taiwán ao ano 2007 denomínase en certos contextos como o 96 da República. Este uso das dinastías e os seus emperadores para a propia datación dos anos fixo imprescindible o dominio da cronoloxía dinástica para penetrar no estudo da historia da China.
Prehistoria
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Prehistoria da China.
O territorio que actualmente ocupa a República Popular da China estivo poboado dende hai miles de anos. Encontráronse restos de homínidos que constitúen os antepasados máis remotos do ser humano[Cómpre referencia]. Así o demostran os restos pescudados pertencentes ao home de Renzidong; o home de Yuanmou; o home de Nihewan; o home de Lantian; o home de Nanjing ou o home de Pekín. Posteriormente xurdirían outras culturas, coma o home de Dali; o home de Maba; o home de Fujian ou o home de Dingcun.
O Homo sapiens aparece hai uns 40.000 anos. Hai uns 10.000 anos comézase a cultivar arroz no río Yangzi e pouco despois millo na provincia de Henan. No VIII milenio a. C. as culturas da zona do val do río Amarelo fixéronse sedentarias. Un milenio despois comezaría a domesticación de animais.
Entre o VII e VI milenio a. C. xorden as primeiras civilizacións neolíticas, Peilikan e Cishan, precursoras da cultura de Yangshao, que se fusionaría coas de Dawenkou e Hongshan para dar lugar á cultura de Longshan, comezo da unidade territorial e política de Chaira do Norte da China.
Os Tres Augustos e os Cinco Emperadores
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Os tres Augustos e os Cinco Emperadores.
Son os gobernantes mitolóxicos da China anteriores ás primeiras dinastías históricas. Existen discrepancias sobre as súas identidades. Os tres augustos puideron ser Fuxi, Nüwa e Shennong e os cinco emperadores o Emperador Amarelo, Zhuanxu, Diku, Tangyao e Yushun.
Idade Antiga
[editar | editar a fonte]Dinastía Xia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Xia.
Segundo as Memorias históricas de Sima Qian, a primeira dinastía chinesa foi a dinastía Xia, que se prolongaría dende arredor do ano 2100 a. C. até arredor do 1600 a. C., e tería ocupado o curso medio do Río Amarelo. Os nomes dos reis da dinastía son nomeados por Sima Qian cos anos de reinado de cada un. Debe terse en conta, en todo caso, que Sima Qian escribiu a súa obra máis de quince séculos despois da existencia da dinastía, polo que os seus datos, baseados nas tradicións que chegaron a esa época, deben tomarse con cautela. Nin sequera hai probas concluíntes de que existise a dinastía Xia.
Dinastía Shang
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Shang.
O rexistro máis antigo do pasado da China data da Dinastía Shang, posibelmente no século XIII a.C., na forma de inscricións en ósos ou caparazóns de animais. Esta dinastía tivo a súa capital na cidade de Yin Xu, hoxe Patrimonio Mundial da UNESCO.
Os historiadores chineses de períodos posteriores habituaranse á noción de que unha dinastía sucedía a outra, mais sábese que a situación política na China primitiva era moito máis complexa. Algúns académicos suxiren que os xias e os shangs talvez fosen entidades políticas que coexistiran, da mesma maneira que os zhous foran contemporáneos dos shangs.
Dinastía Zhou
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Zhou.
No final do II milenio a. C., a Dinastía Zhou, inicialmente de carácter semi-feudal, emerxeu no val do río Amarelo e terminou por invadir os shangs. Os zhous eran un pobo que vivía ao oeste dos shangs e o seu xefe fora nomeado por estes últimos como "protector occidental". O xefe dos zhous, Rei Wu, co apoio do seu rexente e tío, o Duque de Zhou, derrotaron os shangs na batalla de Muye. Naquel período, o rei zhou invocou ao "Mandato dos Céus" para lexitimar o seu goberno, unha idea que influenciaría a case que todas as dinastías seguintes. Os zhous, de inicio, instalaran a súa capital ao oeste nunha rexión próxima á moderna Xian, preto do río Amarelo, mais posteriormente expandiríanse polo val do río Yangtzé. Esta sería a primeira das varias migracións de poboación do norte para o sur na historia da China.
Período das Primaveras e dos Outonos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Período das Primaveras e dos Outonos.
No século VIII a.C., o poder político tornouse descentralizado, durante o chamado Período das Primaveras e dos Outonos, cuxo nome provén dos Anais das Primaveras e dos Outonos. Naquel período, xefes militares locais empregados polos zhous comezaron a disputar a hexemonía. A situación agravouse coa invasión doutros pobos a partir do nordeste, como os qins (ou chins), o que forzou os zhous a mover a súa capital ao leste, para Luoyang. Isto marca a segunda grande fase da Dinastía Zhou: os zhous orientais. En cada unha das centenas de Estados que xurdiran, potentados locais detiñan á maior parte do poder político e a súa servidume aos reis zhous era apenas nominal.
Período dos reinos combatentes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Período dos reinos combatentes.
Tras un proceso de consolidación política, restaban, ao final do século V a.C., sete Estados prominentes. A fase durante a cal estas poucas entidades políticas combateran unhas contra as outras é coñecida como o Período dos Reinos Combatentes. A figura dun rei zhou continuou a existir até 256 a.C., mais apenas como xefe nominal, sen poderes concretos. A fase final deste período comezou durante o reinado de Ying Zheng, rei de Qin. Despois de acadar a unificación dos outros seis Estados e anexionar outros territorios aos actuais Zhejiang, Fujian, Cantón e Guangxi en 214 a.C., proclamouse o primeiro emperador (Qin Shi Huangdi).
Dinastía Qin: o inicio da China imperial
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Qin.
Os historiadores acostuman denominar como a China Imperial o período entre o inicio da Dinastía Qin (século III a.C.) e a fin da Dinastía Qing (no comezo do século XX).
O rei dos Qin funda unha nova dinastía e toma para si o novo nome de
A Dinastía Qin é famosa por ter iniciado a Gran Muralla Chinesa, que foi posteriormente ampliada e perfeccionada durante a Dinastía Ming. Inclúense entre as demais contribucións dos qin a unificación do dereito, da linguaxe escrita e da moeda da China. Até mesmo algo tan prosaico como o cumprimento dos eixes das carrozas ten que ser uniformado de modo que permita un sistema comercial viábel que abarcase todo o imperio.
Dinastía Han: unha fase próspera
[editar | editar a fonte]A Dinastía Han emerxeu en 202 a.C., como a primeira a adoptar a filosofía do confucianismo, que se tornou a base ideolóxica de todos os réximes chineses até a fin da China Imperial. Durante esta fase dinástica, a China logrou grandes avances nas artes e nas ciencias. O Emperador Wu consolidou e ampliou o imperio ao expulsar aos xiongnus (que algúns identifican cos hunos) para as estepas do que é hoxe a Mongolia Interior, tomándolles o territorio correspondente ás actuais provincias de Gansu, Ningxia e Qinghai. Isto permitiu abrir as primeiras ligazóns comerciais entre a China e o Occidente: a Ruta da Seda.
Entre tanto, as adquisicións de terras polas elites gradualmente causarían unha crise tributaria. En 9 d.C., o usurpador Wang Mang fundou a breve Dinastía Xin ("nova") e deu inicio a un amplo programa de reformas agraria e económica. As familias propietarias de terras xamais apoiaron as reformas, que favorecían os labregos e a pequena nobreza, e a inestabilidade causada pola súa oposición levou ao caos e á rebelión.
O Emperador Guangwu reinstituíu a Dinastía Han, situada agora en Luoyang, próximo a Xian, co apoio das familias propietarias e mercantís. Algúns denominaron este período Dinastía Han Oriental. O poder dos hans declinou a adquisición de terras, invasión e liortas entre clans. A Rebelión do Turbante Amarelo, protagonizado polos labregos, estalou en 184 e resultou nunha era de xefes guerreiros. No caos causado, tres Estados buscaron a preeminencia durante o chamado Período dos Tres Reinos.
Dinastía Jin
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Jin.
A reunificación da China produciuse baixo a dinastía Jin, que pode dividirse en dous etapas: os Jin Occidentais (265 - 316), que conseguiron unificar China, e os Jin Orientais (317 - 420), que continuaron gobernando o sur da China.
No ano 263, as tropas de Wei conquistaban o estado de Shu, co que os tres reinos se converteron en dous. En 265, Sima Yan, da prestixiosa familia Sima, descendentes de Sima Qian, derrocou o emperador Wei, acabando co poder da familia Cao, e instaurou a dinastía Jin. No ano 280, os Jin conquistaron o reino de Wu, co que conseguiron reunificar baixo a nova dinastía o antigo imperio Han.
Esta unificación non duraría moito tempo. A corte Jin en Luoyang víase ameazada polos pobos nómades do norte que formara varios estados e gozaban dunha longa tradición militar. Estes estados do norte acabarían conquistando as capitais; Luoyang no amo 311, e Chang'an en 316. Así, o estado Jin desapareceu do norte da China, que pasou a estar dividido en dezaseis reinos. A conquista do norte por parte dos pobos nómades ou seminómades provocou un importante éxodo da poboación cara ó sur. A corte Jin reconstruíuse na cidade sureña de Jiankang, preto da actual Nanjing, onde seguiría gobernando até o ano 420.
Idade Media
[editar | editar a fonte]Dinastía Sui: a reunificación
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Sui.
A Dinastía Sui logrou reunificar o país en 581, tras case que catro séculos de fragmentación política na cal o norte e o sur se desenvolveran independentemente. Do mesmo modo que os soberanos qin unificaron a China tras o Período dos Reinos Combatentes, os suis uniron o país e crearon diversas institucións que terminarían por ser adoptadas polos seus sucesores, os tangs.
Dinastía Tang: a volta da prosperidade
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Tang.
O 18 de xuño de 618, Gaozu tomou o poder e estabeleceu a Dinastía Tang. Iniciouse entón unha era de prosperidade e innovacións nas artes e na tecnoloxía. O budismo, que se fora instalando gradualmente na China a partir do século I, tornouse a relixión predominante e foi adoptada pola familia imperial e polo pobo.
Os tangs, da mesma forma que os han, mantiveron abertas as rutas comerciais cara ao Occidente e o cara ao sur.
A partir de aproximadamente o ano 860, a Dinastía Tang comezou a declinar, debido a unha serie de rebelións internas e de revoltas de Estados clientes. Un xefe guerreiro, Huang Chao, capturou Cantón en 879 e executou a maioría dos seus 200.000 habitantes. O Emperador Xizong fuxiu para Chengdu e Huang estabeleceu un goberno que lanzou o país a un novo período de caos político.
As cinco dinastías e os dez reinos
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Período das Cinco Dinastías e dos Dez Reinos.
Á unión entre a Dinastía Tang e a Dinastía Sung, caracterizada pola fragmentación política, dáselle o nome de Período das Cinco Dinastías e dos Dez Reinos. Coa duración de pouco máis de medio século, entre 907 e 960, esta fase histórica viu a China tornarse nunha pluralidade de estados. Cinco réximes sucedéronse rapidamente no control do tradicional corazón territorial do país, no norte, en canto que dez réximes máis estábeis ocupaban porcións do sur e do oeste da China.
División política: os liaos, os sungs, os xias occidentais, os jins
[editar | editar a fonte]En 960, a Dinastía Sung (960-1279) logrou controlar a maior parte da China e escolleu a Kaifeng para establecer a súa capital, dando comezo a un período de prosperidade económica, en canto que a Dinastía Liao dos khitans gobernaba a Manchuria e a Mongolia. No ano 1115, subiu ao poder a Dinastía Jin (1115-1234), dos jurchens[1], e, en dez anos, aniquilou a Dinastía Liao. Tomou a China setentrional e Kaifeng das mans da Dinastía Sung, forzándoa a transferir a súa capital cara a Hangzhou e a recoñecer os jins como sucesores. A China encontrábase entón dividida entre a Dinastía Jin, ao norte, a Dinastía Sung Meridional, ao sur, e os xias occidentais, ao oeste. Os sungs meridionais pasarían por un período de grande desenvolvemento tecnolóxico, posibelmente debido en parte á presión militar que sufrían na súa fronteira setentrional.
Os mongois e a Dinastía Yuan
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Yuan.
O Imperio Jin foi derrotado polos mongois, que deseguida derrotaron os sungs meridionais ao cabo dunha guerra longa e cruenta, a primeira na cal as armas de fogo desempeñaron un papel moi importante. Con isto, a China foi unha vez máis unificada, mais agora como parte dun amplo Imperio Mongol. Neste período, Marco Polo visitou a corte imperial en Pekin. Os mongois dividíanse entón entre os que preferían manter a súa base nas estepas e aqueles que desexaban adoptar os costumes dos chineses han. Un destes era Khublai Khan, neto de Xenxis Kan e fundador da Dinastía Yuan, a primeira a gobernar toda a China a partir de Pekin.
Dinastía Ming: a nova hexemonía dos hans
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Ming.
O forte sentimento popular hostil cara ao goberno "estranxeiro" levou ás rebelións campesiñas que terminarían por expulsar os mongois de volta ás estepas e a instituír a Dinastía Ming en 1368.
Durante o goberno mongol, a poboación fora reducida ao 40 por cento, dun total estimado de 60 millóns de persoas. Dous séculos despois, a poboación duplicou en tamaño, o que deu lugar a unha maior urbanización e á maior complexidade da división do traballo. Xurdiron pequenas industrias, dedicadas á produción de papel, seda, algodón e porcelana, en especial en grandes centros urbanos como Pekin e Nanquim. Prevalecían, porén, as pequenas cidades con mercados que comerciaban principalmente comida mais tamén algúns ítems manufacturados, coma alfinetes e aceite.
A pesar da xenofobia e da introspección intelectual característica do neoconfucionismo, unha escola cada vez máis popular, a China do inicio da Dinastía Ming non se illou. O comercio exterior e outros contactos co mundo externo, en especial co Xapón, creceron bastante. Mercadores chineses exploraran todo o océano Índico e incluso chegaron á África Oriental coas viaxes de Zheng He.
Zhu Yuanzhang (ou Hongwu), fundador da Dinastía Ming, lanzou as bases dun Estado menos interesado no comercio que en extraer recursos do sector agrícola. Talvez debido ao pasado labrego do emperador, o sistema económico ming enfatizaba na agricultura, ao contrario do que fixeran as Dinastías Sung e Mongol, cuxas finanzas se baseaban no comercio. As grandes propiedades rurais foron confiscadas polo goberno, divididas e arrendadas e prohibiuse a escravitude privada.
A dinastía posuía un goberno central forte e complexo que unificou o imperio. O papel do emperador pasou a ser máis autocrático, e Zhu Yuanzhang precisou botar man dos chamados "Grandes Secretarios" para auxilialo a lidar coa enorme burocracia, a cal máis tarde causaría o declive da dinastía, por impedir que o goberno se adaptase ás mudanzas sociais.
O Emperador Yongle procurou ampliar a influencia da China alén das súas fronteiras, ao esixir que outros gobernantes lle enviasen embaixadores para pagar tributo. Construíuse unha grande mariña, inclusive navíos de catro mastros con deslocamento de 1.500 t. Creouse un exército regular dun millón de homes. As forzas chinesas conquistaron parte do que é hoxe o Vietnam, en canto que a frota imperial navegaba polos mares da China e o océano Índico, chegando até a costa oriental da África. Os chineses estenderon a súa influencia até o Turkmenistán. Diversas nacións asiáticas pagaron tributo ao emperador. Internamente, o Grande Canal foi ampliado, co impacto positivo sobre o comercio. Producíronse máis de 100.000 t de ferro por ano. Imprimíronse libros co uso da tipografía. O pazo imperial da Cidade Prohibida atinxiu entón o seu actual esplendor. En fin, o período ming parece ter sido un dos máis prósperos para a China.
O período ming foi testemuña da última ampliación da Gran Muralla Chinesa.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]Dinastía Qing
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Dinastía Qing.
A Dinastía Qing (1644-1911) foi fundada tras a derrota dos mings, a última dinastía han chinesa, das mans dos manchús. Estes, anteriormente coñecidos como jurchens, invadiron a China a partir do norte a finais do século XVII. A pesar de que os manchús foron conquistadores estranxeiros, adoptaron rapidamente as tradicionais regras e costumes de goberno confucianas e terminaron por gobernar na mesma liña das dinastías nativas anteriores.
Os manchús obrigaron os hans a adoptar o seu estilo de peiteado e de vestimenta, ameazados baixo pena de morte.
O Emperador Kangxi ordenou a creación do máis completo dicionario de caracteres chineses até entón. Durante o reinado do Emperador Qianlong, recompilouse un catálogo das obras máis importantes sobre cultura chinesa.
A mediados do século XVIII , os manchús consolidaron o seu control sobre o territorio antes pertencente aos mings e ampliaron ademais a súa esfera de influencia para incluír a Xinjiang, ao Tíbet e a Mongolia.
O século XIX testemuñou un debilitamento do goberno qing, en medio de grandes conflitos sociais, estancamento económico e influencia de occidentais. O interese británico en continuar o comercio de opio levou a numerosos conflitos con occidente, o que levou á Primeira Guerra do Opio, en 1840. O Reino Unido e outras potencias occidentais, inclusive os Estados Unidos, ocuparon "concesións" á forza e gañaron privilexios comerciais. Hong Kong foi cedida aos británicos en 1842 polo Tratado de Nanquim. Tamén ocorreran naquel século a Rebelión Taiping (1851-1864). En moitos aspectos, as rebelións e os tratados que os qings se viran forzados a asinar coas potencias imperialistas son sintomáticos da incapacidade do goberno chinés de rexer adecuadamente os desafíos aos que se enfrontaba a China no século XIX.
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]O declive da monarquía
[editar | editar a fonte]As dúas Guerras do Opio e o tráfico daquela droga foron custosos para a Dinastía Qing e o pobo chinés. O tesouro imperial quebrou dúas veces, por conta do pagamento de indemnizacións debidas ás guerras. A China sufriu dúas fames extremas vinte anos despois de cada unha das Guerras do Opio nos anos 1860 e 1880, cando a Dinastía Qing se mostrou incapaz de asistir a poboación. Tales eventos tiveran un profundo impacto ao desafiar a hexemonía da que os chineses gozaban en Asia hai séculos e mergullaron o país no caos. Unha gran revolta, a Rebelión Taiping, tería causado entre vinte e cincuenta millóns de mortos.
Os líderes qing sospeitaban da modernidade e dos avances sociais e tecnolóxicos, que viron como ameazas ao seu control absoluto sobre a China. Por exemplo, a pólvora, que fora frecuentemente empregada polos exércitos das Dinastías Sung e Ming, fora prohibida polos qings ao asumiren o control do país. Por este e outros motivos, a dinastía non se encontraba preparada para combater as invasións occidentais. As potencias occidentais interviñeron militarmente para reprimir o caos doméstico, como no caso da Rebelión Taiping.
Nos anos 1860, a Dinastía Qing logrou sufocar revoltas, cun enorme custo e perda de vidas. Isto minou a credibilidade do réxime qing e contribuíu á proliferación de señores da guerra locais. O Emperador Guangxu procurou lidar coa necesidade de modernizar o país por medio do Movemento de Auto-Fortalecemento. Entre tanto, a partir de 1898, a Emperatriz rexente Cixi mantivo a Guangxu preso baixo o argumento de "deficiencia mental", tras un golpe militar ordenado por ela e co apoio da parte conservadora, contraria ás reformas. Guangxu faleceu un día antes cá emperatriz rexente (segundo algúns, por ela envelenado). Os "novos exércitos" qings (adestrados e equipados conforme o modelo occidental) foron fragorosamente derrotados na Guerra Sino-Francesa (1883-1885) e na Guerra Sino-Xaponesa (1894-1895).
No inicio do século XX, o Levante dos Boxers, un movemento conservador anti-imperialista que pretendía facer regresar o país a un estilo de vida tradicional, ameazou ao norte da China. A emperatriz rexente, probabelmente co feito de garantir o seu control sobre o goberno, apoiou os bóxers cando estes avanzaron sobre Pekin. Como reacción, a chamada Alianza dos Oito Estados invadiu a China. Composta por tropas británicas, xaponesas, rusas, italianas, alemás, francesas, norteamericanas e austrohúngaras, a alianza derrotou os boxers e esixiu máis concesións do goberno qing.
Século XX
[editar | editar a fonte]República da China
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia da República da China (1912-1949).
O 10 de outubro de 1911 produciuse o Levantamento de Wuchang, rebelión contra a dinastía Qing na actual cidade de Wuhan, que provocou a Revolución de Xinhai, que acabou co derrocamento definitivo do último emperador Qing, Puyi, no ano 1912.
O líder revolucionario chinés Sun Yat-sen, ao ter noticia do levantamento de Wuchang, volveu á China dende os Estados Unidos. Aínda que Sun chegou a ser nomeado Presidente da República da China, o país atopábase dividido, dominado por dirixentes locais, e chegou a un acordo co destacado militar Yuan Shikai, que controlaba os restos do exército Qing no norte, para que este fose presidente.
A ambición de Yuan Shikai, que chegou a autoproclamarse emperador en 1915, fixo crecer a oposición a este. China atopábase aínda dividida, e Sun Yat-sen volveu do exilio para instalarse en Cantón, dende onde dirixiu o Kuomintang, o partido político que el fundara. En Cantón, Sun Yat-sen fundou a Academia Militar de Whampoa, na que se formou o exército que, baixo o mando de Chiang Kai-shek, sucesor de Sun Yat-sen á fronte do Kuomintang, conseguiu conquistar gran parte da China e establecer en Nanjing a capital da República da China, cumprindo a ambición de Sun Yat-sen.
Chiang Kai-shek converteuse en presidente da República e, dende os comezos, tivo que se enfrontar a dous problemas. Por unha banda, o Partido Comunista Chinés, a pesar de varios períodos de colaboración co Kuomintang, loitou por establecer un réxime comunista. Por outro lado, o imperialismo xaponés meteu presión a China. En 1931 Xapón conquistou Manchuria, e estableceu alí o estado monicreque de Manchukuo. En 1937 o exército xaponés iniciou unha invasión á China.
Durante a invasión xaponesa, o goberno de Chiang Kai-shek abandonou a capital Nanjing, ocupada polo Xapón, e repregouse cara ao interior, establecéndose na cidade de Chongqing.
Tralo final da segunda guerra mundial, en 1945, o Xapón abandonou as súas conquistas en Asia, e a China recuperou Manchuria e Taiwán.
Cando parecía que o goberno de Chiang Kai-shek podería xa acadar a consolidación da estabilidade da república, reanudouse o enfrontamento cos comunistas. Este rematou por converterse nunha guerra civil total a partir de 1947.
En contra das previsións, os comunistas lograron vencer o exército da República. O goberno de Kuomintang, xunto a parte do exército e moitos dos seus simpatizantes, foron a Taiwán, dende onde confiaba en poder reconquistar o continente. Esta situación, porén, acabou manténdose e a República da China continúa existindo na actualidade na illa de Taiwán.
Taiwán
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia de Taiwán.
Coa proclamación da República Popular da China (RPC) o 1 de outubro de 1949, o país viuse novamente dividido entre a RPC, no continente, e a República da China (RC), en Taiwán e outras illas. Cada unha das partes establécese como o único goberno lexítimo da China e denuncia o outro como ilexítimo. Dende os anos 1990, a RC ten procurado obter maior recoñecemento internacional, en canto que a RPC se opón vehementemente a calquera apoio internacional e insiste na "Política dunha China".
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Non confundir esta Dinastía Jin, dos jurchens, coas outras tres homónimas que gobernaron a China en diferentes períodos.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Historia da China |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: China |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cheng, Linsun (2009). Berkshire Encyclopedia of China. Great Barrington, Mass.: Berkshire Pub. Group. ISBN 9781933782683.
- Dardess, John W. (2010). Governing China, 150-1850. Hackett Publishing. ISBN 1-60384-311-6.
- Ebrey, Patricia Buckley (2010). The Cambridge Illustrated History of China. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 9780521196208.
- Fairbank, John King e Goldman, Merle. China: A New History. Segunda ed. Harvard U. Press, (2006). 640 pp.
- Gernet, Jacques, J. R. Foster, e Charles Hartman. A History of Chinese Civilization (1996).
- Hsu, Cho-yun. China: A New Cultural History (Columbia University Press; 2012) 612 páxinas.
- Hsü, Immanuel Chung-yueh. The Rise of Modern China, 6th ed. (Oxford University Press, 1999). 1136pp.
- Huang, Ray. China, a Macro History (1997) 335pp.
- Keay, John. China: A History (2009), 642pp
- Mote, Frederick W. Imperial China, 900–1800 Harvard University Press, 1999, 136 páxinas. Información sobre as dinastías Song, Yuan, Ming, e Qing.
- Perkins, Dorothy. Encyclopedia of China: The Essential Reference to China, Its History and Culture. 1999. 662 pp.
- Roberts, J. A. G. A Concise History of China. Harvard U. Press, 1999. 341 pp.
- Schoppa, R. Keith. The Columbia Guide to Modern Chinese History. Columbia U. Press, 2000. 356 pp.
- Spence, Jonathan D. The Search for Modern China (1999), 876pp.
- Wang, Ke-wen, ed. Modern China: An Encyclopedia of History, Culture, and Nationalism. Garland, 1998. 442 pp.
- Wright, David Curtis. History of China (2001) 257pp.
- Wills, Jr., John E. Mountain of Fame: Portraits in Chinese History (1994).