(Translated by https://www.hiragana.jp/)
Dirixible - Wikipedia, a enciclopedia libre

Dirixible

aeronave máis lixeira que o aire

Un dirixible ou dirixíbel[1] é un aeróstato autopropulsado con capacidade de manobra para ser gobernado coma unha aeronave. A sustentación aerostática acádase mediante depósitos cheos dun gas de menor densidade cá da atmosfera circundante. Difire da sustentación aerodinámica obtida mediante o movemento rápido dun perfil alado, coma nas ás dun aeroplano ou a hélice dun helicóptero.

Dirixible moderno fabricado por Westinghouse (2003). É utilizado en cruceiros turísticos en Suíza.

Adoitan depender das correntes de aire para moverse horizontalmente, e o movemento vertical pode controlarse incorporando calor ao gas contido ou manobrando con lastre.

Foi o primeiro artefacto voador capaz de ser controlado nun voo longo. O seu uso principal tivo lugar aproximadamente entre 1900 e a década de 1930, reducíndose paulatinamente mentres as súas capacidades eran superadas polas dos aeroplanos, ademais de por varios accidentes de relevancia, o máis notable dos cales foi seguramente o incendio do dirixible Hindenburg. Actualmente son usados nunha serie de aplicacións secundarias, especialmente publicidade.

Terminoloxía

editar

Nos países de lingua inglesa úsase o termo airship (aerobote, transporte aéreo), mentres que as aeronaves son chamadas aircraft. A denominación orixinal dos aeróstatos autopropulsados foi "globo dirixible", aínda que co tempo deixouse de utilizar o termo "globo".

Zeppelin é unha marca comercial, que fai referencia aos dirixibles fabricados pola compañía alemá Zeppelin.

Tecnoloxía

editar

Principio físico

editar

De acordo co principio de Arquimedes, todo corpo mergullado total ou parcialmente nun fluído sofre un pulo vertical, dirixido de baixo para riba, igual ao peso do volume do fluído desaloxado, e aplicado no centro de pulo. O dirixible, un corpo inmerso na mestura de gases chamada ar, recibe unha forza ascensional resultante (P) equivalente ao peso de ar ocupado polo seu volume (V), menos o peso da súa estrutura e carga (Q);

Sendo   o peso específico do gas utilizado para encher os depósitos do dirixible, e   o do ar:

 

Cualidades e desvantaxes dos dirixibles

editar
Cualidades Desvantaxes
Transporte económico (mellor taxa tonelaxe/autonomía despois do transporte marítimo) Risco de sobrecarga por neve ou carouxo
Pode transportar grandes cargas Relación volume total / volume de carga útil moi desfavorable.
Os eventuais fallos dos motores son menos críticos ca nun avión. Escasa capacidade de manobra.
Poden aterrar practicamente en calquera sitio, sen requirir infraestrutura importante. Maior vulnerabilidade aos ventos e ás condicións meteorolóxicas desfavorables.
Maior autonomía, voo silencioso, menor contaminación. Pouca altitude de voo

Tipos de dirixible

editar
  • Dirixible ríxido: ten unha estrutura ríxida que sostén múltiples celas ou globos de gas non presurizado, polo que non dependen da presión interna do gas para manter a forma. Deste tipo son os cepelíns.
  • Dirixible non ríxido: utiliza presión do gas interno para reter a forma. Poden ser globos de observación, balizamento ou exploración. Diferéncianse dos aeróstatos na inclusión de hélices ou outros mecanismos para dirixir o movemento horizontal.
  • Dirixible semi-ríxido: requiren unha presión interna xeralmente menor, xa que inclúen estruturas baixo o globo que permiten distribuír as cargas. O uso foi similar ao dos dirixibles non ríxidos.
  • Dirixibles con membrana metálica: reúnen as características dos dirixibles ríxidos e dos non ríxidos, mediante o uso dunha envoltura metálica moi fina en lugar de tea plastificada. Só se construíron dous dirixibles deste tipo: o dirixible de Schwarz de 1897 e o ZMC-2.
  • Dirixibles híbridos: combinan características das aeronaves (máis pesadas có ar da atmosfera) con tecnoloxías de diminución do peso. Exemplos deste tipo son algúns experimentos de híbridos helicóptero-dirixible, probados para a carga en cruceiro de longo alcance. Debe facerse notar que a maioría dos dirixibles son máis pesados có ar cando están a plena carga, polo que deben usar sistemas de propulsión e forma aerodinámica para lograr a sustentación. Esta circunstancia convérteos tecnicamente en artefactos híbridos, pero a tipoloxía concreta refírese a aqueles que obteñen unha parte significativa da súa sustentación mediante perfiles alados, e requiren xeralmente unha importante forza de engalaxe.

Sustentación

editar

Nos primeiros tempos dos dirixibles o principal gas de sustentación utilizado foi o hidróxeno. Noes Estados Unidos usouse o helio desde 1920, e foi o único produtor dese gas até 1950. O hidróxeno tiña dúas vantaxes: menor densidade e menor prezo.

O hidróxeno é extremadamente inflamable, o cal provocou diversos accidentes, e a sustentación da que prové é un 8 % maior cá do helio[2]. Co tempo o balance entre custo e seguridade foise inclinando definitivamente polo uso do helio.

Actualmente o uso de hidróxeno está prohibido nos aparatos modernos, se ben continúa a usarse nalgúns pequenos dirixibles experimentais.

Algúns aparatos pequenos, chamados dirixibles térmicos, énchense con ar quente de forma similar aos aeróstatos.

Dos gases dispoñibles máis lixeiros có ar (cunha densidade menor a 1 kg/m−3 a menos de 100 °C), a maioría son tóxicos, inflamables, corrosivos ou con varias destas características (nitróxeno, monóxido de carbono, etileno, acetileno, amoníaco, metano, hidróxeno, cianuro de hidróxeno, diboran e fluoruro de hidróxeno), sendo válidos o helio, o neon e o vapor de auga.

Tanto o metano coma o amoníaco foron utilizados puntualmente en globos experimentais, e o vapor de auga tamén foi usado de forma illada.

Historia

editar
 
Varios tipos de aeróstatos e dirixibles ilustrados na enciclopedia Brockhaus e Efron (1890-1907): algúns dos modelos históricos que marcaron a evolución do dirixible a partir dos aeróstatos, coma o globo dos irmáns Montgolfier (París, 1783), o globo dirixible de Giffard (1852), e o dirixible de Dupuy de Lome (1872).

O desenvolvemento dos dirixibles iniciouse a partir dos globos aerostáticos.

Pioneiros

editar
 
Cruzamento de Blanchard polo Canal da Mancha en 1785.
 
O globo dirixible desenvolvido por Dupuy de Lome en 1872.

Os dirixibles estiveron entre os primeiros artefactos que lograron voar, a partir de varios deseños realizados ao longo do século XIX. Foron numerosos os intentos de facer os globos máis gobernables, con mecanismos que se manterían despois nos dirixibles máis modernos.

En 1784 Jean Pierre Blanchard agregou un propulsor manual a un globo aerostático, no que constitúe o primeiro rexistro documentado dun voo propulsado. En 1785 cruzou o Canal da Mancha cun globo provisto de ás batentes como propulsores, e un temón con forma de cola de ave.

A primeira persoa en realizar un voo a motor foi Henri Giffard, que en 1852 voou 17 km nun dirixible propulsado mediante unha máquina de vapor.

En 1863 Solomon Andrews inventou o primeiro dirixible totalmente gobernable, a pesar de que non tiña motor.

En 1872 o arquitecto naval francés Dupuy de Lome desenvolveu un gran globo bastante gobernable, impulsado por un gran propulsor e a forza de oito persoas. O obxectivo era utilizalo durante a guerra franco-prusiana como mellora para os aeróstatos de comunicación entre París e o interior durante o asedio de París polas forzas alemás, pero o deseño foi completado despois de finalizado o conflito.

Charles F. Ritchel fixo unha demostración pública de voo en 1878 cun dirixible ríxido unipersoal impulsado a man, e logrou construír e vender cinco unidades.

Primeiros propulsores

editar

Paul Haenlein voou en Viena un dirixible ancorado a unha corda, impulsado por un motor de combustión interna, primeiro uso dese medio de propulsión nun artefacto aéreo.

En 1880 Karl Wölfert e Ernst Georg August Baumgarten intentaron voar un dirixible propulsado en ceo aberto, pero estreláronse.

En 1883 Gastón Tissandier aplicou o primeiro propulsor eléctrico mediante un motor Siemens de 1,5 cabalos de forza. O primeiro dirixible totalmente operativo a ceo aberto foi construído para o exército francés por Charles Renard e Arthur Krebs en 1884. O vehículo, denominado La France, tiña 51,85 m de lonxitude e 1.872 de volume. Realizou un voo de 8 km en 23 minutos, con axuda dun motor eléctrico de 8,5 cabalos.

En 1888 Wolfert voou propulsado por un motor Daimler de combustión en Seeburgo.

En 1896 un dirixible rígido creado polo enxeñeiro croata David Schwarz fixo o seu primeiro voo no campo de Tempelhof en Berlín. Despois da morte de Schwartz, a súa esposa Melanie recibiu 12.000 marcos de Ferdinand von Zeppelin a cambio de información técnica sobre o dirixible.

En 1901 o brasileiro Alberto Santos-Dumont gañou o premio Deutsch de la Meurthe, dotado con 100.000 francos, co seu dirixible Número 6. Voou do Parque Saint Cloud á torre Eiffel e regresou en menos de trinta minutos. Moitos inventores inspiráronse no pequeno dirixible de Santos Dumont, e o artefacto comezou a difundirse por todo o mundo. Moitos pioneiros, coma o norteamericano Thomas Scott Baldwin, financiaron as súas actividades levando pasaxeiros e efectuando demostracións públicas. Outros, coma Walter Wellman e Melvin Vaniman, propuxéronse lograr maiores desafíos, intentando dous voos polares en 1907 e 1909, e dous voos transatlánticos en 1910 e 1912.

En 1902 o español Leonardo Torres Quevedo publicou en España e Francia o seu innovador proxecto de globo dirixible. Con armazón semirríxido, superaba os defectos destas aeronaves tanto de estrutura ríxida (tipo Zeppelin) como flexible, posibilitando aos dirixibles voar con máis estabilidade, empregar motores pesados e cargar gran número de pasaxe. En 1905, axudado polo capitán A. Kindelán, construíu o España en instalacións militares de Guadalaxara. Ao ano seguinte rexistrouno sen espertar interese oficial, e en 1909 volveu rexistrar outro aparello perfeccionado e ofreceullo á firma francesa Astra, que en 1911 comezou a fabricalo en serie, chegando a ser moi utilizado na Gran Guerra polos exércitos aliados. De 1914 e 1919 son outras dúas patentes sobre estas aeronaves.

Idade de ouro

editar

O comezo do auxe dos dirixibles está marcado polo bautismo en xullo de 1900 do Luftschiff Zeppelin (LZ1), un dos dirixibles máis famosos de todos os tempos. Os Zeppelin recibiron o seu nome polo Conde Ferdinand von Zeppelin, que experimentou con deseños de dirixibles ríxidos na década de 1890. Ao comezo da primeira Guerra Mundial os Zeppelin tiñan unha estrutura cilíndrica de aliaxe de aluminio e un casco cobertor de tea que contiña celas de gas separadas.

Utilizaba aletas multiplano para o control e a estabilidade, e propulsores adheridos a ambos os dous lados. Contaba con dúas góndolas para a tripulación baixo o casco, e cunha cabina para a pasaxe entre as góndolas, que durante a guerra era usada como depósito de bombas.

Primeira guerra mundial

editar
 
Construción do USS Shenandoah (ZR-1), 1923.

A posibilidade de utilizar dirixibles como bombardeiros pensárase en Europa desde moito antes de que fose posible. En The War of the Air (1908), H. G. Wells describe a destrución de frotas e cidades enteiras por ataques de dirixibles, e textos doutros escritores británicos non tan famosos sostiñan que o dirixible alteraría para sempre o escenario dos conflitos mundiais.

O 5 de marzo de 1912 as forzas italianas foron as primeiras en usar dirixibles de uso militar para o recoñecemento ao oeste de Trípoli tralas liñas turcas. Porén, os dirixibles debutaron coma arma na primeira guerra mundial.

O conde Zeppelin e outros militares alemáns creron obter a arma ideal para contrarrestar a superioridade naval británica, e poder atacar en terra inglesa. Outros máis realistas pensaron que o Zeppelin era un elemento valioso para exploración e ataque naval. As incursións iniciáronse a finais de 1914, tiveron o seu ocaso en 1915, e foron xa máis esporádicas despois de 1917.

Zeppelin

editar

Os Zeppelin probaron ser armas terribles pero inexactas. A navegación, selección de brancos e o bombardeo resultaron difíciles aínda nas mellores condicións climáticas. A escuridade, altas altitudes e nubes frecuentemente encontradas reducían moito o éxito das misións.

O dano físico inflixido polos Zeppelin no transcurso da guerra resultou trivial, causando menos de mil mortes. Asemade, demostrouse a súa vulnerabilidade aos ataques da aviación e ás armas antiaéreas, especialmente aquelas con munición incendiaria.

Varios caeron en chamas ao seren derribados polos defensores británicos, e outros estreláronse no camiño. Retrospectivamente, os partidarios de utilizar os dirixibles para exploración demostraron estar no certo, e a campaña de bombardeo terrestre resultou desastrosa en termos de moral, homes e material. Varios pioneiros alemáns morreron en misións de propaganda. Tamén chamaron a atención sobre as fábricas de dirixibles, bombardeadas pola aviación británica.

 
O USS Akron sobre Manhattan cerca de 1932.

Dirixibles de guerra británicos

editar

Entrementres, a armada británica recoñeceu a necesidade de contar con pequenas aeronaves para contrarrestar os ataques submarinos en augas costeiras, e comezou en febreiro de 1915 a producir a clase SS (Explorador do mar) de pequenos dirixibles. Tiñan un volume menor de 2.000 m³, e por economía de medios utilizaron ao principio propulsión simple (BE2c, Maurice Farman, Armstrong FK), aleróns e temóns de pequena superficie. Igualmente desenvolvéronse máquinas máis avanzadas con góndolas coma as de clase "C" (Coastal), C* (Coastal Star), NS (North Sea), SSP (Sea Scout Pusher), SSZ (Sea Scout Zero), SSE (Sea Scout Experimental) e SST (Sea Scout Twin).

A clase NS, logo de problemas iniciais de posta en funcionamento, probaron ser os mellores dirixibles ao servizo británico. Tiñan unha capacidade de algo máis de 10.000 m³ de gas, unha tripulación de 10 persoas, e autonomía de 24 horas. Transportaban seis bombas de 100 kg e entre 3 e 5 metralladoras. Os dirixibles británicos utilizáronse para exploración, limpeza de minas e ataque de submarinos.

Durante a guerra os británicos construíron máis de 225 dirixibles non ríxidos, dos que varios foron vendidos a Rusia, Francia, Estados Unidos e Italia. O Reino Unido, á súa vez, adquiriu un dirixible semirríxido clase "M" a Italia, cuxa entrega se demorou até 1918. Para a época do armisticio construíranse oito dirixibles ríxidos, e sete máis estaban en avanzado estado de construción. O gran número de tripulación adestrada, baixa taxa de fracasos e a experimentación constante permitiron ao Reino Unido liderar a tecnoloxía dos dirixibles non ríxidos ao remate da guerra.

Nesa época xa os avións substituían os dirixibles coma bombardeiros, e os zeppelins alemáns remanentes foron destruídos pola súa tripulación, vendidos ou rematados polos aliados coma desfeitos de guerra. O programa británico de dirixibles foi máis que nada unha reacción ao eventual poderío alemán no tema, e baseouse -aínda que non totalmente- na imitación da tecnoloxía alemá.

 
Dirixible tipo Zeppelin norteamericano USS Macon (ZRS-5) sobre o aeroporto federal de Moffet en 1933.

Entreguerras

editar

Os dirixibles que usaban a tecnoloxía Zeppelin adoitaban ser coñecidos coma Zeppelins aínda que non tivesen conexión coa fábrica Zeppelin. Varios vehículos deste tipo foron construídos nos EUA e o Reino Unido nas décadas de 1920 e 1930, a maioría imitando o deseño Zeppelin orixinal a partir de unidades alemás estreladas ou capturadas durante a primeira guerra mundial.

Os modelos británicos R33 e R34 eran copias case idénticas do modelo alemán L-33, que se estrelara practicamente intacto en Yorkshire o 24 de setembro de 1916. A pesar de construírse cun atraso de tres anos (terminados en 1919) estes modelos irmáns foron dous dos dirixibles británicos con máis éxito no servizo.

En xullo de 1919 o R34 foi o primeiro dirixible en cruzar o Atlántico, aterrando en Mineola (Long Island) o 6 de xullo despois de 108 horas de voo. A viaxe de retorno comezou o 8 de xullo debido a demoras na partida, e levou 75 horas. Impresionados, os líderes británicos comezaron a considerar a posibilidade de armar unha frota de dirixibles que puidese conectar a metrópole coas súas afastadas colonias, pero as condicións económicas de posguerra fixeron que a maioría dos dirixibles fosen desactivados e as súas tripulacións licenciadas. En 1929 iniciouse a construción dos modelos R-100 e R-101.

Norteamérica

editar

O primeiro dirixible ríxido construído en Norteamérica foi o USS Shenandoah (ZR-1), bautizado o 20 de agosto de 1923 en Lakehurst (Nova Jersey). Foi o primeiro inflado co gas nobre helio, tan raro nese momento que o Shenandoah contiña a maior parte das reservas mundiais. Así, cando o dirixible Los Angeles foi terminado, encheuse co helio prestado polo ZR-1.

A obra de Zeppelin conservouse mediante o pago do que se convertería no USS Los Angeles (ZR-3) da armada norteamericana, pago por "reparacións de guerra", segundo o tratado de Versalles. O éxito do modelo levou á armada norteamericana a investigar os seus propios dirixibles.

Alemaña

editar

Alemaña, entrementres, construía o LZ 127 Graf Zeppelin, co obxectivo de armar unha nova clase de dirixible de pasaxeiros. Como combustible usaba blau gas (gas azul), similar ao propano, aproveitando que ten unha densidade similar á do ar, co que evitaba o aumento de carga que implica usar combustible líquido.

Inicialmente os dirixibles lograron grande éxito e un impresionante récord de seguridade. O Graf Zeppelin voou máis de dous millóns de quilómetros, incluíndo a primeira circunnavegación do planeta, sen un só accidente. A expansión da frota de dirixibles e o crecemento, ás veces excesivo, da confianza dos deseñadores, acadou gradualmente os límites do sistema, e o éxito inicial deu paso a unha serie de tráxicos accidentes.

A "teoría catastrófica" dos dirixibles debe moito á prensa sensacionalista das décadas de 1920 e 1930, e ignora naves exitosas coma o Graf Zeppelin, R100 ou Los Angeles. Os peores desastres, R-101, USS Shenandoah (ZR-1), USS Akron (ZRS-4) e o Hindenburg, foron todos en parte resultado de interferencias políticas na construción e nos procedementos de voo. Recentemente, en 1997, Addison Bain, científico xubilado da NASA, fixo públicas as conclusións de varios anos de investigación sobre o accidente do Hindenburg. Concluíu que co obxecto de aumentar a resistencia da lona de algodón que envolvía o dirixible, aplicouse un composto que contiña po de aluminio, altamente inflamable e inextinguible.

 
Rescatistas revisando os restos do R38USN ZR-2, estrelado o 24 de agosto de 1921.

A armada dos Estados Unidos xogou coa idea de usar dirixibles como transporte de carga aérea. Con anchos océanos protexendo a nación, a idea de frotas de dirixibles capaces de cruzalos rapidamente -e cruzar o propio país- para enviar escuadróns a atacar os inimigos que se aproximasen, tiña certo atractivo.

Era unha idea innovadora, e probablemente non obtivo demasiado apoio da xerarquía tradicionalista da armada. Non obstante construíuse o USS Akron e o USS Macron para probar o sistema. Cada dirixible cargaba catro avións caza, e podía levar un quinto no hangar de aterraxe. Quizais a facilidade con que podía destruírse un dirixible foi a xustificación final para non continuar co proxecto.

Accidentes

editar

O USS Los Angeles (ZR-3) voou exitosamente durante oito anos, pero finalmente a armada norteamericana perdeu os tres dirixibles construídos nos Estados Unidos en distintos accidentes:

  • O USS Shenandoah (ZR-1) estrelouse durante unha severa tormenta sobre Noble County (Ohio) nun voo publicitario mal planificado, o 3 de setembro de 1925. Resultou destruído e morreron 14 membros da tripulación.
  • O USS Akron (ZRS-4) foi golpeado por un refacho de vento e levado a mar aberto na costa de Nova Jersey o 3 de abril de 1933. Como non levaba botes de salvamento e poucos salvavidas, 73 dos 76 tripulantes faleceron afogados ou a causa da hipotermia.
  • O USS Macon (ZRS-5) estrelouse despois de sufrir un fallo estrutural no alerón superior, cando voaba en mar aberto na costa de Point Sur (California) o 12 de febreiro de 1935. Faleceron 2 dos 86 tripulantes, grazas á inclusión de chaquetas salvavidas e balsas inflables despois do desastre do Akron.
 
O LZ 129 Hindenburg momentos despois de incendiarse, o 6 de maio de 1937.

En 1930 o R-101 británico, un modelo moi avanzado para a súa época pero construído ás presas e enviado nun voo á India antes de estar terminado, estrelouse en Francia coa perda de 48 dos 54 tripulantes. A causa da mala publicidade que rodeou o accidente, o Ministerio do Ar suspendeu a operación do R100 e vendeuno coma cascallo en 1931, a pesar do exitoso voo inaugural transatlántico.

Porén, o accidente máis espectacular e recordado foi o incendio do Hindenburg o 6 de maio de 1937, que disipou a confianza nos dirixibles e marcou o triunfo final dos aeroplanos, de menor custo de construción, pero de propulsión máis cara. Das 97 persoas a bordo morreron 36 (13 pasaxeiros e 23 tripulantes). Mantéñense moitas controversias arredor das causas do accidente.

Segunda guerra mundial

editar

Mentres os alemáns decidiron declarar os dirixibles obsoletos para uso militar na nova guerra, concentrando a investigación nos aeroplanos, os EUA continuaron un programa de construción, malia desenvolver unha doutrina militar clara para os dirixibles. Cando tivo lugar o ataque xaponés a Pearl Harbor, o 7 de decembro de 1941, que comportou a involucración plena na segunda guerra mundial, os Estados Unidos tiñan en operación dez dirixibles non ríxidos:

  • Catro de clase K: K-2, K-3, K-4 e K-5, deseñados coma vehículos de patrulla, construídos a partir de 1938.
  • Tres de clase L: L-1, L-2 e L-3, pequenos dirixibles de adestramento, producidos tamén a partir de 1938.
  • Un de clase G, construído en 1936 para adestramento.
  • Dous de clase TC, vellos modelos de patrulla deseñados para forzas de terra, construídos en 1933 e adquiridos pola armada en 1938.

Só os dirixibles das clases K e TC podían ser usados con propósitos de combate, e axiña foron postos en servizo contra os submarinos xaponeses e alemáns, que daquela atacaban os barcos norteamericanos dentro do rango visual das súas costas. O comando da armada, lembrando o éxito antisubmarino dos WWI, requiriu de forma inmediata a construción de novos dirixibles antisubmarinos, e o 2 de xaneiro de 1942 formou a unidade de patrulla ZP-12 con base en Lakehurst cos catro dirixibles clase K. Un mes despois formouse a unidad de patrulla ZP-32 con base en Sunnyvale (California), constituída por dous dirixibles clase TC e dous de clase L. Tamén se creou unha base de adestramento de dirixibles.

Entre 1942 e 1944 adestráronse aproximadamente 1.400 pilotos e 3.000 tripulantes, e o persoal militar total destinado aos dirixibles creceu de 430 a 12.400 efectivos. Os dirixibles norteamericanos foron fabricados pola compañía Goodyear en Akron (Ohio), que completou 154 unidades entre 1942 e 1945 (133 de clase K, 10 L, 10 G, e 4 de clase M, ademais de cinco clase L para compradores civís).

Misión dos dirixibles

editar

A misión dos dirixibles era patrullar e escoltar preto das costas norteamericanas. Tamén serviron como centro de organización para os convois de barcos, e usáronse durante a procura naval en operacións de rescate. En menor medida, utilizáronse para recoñecemento aerofotográfico, colocación e limpeza de minas navais, transporte de paracaidistas e transporte de persoal.

Foron moi exitosos na tarefa principal (protección antisubmarina de buques), acadando a maior taxa de éxitos da aviación norteamericana (87 %). Durante a guerra, arredor de 532 barcos foron afundidos preto da costa norteamericana por submarinos. Porén, nin un só dos aproximadamente 89.000 navíos incluídos en convois escoltados por dirixibles resultou afundido polo fogo inimigo.

Atacaban os submarinos con cargas de profundidade e -con menos frecuencia- con outras armas a bordo. Podían competir coa baixa velocidade dos submarinos, e bombardealos até a súa destrución. Por outro lado, os submarinos somerxidos non tiñan medios de detectar a aproximación dun dirixible, mentres que estes podían velos desde a altura.

Só un dirixible resultou destruído por un submarino inimigo. Na noite do 18 ao 19 de xullo de 1943, un dirixible clase K (o K 74) da división ZP-21 estaba patrullando a costa preto de Florida. Usando o radar, localizou un submarino alemán en superficie. O dirixible atacou, pero o submarino fixo branco antes. As cargas de profundidade do dirixible non se soltaron mentres cruzaba sobre o submarino, e o K 74 recibiu serios danos, perdendo presión de gas e un motor, pero logrou amarar sen perda de vidas. A tripulación foi rescatada por lanchas de patrullaxe pola mañá, agás Isadore Stessel, que faleceu polo ataque dunha quenlla. O submarino (U-34) resultou levemente danado, pero ao día seguinte foi novamente atacado pola aviación, recibindo danos maiores que o obrigaron a retornar á base. O U-34 foi afundido o 24 de agosto dese mesmo ano por un avión británico preto de Vigo[3][4].

Europa

editar

Algúns dirixibles norteamericanos entraron en acción no teatro de batalla europeo. A unidade ZP-14 operou na área mediterránea desde xuño de 1944, evitando totalmente o acceso dos submarinos do eixo polo estreito de Xibraltar. Os dirixibles da división ZP-12 tomaron parte no afundimento do último submarino antes da capitulación alemá (o U-881) o 6 de maio de 1945 xunto cos destrutores Atherton e Mobery[5].

Unión Soviética

editar

A Unión Soviética operou un único dirixible durante a guerra. O W-12, cuxa construción foi levada a cabo en 1939, entrou en servizo para adestramento de paracaidistas e transporte de equipamento. Realizou 1.432 viaxes transportando 300 t de carga até 1945. O 1 de febreiro de 1945 os soviéticos completaron a construción dun segundo dirixible, clase Pobieda, utilizado para limpeza de minas e recuperación de restos no mar Negro, até que se estrelou o 21 de xuño de 1947.

En 1947 encargouse unha terceira unidade, clase W-12bis Pobieda, que foi utilizada principalmente en adestramento de tripulacións, desfiles e propaganda.

A nova era dos dirixibles

editar
 
Dirixible Zeppelin NT.

Malia que os dirixibles non se continuaron usando para transportar pasaxeiros, seguiron en servizo para outros propósitos, coma avistaxe e publicidade.

Recentemente a compañía Zeppelin retomou o negocio dos dirixibles. O seu novo modelo, designado Zeppelin NT, fixo o seu voo inaugural o 18 de setembro de 1997. En 2007 había tres unidades en servizo, unha delas pertencente a unha empresa xaponesa.

 
Un dos dirixibles da compañía norteamericana Goodyear Tire & Rubber en São Paulo (Brasil).

Os dirixibles non ríxidos continuaron utilizándose para publicidade e como plataforma para cámaras de TV nos grandes eventos deportivos. O máis coñecido é o dirixible Goodyear, do que existen tres unidades en operación nos Estados Unidos. Ademais, o grupo Lighstip opera máis de 19 dirixibles en diversos lugares do mundo.

A empresa Airship Management Services opera 3 dirixibles tipo Skyship 600. Dous deles prestan servizo coma unidades de publicidade en Norteamérica, e o terceiro opera servizos turísticos en Suíza. Esta unidade tamén realizou outras presentacións relevantes: por exemplo, voou sobre Atenas durante os Xogos Olímpicos de 2004, prestando servizos de seguridade e control de público.

En maio de 2006 a armada norteamericana informou de que ía comezar a operar novamente con dirixibles após unha interrupción de 44 anos[6]. As tarefas céntranse no adestramento de tripulacións e investigación. En novembro de 2006 adquiriu un dirixible A380+, que tiña previsto entrar en operación a finais de 2007. Nos voos de proba estaba previsto que levase uns 1.100 kg de carga até uns 4.575 m de altitude, baixo control remoto e sistemas de navegación automáticos. O programa investigaría tamén a posibilidade de levar 435 kg de carga até 6.100 m.

A empresa española Turtle Airships está traballando nunha aeronave de gran tamaño con paneis solares na parte superior, que producirían a enerxía necesaria para mover a mole de París a Nova York sen problemas. Esta aeronave, con forma similar a un dirixible de convencional pero funcionamento diferente, ten a parte superior cuberta de células fotovoltaicas que deben xerar suficiente enerxía para mover o vehículo a unhas 40 mph en condicións normais, grazas a 70 cabalos de forza.

Dirixible térmico

editar
 
Dirixible térmico.

Varias compañías, coma por exemplo Globos Cameron, de Bristol (Inglaterra), constrúen dirixibles térmicos que combinan a estrutura de globos de ar quente e pequenos dirixibles. A envoltura ten forma cilíndrica con aleróns agregados, pero non cheos de helio, senón de ar quente.

Baixo o globo suspéndese unha pequena góndola, apta para levar o piloto e até tres pasaxeiros, un pequeno motor e os queimadores que permiten quentar o ar.

Os dirixibles térmicos son máis económicos en prezo de compra e en mantemento respecto aos modernos aparatos baseados en sustentación por helio, e teñen a vantaxe de ser facilmente desinflados despois dos voos. Porén, a capacidade de carga e a velocidade de cruceiro (entre 40 e 75 km/h) son inferiores. Utilízanse principalmente para publicidade, pero polo menos un deles foi utilizado para observación de vida salvaxe na selva.

Investigación e perspectiva

editar

A investigación actual sobre dirixibles ten dous obxectivos principais:

  1. Factibilidade de acadar altitudes maiores, para uso en plataformas de comunicación ou sensoras.
  2. Transporte de longa distancia para cargas moi pesadas.

O goberno estadounidense dirixiu os seus dous maiores programas de investigación á consecución de maiores altitudes de operación. Un dos programas está patrocinado polo U.S. Army Space and Missile Defense Command (Comando de defensa espacial e misilístico do exército), e é coñecido coma CHHAPP, siglas de Composite Hull High Altitude Powered Platform (Plataforma motorizada de casco composto para grandes altitudes). O dirixible en estudo é coñecido coma HiSentinel High-Altitude Airship (Dirixible sentinela de grandes altitudes). En 2005 asinouse un contrato de 150 millóns de dólares coa empresa Lockheed-Martin para o desenvolvemento dun prototipo. Os primeiros voos estaban programados para o 2008.

Tamén hai tres empresas privadas traballando en dirixibles de grande altitude, incluíndo a posibilidade dun "dirixible orbital", capaz de levar carga nunha órbita terrestre baixa, cun custo de transporte marxinal[7].

Experimentos notables e prototipos históricos

editar
  • O Heli-Stat foi unha combinación de dirixible e helicóptero construído en New Jersey en 1986.
  • O Aereon foi un híbrido aeróstato/aerodinámico construído na década de 1970.
  • O Cyclocrane foi un híbrido aeróstato/rotor no que todo o dirixible rotaba ao longo dos seus eixos lonxitudinais.
  • O CL160 foi un dirixible semi-ríxido de gran tamaño que ía ser construído en Alemaña pola empresa Cargolifter. O proxecto foi abandonado en 2002 logo de ser edificado un xigantesco hangar preto de Berlín, actualmente reconvertido nun centro de adestramento chamado Tropical islands.
  • En 2005 desenvolveuse por breve tempo un proxecto enfocado na construción dun gran dirixible de longo alcance chamado Walrus Hula[8], patrocinado polo departamento de defensa norteamericano[9]. O obxectivo era analizar a posibilidade de construír un dirixible capaz de transportar 450 toneladas de carga unha distancia de 20.000 km, aterrando nun lugar sen infraestrutura específica, utilizando un mastro externo. Os contratistas Lockheed-Martin e US Aeros Airships recibiron contratos de aproximadamente tres millóns de dólares para estudos de factibilidade. En marzo de 2006 informouse da finalización da investigación, sendo completada a primeira fase do proxecto.

O dirixible na ficción

editar

O dirixible é un enxeño xeralmente asociado á época de auxe da máquina de vapor, e adoita ser un elemento común, tanto na versión antiga coma noutras máis evolucionadas, en moitos mundos de steampunk.

Literatura

editar

Os dirixibles foron un tema popular en novelas, ciencia ficción e libros de aventuras desde finais do século XIX.

Gastronomía

editar

O nome popular do prato nacional de Lituania, cepelinai, croquetas de pataca asadas con carne, deriva da palabra Zeppelin, debido á similitude de formas.

Cinema

editar

Música

editar

O grupo de hard rock inglés Led Zeppelin recibiu o nome destes aparatos a causa dunha brincadeira de Keith Moon[10]. Ademais, a imaxe do accidente do Hindenburg ocupou a capa do seu primeiro disco.

  1. Dirixíbel no Portal das Palabras. Consultado o 25 de xullo de 2020.
  2. "Why Does Helium Have 92% of the Lifting Power of Hydrogen if It Has Twice the Density?" Arquivado 27 de outubro de 2006 en Wayback Machine. artigo en www.jchemed.chem.wisc.edu (en inglés).
  3. pdf Arquivado 12 de xuño de 2001 en Wayback Machine. (en inglés)
  4. Historia militar do U-34 (en inglés)
  5. Historia militar do ZP-14 Arquivado 12 de xuño de 2001 en Wayback Machine. (en inglés).
  6. Informes de prensa[Ligazón morta] (en inglés).
  7. Documento de JP Aerospace sobre dirixibles orbitais (en inglés).
  8. "Walrus". Arquivado dende o orixinal o 26 de agosto de 2005. Consultado o 27 de novembro de 2009. 
  9. Industria de defensa (en inglés).
  10. Gallows Pole (en inglés).

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar