(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Lingua éuscara - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Lingua éuscara

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Éuscaro
Euskara
Outros nomes:Vasco
Falado en: España e Francia
Rexións: País Vasco
Navarra Navarra
Francia Iparralde (Francia)
Total de falantes: 1 033 900 (2011)
Lingua materna: 714 136[1]
Posición: Non está entre as 100 máis faladas.
Familia: Lingua illada
 Éuscaro
Status oficial
Lingua oficial de: Euskadi e Navarra (España).
Regulado por: Euskaltzaindia
Códigos de lingua
ISO 639-1: eu
ISO 639-2: baq (B)eus (T)
ISO 639-3: eus
SIL: BSQ
Mapa

Áreas dialectais esquemáticas do éuscaro. Os dialectos de cores claras están extinguidos.

Porcentaxe de falantes, incluídos os falantes como segunda lingua.
Status

O éuscaro está clasificado como "vulnerable" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[2]

O éuscaro[3] ou vasco[4] (euskara en éuscaro) é a lingua tradicional do pobo vasco. Na actualidade fálase no territorio coñecido como Euskal Herria. Comprende Euskadi e o norte de Navarra (que conforman Hegoalde) e as rexións de Baixa Navarra/Nafarroa Beherea, Lapurdi e Zuberoa, no departamento francés de Pireneos Atlánticos (o que é coñecido como Iparralde. Constitúe unha lingua illada, arrodeada por linguas de orixe indoeuropea.

O éuscaro é unha lingua aglutinante. Algunhas teorías considérano unha lingua probablemente oriúnda dos primeiros pobos que migraron cara a Europa. Outras, a través de comparacións, emparéntanno con linguas ata hoxe faladas no Cáucaso. De calquera forma, é unha lingua falada ou comprendida por polo menos 800.000 persoas, e falada dende moito antes de que se introducise a lingua latina na Península Ibérica.

Por non ter linguas parentes coñecidas, creáronse sobre o éuscaro un gran número de ideas sen base lingüística sólida, como que se trata da lingua máis complexa do mundo ou que os verbos só teñen voz pasiva. A súa estrutura sentencial é practicamente idéntica á do turco ou do xaponés. A súa morfoloxía porén, é pouco común en Europa, mais poden atoparse sistemas morfolóxicos semellantes en linguas doutros continentes.

Hoxe, o vasco está presente en nomes de empresas, institucións, actores políticos e sociais, así como etiquetas e sinais, na zona delimitada por Euskadi, Navarra e Iparralde.

Distribución xeográfica

[editar | editar a fonte]

Dentro do Estado español, o éuscaro fálase en Euskadi e Navarra. No Estado francés fálase nas rexións de Lapurdi, Baixa Navarra e Zuberoa, dentro do departamento dos Pireneos Atlánticos, coñecido como Iparralde ou País Vasco francés.

Antes da industrialización, o éuscaro era falado pola maioría da poboación das zonas vascófonas históricas. Segundo datos de 1867 manexados por Ladislao de Velasco, falábano 170.000 dos 176.000 habitantes de Guipúscoa, 149.000 dos 183.000 en Biscaia (6.000 estranxeiros e 28.000 habitantes do distrito de Balmaseda-Enkarterri, onde non se falara en tempo), 12.000 dos 120.000 en Araba, 60.000 dos 300.000 en Navarra e 80.000 dos 124.000 no País Vasco francés.

Regulamento e status oficial

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Euskaltzaindia.

A Euskaltzaindia, a Real Academia da Lingua Vasca, foi creada en 1919. Dende a década de 1960 coordinou un importante esforzo de normalización, baseado na tradición escrita e nos elementos comúns dos diferentes dialectos. Isto deu como resultado o éuscaro batua (unificado). O seu lema é Ekin eta jarrai ("Comezar e seguir").

O éuscaro é lingua oficial dende 1982 en Euskadi. En Navarra, a súa situación está regulada pola Lei Foral do Éuscaro, que divide a Comunidade Foral en tres rexións: vascófona, non vascófona e mixta. Este feito, en consecuencia, creou distintas modalidades no sistema educativo.

En Francia, o éuscaro, como outras linguas minoritarias, non ten recoñecemento oficial.

Variantes lingüísticas

[editar | editar a fonte]

Variedades dialectais

[editar | editar a fonte]
Dialectos do vasco

Hai actualmente oito dialectos, os cales non se confunden coas divisións políticas. Un dos primeiros estudos científicos do vasco foi feito por Louis-Lucien Bonaparte (descendente de Napoleón).

Variedade estándar

[editar | editar a fonte]

Hai actualmente unha versión unificada do éuscaro, o batua ("unificado" en vasco), que é a variedade empregada no ensino. O batua baséase principalmente no dialecto guipuscoano, onde máis se fala o idioma. Inclúe tamén trazos das falas navarras e do dialecto labortano.

Gramática

[editar | editar a fonte]
Mapa cronolóxico que amosa a evolución territorial das linguas do Suroeste de Europa, entre as que aparece a lingua éuscara
Porcentaxe de falantes por municipios

O vasco ten algunhas formas gramaticais pouco comúns na Europa, como o ergativo, que se emprega engadindo un -k ao suxeito cando hai un verbo transitivo. O verbo auxiliar tamén reflicte o número do obxecto directo, de tal forma que o verbo auxiliar pode conter moita información (sobre o suxeito, o número do obxecto directo e o obxecto indirecto). De entre as linguas europeas, este sistema (inflexión do verbo auxiliar) só se dá no éuscaro e en linguas do Cáucaso.

Por exemplo, na frase:

Martinek egunkariak erosten dizkit

que significa "Martín compra os xornais para min", Martín-ek é o suxeito (máis exactamente, un ergativo), por isto ten a terminación -k. Egunkariak ten unha terminación en -ak a cal marca o plural do obxecto (plural absolutivo, para ser exacto). O verbo é erosten dizkit, no cal erosten é un tipo de xerundio ("comprando") e o auxiliar dizkit indica:

  • di- marca un verbo contendo tanto un obxecto directo e un indirecto, no tempo presente;
  • -zki- é o numeral do obxecto directo (neste caso os xornais; se fose singular non habería sufixo); e
  • -t é a marca do obxecto indirecto: "para min".

O vasco fai distinción entre as consoantes sibilantes (z, tz), nas cales a fricción ocorre na superficie da lingua (como no "s" nas linguas francesa e inglesa), e sibilantes apicais (s, ts) onde a fricción acontece na punta da lingua (como no "s" castelán). Tamén posúe sibilantes palatais (x e tx, que soan como en galego x e ch respectivamente).

Os sons palatais (explosivos: tt /c/, dd /X/; sibilantes: x /S/, tx /tS/; nasais: ñ /ñ/; laterais: ll /L/) son típicos de diminutivos, frecuentes na linguaxe infantil e na afectiva. Ex.:, tanta ("gota") e ttantta (gotiña). Unhas poucas palabras comúns, como txakur ("can"), usan sons palatais malia perderen no uso común a súa característica de diminutivo. As formas correspondentes non palatais actualmente teñen un sentido aumentativo ou pexorativo: zakur ("can grande", "chivato").

Moitos dialectos do vasco exhiben un efecto de palatalización derivado en que as consoantes que se inician no óso frontal cambian na súa correspondente palatal despois da vogal frontal alta [i]. Por exemplo, o son [n] na palabra egin (=feito) tórnase no son palatal [ñ] cando o sufixo "a" se engade, pronunciándose [eguiña] (o feito).

A letra x pronúnciase como [x], [X\], [Z], [S] ou mesmo [X] dependendo da rexión (a pronunciación [X], como o "j" castelán , é típica de Euskadi). O sistema de vogais é o mesmo có español para a maioría de falantes, con 5 vogais /a, e, i, o, u/. Así e todo, o dialecto Souletino ten unha sexta vogal, frontal e arredondada, representada na escrita como ü, semellante ao son francés eu (ou ao alemán ö).

O éuscaro mostra unha gran variación dialectal no acento tónico. Abrangue dende unha tonicidade fraca nos dialectos centrais ata unha forte tonicidade noutros dialectos, con patróns variados na colocación da tonicidade. En xeral, a tonicidade non se usa para distinguir xénero ou número. Porén, hai situacións onde a tonicidade é fonoloxicamente pertinente, xa que permite diferenciar entre uns poucos pares de palabras acentuadas e algunhas formas gramaticais (en xeral plurais doutras formas). Ex.:, basóà ("a bosque", caso absolutivo) vs. básoà ("o vaso", caso absolutivo; un préstamo do español vaso); basóàk ("a bosque", caso ergativo) vs. básoàk ("o vaso", caso ergativo) vs. básoak ("as bosques" ou "os vasos", caso absolutivo).

Dada a gran variabilidade dialectal, a tonicidade non se indica na ortografía estándar. A Euskaltzaindia (Academia da Lingua Vasca) apenas fai recomendacións xerais para un posicionamento estándar da tonicidade. As indicacións son basicamente para colocar un acento indicador de tonicidade fraca (máis fraca que aquela do español) na segunda sílaba dun sintagma, e unha tonicidade normalmente menor na última sílaba, agás en formas plurais, cando a tonicidade se traslada para a primeira sílaba. Este sistema dá ao idioma unha "musicalidade" distinta, que diferencia a súa pronuncia da prosodia do español. Os Euskaldunberris ("neofalantes do éuscaro", que o usan como segunda lingua e co español como primeira lingua) tenden a transportar os padróns da prosodia española para a súa pronuncia do éuscaro, o que orixina unha pronuncia bastante desprezada, insulsa. Por exemplo, pronuncian nire ama ("miña nai") como nire áma (- - ? -), no canto de niré amà (- ´ - `).

Breve vocabulario

[editar | editar a fonte]
  • Ola: Kaixo
  • Bo días: Egun on
  • Boa tarde: Arratsalde on
  • Boa noite: Gabon
  • Adeus: Agur
  • Deica logo: Gero arte
  • Por favor: Mesedez
  • Perdón: Barkatu
  • Grazas: Eskerrik asko
  • De nada: Ez horregatik
  • Si: Bai
  • Non: Ez
  • Non entendo: Ez dut ulertzen
  • Non fumar: Ez erre
  • Buraco: Zulo
  • Casarío: Baserri
  • Ratiño: Sagutxo
  • Gato: Katu
  • Can: Txakur
  • Vascofalante: Euskaldun/Euskalduna
  • Rúa: Kale, karrika
  • Festa: Jai, festa, besta
  • Boina: Txapela
  • Parabéns: Zorionak
  • Nai: Ama
  • Pai: Aita
  1. Eusko Jaurlaritza: V. Inkesta Soziolinguistikoa, Eusko Jaurlaritzaren Argitalpen Zerbitzu Nagusia, 2011.
  2. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para éuscaro.
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vasco.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]